- Tematica
O venres 25 de agosto a partir das 20.30 horas terá lugar unha nova edición das “Noites en Vela”, evento que se consagra como unha tradición que vincula aos concellos de Ames e Negreira dende o ano 2016, e que só puido interromper a pandemia durante as edicións do 2020 e 2021.
Apagarase o alumeado público e as candeas volverán a iluminar a Ponte Maceira nun día no que centos de persoas adoitan discorrer por este monumento para desfrutar dunha velada de música e cultura que culminará cun espectáculo pirotécnico á altura da noite. Este programa, garantía de éxito, trata de poñer en valor unha paraxe paisaxística e monumental como é a Ponte Maceira, declarada ben de interese cultural (BIC) e localización que forma parte dos pobos máis bonitos de España.
Este ano os encargados de amenizar a noite serán as “Pandereteiras de Costaneira”, que darán paso a “Tres Pesos” e estes a un espectáculo pirotécnico que finalizarán a velada.
Os rexedores de Ames e Negreira, Blas García e Ángel Leis, colaboran estreitamente dende ano 2015 para seguir mantendo este monumento en boas condicións. O alcalde de Ames e concelleiro de cultura, apunta que “dende que chegamos ao goberno as respectivas corporacións de cada concello, a sintonía para realizar proxectos de forma conxunta é total”. Pola súa parte, Leis asegura que “Negreira e Ames seguirán traballando xuntos para manter viva esta tradición durante moitos anos”.
HORARIO:
- Pandereteiras de Costaneira - 20:30 horas
- Tres Pesos - 21:00 horas
- Espectáculo pirotécnico - ao remate da velada