[14-02-2012] A Fundación Preescolar na Casa e o Concello de Ames están desenvolvendo dende o pasado mes de setembro unha nova edición do programa Espazos das Familias. As reunións de Preescolar na casa celébranse polas mañás nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Concretamente, as reunións son os mércores cada quince días, en horario de 12:00 h a 14:00 horas, un mércores en Bertamiráns e outro no Milladoiro. Ademais, os luns, tamén cada quince días, en horario de 12:00 h a 14:00 horas, realízanse reunións con familias inmigrantes. Agora, amplíase o programa de Espazos das Familias ás tardes dos luns e dos xoves. A presentación destas novas xuntanzas será o xoves 16 de febreiro, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro e o luns 27 de febreiro, tamén ás 17:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.
O Concello de Ames e a Fundación Preescolar na Casa amplían o programa educativo de apoio ás familias a partir do mes de febreiro. Esta actividade é totalmente de balde para os participantes e está dirixida a pais e nais con nenos/a de entre cero e tres anos. Pódese asistir a este programa de formación tanto se os cativos/as van a unha escola infantil coma se non, xa que se traballa sobre todo na formación dos proxenitores.
O programa de Espazos das Familias leva desenvolvéndose en Ames dende o pasado mes de setembro. As reunións son os mércores cada quince días ás 12.00 horas da mañá en Bertamiráns e no Milladoiro, en mércores alternos. Ademais os luns, tamén cada quince días, na Casa da Cultura do Milladoiro as familias inmigrantes poden beneficiarse deste programa.
Dende o mes de febreiro amplíase o programa de Espazos das Familias. Ademais das reunións que se celebran en horario de mañá a partir de agora haberá reunións en horario de tarde. Estas xuntanzas desenvolveranse cada quince días, os luns pola tarde, ás 16:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns e os os xoves, tamén ás 16:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A presentación destas novas xuntanzas será o xoves 16 de febreiro, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro e o luns 27 de febreiro tamén ás 17:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns.
Tempo de calidade cos/as fillos/as
Preescolar na casa ofrécelles ás familias espazos para poder compartir un tempo de calidade cos/as fillos/as e outras familias, a posibilidade de dialogar, reflexionar e analizar a vida cotiá e a súa influencia na educación. A posibilidade de descubrir e afondar no desenvolvemento dos nenos e nenas para comprendelos mellor e ter actuacións axeitadas. A posibilidade de desenvolver na sociedade unha cultura da educación infantil familiar.
A través deste programa preténdese formar uns pais e nais preparados en educación infantil, dispostos a aprender para mellorar a acción educativa cos/as seus fillos/as, e uns nenos/as que medren e se desenvolvan sans, equilibrados e competentes. Este programa consta de reunións quincenais de orientación nas que participan nais/pais cos seus fillos/as xunto cun/ha orientador/a.
Preescolar na Casa consiste en reunións quincenais entre os pais, nais e nenos/as participantes acompañados dunha orientadora, nas que se comparten dúbidas e experiencias coas outras familias e se realizan actividades axeitadas a cada idade como xogos, cancións ou contos.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Preescolar na casa amplía o seu programa no Concello de Ames"