Pestanas principais

A praza da Maía de Bertamiráns acolle unha exposición sobre as actuacións executadas a través da EDUSI Impulsa Ames

Martes, 05 de decembro de 2023

Esta mañá inaugurouse na praza da Maía, en Bertamiráns, unha exposición sobre as sete actuacións máis importantes executadas a través da EDUSI Impulsa Ames que remata a finais deste mes de decembro. Ditas actuacións están cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Esta mostra estará exposta en Bertamiráns ata o día 11 de decembro. O martes, 12 de decembro, será trasladada O Milladoiro, para instalala na Travesía do Porto, en fronte ao acceso ao parque verde central. O obxectivo da exposición é que a veciñanza coñeza os proxectos que se executaron con cargo a estes fondos europeos.

O alcalde de Ames, Blas Garcia; a concelleira responsable das Unidades de Execución, Susana Señorís; e mailo técnico municipal que se encargou da coordinación da Unidade de Xestión, Juan Carlos Carreja; foron os encargados de facer balance da execución da EDUSI Impulsa Ames, que foi posta en marcha no ano 2017, tras ser seleccionado o Concello de Ames na segunda convocatoria de ditos fondos europeos.

Comezou a quenda de intervencións a concelleira responsable das Unidades de Execución, Susana Señorís, que explicou “trátase dunha mostra coa que pretendemos repasar as principais actuacións cofinanciadas polo Concello e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o denominado fondo FEDER, no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Estes oito totems que conforman  exposición permanecerán aquí ata o luns 11 de decembro”.

Susana Señorís engadiu que “a partir do martes, 12 de decembro, estarán expostos na Travesía do Porto para que os veciños e as veciñas do Milladoiro poidan visualizar tamén os sete proxectos principais acometidos ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames. Esta mostra repasa o conxunto das grandes liñas de actuación da EDUSI. Unhas grandes liñas que foron concebidas para transformar o noso concello e para mellorar a vida da nosa veciñanza, e que nos obrigan a remontarnos polo menos oito anos atrás”.

A continuación interviu, Juan Carlos Carreja, coordinador da Unidade de Xestión. O técnico municipal destacou que “para o novo período de financiamento de fondos europeos, que xa comezou en 2022, o Concello de Ames debará traballar na elaboración da Axenda urbana de Ames, que será o novo documento estratéxico que nos permitirá afrontar novos retos e seguir facendo melloras no noso medio urbano e natural, preocupándonos da vida social dos nosos veciños e veciñas”.

Ademais dixo que “hoxe neste acto está representada practicamente toda a Corporación municipal, iso quere dicir que somos copartícipes. As actuación que se executaron a través da EDUSI Impulsa Ames foi posible gracias a colaboración de todos e todas as que hoxe estamos aquí. E así ten que seguir sendo, implicando á cidadanía que ten que adoptar un papel máis protagonista, xunto coa parte técnica para elaborar a documentación técnica, e cunha planificación estratéxica. A partir de aí poderemos traballar para facer un concello mellor”.

Pechou o acto o alcalde de Ames, Blas García, comezou agradecendo o traballo de todas as persoas que interviron na execución da EDUSI Impulsa Ames comezando polo anterior alcalde, Jose Miñones, e polos/as concelleiros/as de Corporacións municipais anteriores que participaron en dito plan.

“Nesta EDUSI levamos moitos meses traballando e houbo certos atrancos e inconvenientes, pero o realmente importante é que se puideron executar proxectos importantes como foi a améndoa central de Bertamiráns, os carreiros escolares de Bertamiráns e do Milladoiro, e maila recuperación de zonas verdes no Milladoiro, entre outros. O importante é que estes proxectos van a mellorar a vida dos veciños e veciñas de Ames. A EDUSI deseñouse pensando en mellorar a calidade de vida da veciñanza e tamén para axudar ás empresas e establecementos comerciais para que poidan ter unha mellor actividade económica. Estamos convencidos de que temos que poñer as cidades e mailos núcleos urbanos a disposición das persoas”.

Por último destacou “a importancia dunha actuación que igual é menos vistosa que outra pero que resulta fundamental como  foi o programa Ames Emprega e Integra. Creo que temos que seguir traballando nesa liña axudando ás persoas que o necesitan, facendo cursos de formación e integración. Participaron preto de 600 persoas, algunhas delas saíron do programa cun posto de traballo e outras formadas para poder acceder ao mercado laboral”.

Exposición sobre as actuacións da EDUSI Impulsa Ames
Dita exposición recolle o antes e despois das sete actuacións máis importantes executadas a través da EDUSI Impulsa Ames, que comezou en 2017 e remata a finais deste mes de decembro. Son sete actuacións principais, que van desde a humanización de espazos, ata a formación e integración laboral da veciñanza que o precisaba, pasando polo fomento de hábitos de vida saudables ou a redución dos riscos de inundacións. É dicir, todo un catálogo de boas prácticas e de melloras centradas nun propósito común: o benestar da veciñanza de Ames.

En Bertamiráns, un dos cambios máis visibles e que máis beneficios pode aportar á veciñanza, é a nova améndoa central, unha actuación que permitiu mellorar a conexión de prazas, rúas e zonas verdes, sen necesidade de prohibir o tráfico rodado, pero priorizando sempre o protagonismo dos peóns e dos ciclistas. A través de dita actuación mellorouse a comunicación cos equipamentos públicos e as zonas verdes, contribuíndo á dinamización da economía e do comercio local. Actuouse en seis rúas e dúas prazas en tres fases distintas de execución. Converteuse o centro urbano de Bertamiráns no eixe vertebrador da vila, sen prohibir o tráfico rodado, e dándolle prioridade ás persoas para favorecer que os percorridos cotiáns se realicen a pé.

Os hábitos saudables están tamén detrás dos obxectivos dos carreiros escolares de Bertamiráns e do Milladoiro. Que os cativos e os mozos vaian a pé ou en bicicleta á escola é un dos retos da Organización Mundial da Saúde. Está demostrado que ese hábito tan sinxelo favorece a súa autonomía e independencia, as súas relacións, e a súa saúde cardiovascular e mental. Reduce a contaminación e os atascos en hora punta. E dende a apertura destas novas rutas seguras, as familias poden estar tranquilas mentres os seus fillos e fillas acoden aos seus centros de estudo cada día, a calquera hora.

Por outra banda, especialmente no inverno, cando tarda en amencer e os días son máis curtos pola tarde, a substitución de lámpadas LED non só permite contaminar menos e aforrar milleiros de euros ao ano ás arcas do Concello, senón que mellora tamén a saúde e o descanso da xente ao minimizar a contaminación lumínica e, ademais, optimiza a seguridade viaria. En total, substituíronse arredor de 1.000 luminarias convencionais por outras con tecnoloxía LED, de potencia inferior pero que achegan un fluxo luminoso similar. Nalgunhas aproveitouse a luminaria e instalouse retrofit. Tamén se cambiaron 210 soportes por outros de máis altura.

Ademais, a veciñanza de Bertamiráns lémbrase das enchentes constantes que padecían cando as chuvias eran intensas. As obras de canalización e do paseo fluvial aliviaron eses episodios, pero coa nova Estación de Aforo que se instalou no Rego dos Pasos poderase anticipar e detectar en tempo real calquera suba de caudal que se produza, e actuar con rapidez e eficacia. Dun lado colocouse un panel solar fotovoltaico e mailo armario de control do sistema, e doutro lado está o nivel de medición do caudal e maila sonda de nivel. É un sistema de prevención de inundacións que proporciona unha alerta en zona de risco de enchentes. En caso de alerta actívase o plan de emerxencias municipal.

Hai que destacar tamén a relevancia dunha actuación como o Plan Ames Integra e Emprega, do que se beneficiaron máis de 580 alumnos e alumnas, que puideron formarse para ter máis posibilidades de atopar un posto de traballo. De xullo a novembro impartíronse un total de 13 cursos de formación sectorial, pensados para incrementar o índice de inserción laboral e social no municipio. Do total de 580 participantes do programa (máis do 75% foron mulleres), a maior parte realizaron un itinerario de inserción laboral, mentres que 204 persoas participaron en accións de formación.

No Milladoiro tamén se recuperaron espazos verdes para o uso e desfrute da veciñanza. Deste xeito, creouse unha nova zona de percorridos ambientais na zona sur da localidade co obxectivo de que sexan aproveitados tanto para facer deporte coma para andar e pasear por un entorno natural. Creáronse dúas rutas: unha circular (na que se executaron obras de drenaxe para consolidar o firme da senda proxectada e o correcto encanamento das augas de escorrentía existentes nesa zona) e outra que discorre cara os depósitos municipais de auga do Milladoiro (utilizando camiños granulares existentes e mellorados que chegan ata os depósitos municipais de auga). Outras actuacións executadas foron a colocación de alumeado público sostible, tanto para a praza de acollida como nos novos percorridos ambientais. Tamén se colocaron carteis informativos explicativos de todas as rutas.

Este proxecto súmase ao executado na zona norte do Milladoiro onde se mellorou o parque verde que está situado xunto á área de instalacións deportivas, Casa da Cultura e IES. Deste xeito, creouse medio quilómetro de novas sendas peonís; acondicionáronse os accesos ao parque segundo a normativa de accesibilidade; instalouse un novo sistema de alumeado LED con 23 novas luminarias; 2 mesas de tenis de mesa; un novo mobiliario urbano (8 bancos e mesas), 14 papeleiras e 2 fontes (unha delas accesible); e un novo sistema de drenaxe e rego automático. Tamén se plantou nova vexetación, 35 carballos, 9 abeleiras e enredadeiras en 9.500 metros cadrados.

Por último, está en fase de execución a construción do centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica do Milladoiro, que estará situado na avenida do Muíño Vello, na zona norte do Milladoiro.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Inauguran en Bertamiráns unha exposición coas actuacións de desenvolvemento urbano sostible"

A praza da Maía de Bertamiráns acolle unha exposición sobre as actuacións executadas a través da EDUSI Impulsa Ames

Multimedia

  • A praza da Maía de Bertamiráns acolle unha exposición sobre as actuacións executadas a través da EDUSI Impulsa Ames
  • A praza da Maía de Bertamiráns acolle unha exposición sobre as actuacións executadas a través da EDUSI Impulsa Ames
  • A praza da Maía de Bertamiráns acolle unha exposición sobre as actuacións executadas a través da EDUSI Impulsa Ames
  • A praza da Maía de Bertamiráns acolle unha exposición sobre as actuacións executadas a través da EDUSI Impulsa Ames
  • A praza da Maía de Bertamiráns acolle unha exposición sobre as actuacións executadas a través da EDUSI Impulsa Ames
  • A praza da Maía de Bertamiráns acolle unha exposición sobre as actuacións executadas a través da EDUSI Impulsa Ames
  • A praza da Maía de Bertamiráns acolle unha exposición sobre as actuacións executadas a través da EDUSI Impulsa Ames
  • A praza da Maía de Bertamiráns acolle unha exposición sobre as actuacións executadas a través da EDUSI Impulsa Ames
  • A praza da Maía de Bertamiráns acolle unha exposición sobre as actuacións executadas a través da EDUSI Impulsa Ames
  • A praza da Maía de Bertamiráns acolle unha exposición sobre as actuacións executadas a través da EDUSI Impulsa Ames