- Tematica
O evento literario que estaba previsto para o pasado xoves, 15 de outubro, tivo que ser adiado por problemas técnicos. “Afinidades electivas”, un programa de animación á lectura, promovido polo Ministerio de Cultura a través da Dirección Xeral do Libro, trae a Ames a Charo Pita e Ana Griot. O acto, que se pospón para o vindeiro luns 19 de outubro ás 20.00 horas, retransmitirase en directo a través da plataforma zoom. O id da reunión é: 824 8807 8782, e o código: Ames.
O encontro literario pretende impulsar a actividade cultural nas librerías e apoia a creación literaria a través da difusión lingüística e cultural. A proposta chega a Ames da man da libraría Lenda e conta coa colaboración da Biblioteca Municipal de Ames.
A artista multidisciplinar, Charo Pita leva anos colaborando co Concello de Ames. As súas intervencións como narradora, música e poeta son de sobras coñecidas tanto no ámbito da infancia como dos adultos. Ten máis de vinte publicacións e outros tantos espectáculos estreados. Posúe ademais o premio Manuel Murguía de Relatos, o Espiral Maior de Poesía, o de narrativa do Concello de Culleredo e o de contos de Terror que convoca a Agrupación Cultural O Facho. Como narradora oral ten contado contos en Alemaña, Italia, Polonia e Nicaragua.
Ana Cristina Herreros, que utiliza na escrita o alcume de Ana Griot, é licenciada en Filosofía y Letras e en Lengua y Literatura Española e Iberoaméricana. Escritora e narradora, ademais de editora no selo “Libros delas Malas compañías” e autora do blog Ana Griott, a obra de Ana María está traducida ao catalán, ao francés e ao xaponés.
Tendo en conta as características destas dúas escritoras e as súas confluencias profesionais e biográficas, a proposta dun encontro entre Ana Cristina Herreros e Charo Pita posúe a cualidade de abranguer un amplo espectro de temas. Charo e Ana falarán do oficio de escribir, da literatura oral e da literatura escrita, da edición, do relato para adultos e do relato infantil. Ademais, o encontro está concibido en dúas linguas, o galego e o castelán.
Ao encontro entre ámbalas dúas autoras poderanse unir todas aquelas persoas que o desexen a través da plataforma zoom. O id da reunión é: 824 8807 8782, e o código: Ames. Celebrarase o luns, 19 de outubro, ás 20.00 horas.
O programa “Afinidades electivas” parte dunha subvención do Ministerio de Cultura na que participa a Librería Lenda de Bertamiráns. Lenda, en colaboración coa Biblioteca Municipal, organiza o evento.