Pestanas principais

Premios e actividades para a rapazada na “Volta ao cole co comercio”, os días 5 e 6 de setembro no Milladoiro e Bertamiráns

Martes, 16 de agosto de 2022

Co fin de dinamizar o comercio e a hostalaría local nos días previos ao comezo do curso lectivo, a Concellaría de Promoción Económica, en colaboración coa Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), organiza as xornadas de “Volta ao cole co comercio”, dúas tardes de propostas lúdicas e sorteos que se desenvolverán o luns 5 de setembro, no Milladoiro, e o martes 6, en Bertamiráns. A iniciativa ofrecerá actividades ás nenas e nenos de 3 a 11 anos, das 17:00 ás 19:00 horas, e á mocidade dos 12 aos 18, das 19:00 ás 21:00 horas, ademais de contar con arredor de 160 premios valorados en máis de 2.000 euros.

A zona verde da travesía do Porto, no Milladoiro, e o parque do Ameneiral, en Bertamiráns, van acoller os días 5 e 6 de setembro, respectivamente, dúas tardes de actividades para amenizar os preparativos da volta aos centros de ensino, fomentando á vez o comercio e a hostalaría dos dous principais núcleos de Ames. Trátanse das xornadas “Volta ao cole co comercio”, que organiza por primeira vez a Concellaría de Promoción Económica coa colaboración con XEA, e que se desenvolverán de 17:00 a 21:00 horas, con dúas franxas horarias diferenciadas.

En primeiro lugar, e ata ás 19:00 horas, será a quenda das nenas e nenos dos 3 aos 11 anos, mentres que na segunda metade do serán tomarán a remuda os mozos e mozas de 12 a 18 anos. A rapazada que asista aos eventos poderá gozar de diversas actividades adaptadas ás diferentes idades, como inchables, xogos do mundo, coches a pedais, tiro con arco, escalada nun rocódromo con tirolina, ou mesmo un toro mecánico.

Todas estas propostas lúdicas estarán acompañadas do sorteo duns 160 premios, valorados en máis de 2.000 euros, e que inclúen agasallos de electrónica e vales de compra para establecementos relacionados coa volta aos centros de ensino, como por exemplo papelarías, librarías ou tendas de roupa para nenas e nenos.

Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu a presentación destes dous días de actividades, á que asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago, e o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Jorge López.

Abriu o acto a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, que desexou que esta sexa “a primeira de moitas edicións” desta iniciativa. “Con esta proposta queremos seguir dinamizando as nosas rúas e tamén premiar aos nosos pequeveciños e veciñas, mozos e mozas, por estes dous anos de volta ao cole tan raros e duros. Coa volta aos centros de ensino as nais e pais invisten moito no comercio e á hostalaría local, por iso queremos un día de festa para as familias, que ademais sirva para seguir axudando ao noso tecido comercial”.

No mesmo senso pronunciouse o técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago. “Cremos que esta ‘Volta ao cole’ aquí en Ames debería quedar xa para sempre, temos unha cantidade de nenas e nenos impresionante da que estar orgullosos. Parécenos que facer unha festa para toda a rapazada, implicando ao comercio a través de XEA e da Concellaría de Promoción Económica é o ideal. Animamos a todo o comercio a que participe, e que todas as rapazas e rapaces se divirtan, vai ser unha xornada festiva para eles, con moitísimas actividades, na que poderán ver que en Ames o temos todo, e que somos un concello novo e xuvenil”.

Pola súa banda, o presidente de XEA, Jorge López, detallou como colabora a súa asociación. “Parécenos unha gran iniciativa, os nosos comercios intentarán facer tamén un pequeno esforzo para colaborar nestes días. Dende a Xuntanza repartiremos un vales que só se poderán usar nas tendas relacionadas coa ‘volta ao cole’, aínda que ao final sexa algo que acaba beneficiando a todo o mundo. Esperamos que a proposta se volva repetir, e que sirva de axuda tanto para o comercio como para os nosos veciños e veciñas”.

Pechou a quenda de intervencións o alcalde de Ames, Blas García, que en primeiro lugar agradeceu a colaboración con XEA e con outras asociacións, sen as que sería “moito máis complicado desenvolver todas as nosas actividades e o noso traballo diario”. Ademais, García destacou a importancia de iniciativas coma esta nun concello “vivo, dinámico e o máis novo de Galicia”. “Xunto a Salceda de Caselas somos o único concello no que temos máis nacementos que falecementos, e a nosa intención é que siga sendo así. Aparte de mellorar servizos de conciliación, é importante xerar actividades e eventos como esta ‘volta ao cole’, que é o primeiro ano que facemos e que ten dous obxectivos claros: por unha banda, que os máis pequenos teñan unha festa de seu e que se sintan orgullosos do seu concello, e tamén poñer en valor unha vez máis o noso comercio local”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames ofrecerá un programa lúdico para favorecer la venta de material escolar"

El Correo Gallego: "Juegos y sorteos animarán a comprar en las dos urbes para la vuelta al cole"

Premios e actividades para a rapazada na “Volta ao cole co comercio”, os días 5 e 6 de setembro no Milladoiro e Bertamiráns

Multimedia

  • Premios e actividades para a rapazada na “Volta ao cole co comercio”, os días 5 e 6 de setembro no Milladoiro e Bertamiráns
  • Premios e actividades para a rapazada na “Volta ao cole co comercio”, os días 5 e 6 de setembro no Milladoiro e Bertamiráns
  • Premios e actividades para a rapazada na “Volta ao cole co comercio”, os días 5 e 6 de setembro no Milladoiro e Bertamiráns