Pestanas principais

Preludio das festas da Madalena este venres no Milladoiro con teatro infantil e concertos

Xoves, 21 de xullo de 2016

[21-07-2016] Este venres, 22 de xullo, é día de festas no Milladoiro. O “teatro de sombras” das Educultoras, a actuación do grupo Aramio na praza de Manuel Murguía e a actuación de bailes latinos dos mestres da Escola Tomasón servirán como preludio ás festas da Madalena, que se celebrarán a primeira fin de semana do mes de agosto no Milladoiro.

A veciñanza do Milladoiro espertarase este venres coas bombas de palenque que anuncian as festas da Madalena. Haberá cinco días, o venres 22 de xullo, o venres 5, o sábado 6, o domingo 7 e o luns 8 de agosto, con concertos, exhibicións, teatro e actos litúrxicos para conmemorar á patroa do Milladoiro. A Casa da Cultura do Milladoiro acolle a primeira actuación desta celebración, o Teatro de Sombras da cooperativa Euducultoras. Está formada por cinco profesionais, mestras, pedagogas, educadoras sociais, e o teatro de sombras forma parte dunha das súas actividades educativas. Para descubrir como son as personaxes protagonistas o público deberá imaxinalas e debuxalas. A obra, que comeza ás 20:00 horas, é de entrada gratuíta e libre ata completar o aforo do auditorio da Casa da Cultura.

Ás 22:30 horas, na praza de Manuel Murguía, comezará o concerto do grupo Aramio. Composto por Noelia Rivas (voz), Luis Cuña (voz) Daniel Insuela (voz), Néstor Alonso (guitarra e teclados), Francisco Martínez (teclados), Manuel Bastón (batería) e César González (baixo e guitarra), o grupo realizará dous pases, ofrecendo no segundo versións de coñecidos grupos como Bon Jovi, Queen ou Scorpions. Tras eles, e para rematar este primeiro día de festa, os mestres da escola de baile El Tomasón, Tania e Orlando, realizarán unha demostración de baile ás 24:00 horas.

Programación dos días 5, 6, 7 e 8 de agosto
O venres 5 de agosto o festival MillaRock volve ao Milladoiro. Un encontro musical que, trala súa paralización no 2011, se celebra de novo coa participación de tres grupos, un amesán e dous da contorna: Agoraphobia, Ith e Biribirlocke. Comezará ás 21:00 horas na praza da Madalena do Milladoiro.

O sábado, 6 de agosto, as bombas volverán anunciar o comezo dun gran día de festa. Ás 20:00 horas, disputarase o IV Torneo de Peñas no campo de fútbol do Milladoiro, unha serie de partidos amistosos xogados entre os seareiros das peñas deportivista, celtista e madridista de Ames e o equipo de veteranos do Milladoiro SD. Ás 22:00 horas a discomóbil Eme-Music, liderada pola cantante Vanesa Mouza, abrirá a noite de actuacións musicais. Seguirán o Grupo Triunfo, ás 23:30 horas, e unha disco móbil co Dj Marcos Magán, a partir da 01:00 horas.

O domingo 7 unha nova salva de bombas de palenque anunciará, ás 10:00 horas, o día grande das festas da Madalena. Ás 13:00 terá lugar unha misa solemne na capela da Madalena. Na propia praza da Madalena, onde se atopa a capela, celebrarase a partir das 14:00 horas a sesión vermú a cargo da Banda de música da SR de Calo. Xa pola noite actuará, ás 22:30 horas, a orquestra Gestorke. Unha sesión de fogos de artificio despedirá a xornada de festa ás 23:45 horas.

O luns, 8 de agosto, continúan as celebracións, co pasarrúas que fará a agrupación folclórica Os Retranqueiros de Ames por Ventín, Paramuíño, A Grela e Vilar de Calo. Ás 19:00 horas terá lugar no campo da festa o espectáculo infantil As Pamisuki. Outra misa celebrarase na capela da Madalena ás 21:00 horas, co traslado da imaxe da virxe da Madalena á capela ás 21:30 horas. O grupo feminino vigués M3 e a orquestra París de Noia porán o broche final a esta edición das festas da Madalena, a partir das 22:00 horas.

Últimas noites na terraza no Milladoiro
Os bares e locais do Milladoiro organizaron no mes de xullo unha serie de concertos nas súas terrazas. O venres 29 de xullo actuará o dúo Versus, formado polo guitarrista Cristian e a cantante Loren, no bar 500 ás 22:00 horas. O último concerto, o venres 5 de agosto, terá por escenario a terraza da cafetería Samarkanda. Nel actuará Aixa Romay, gañadora de varios festivais, coma o festival de Landro, e concursante do programa “Tú sí que vales”, a partir das 21:30 horas.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Comienzan las fiestas de la Madalena en Milladoiro"
El Correo Gallego: "Teatro infantil e concertos foron onte o preludio das patronais de Milladoiro"