O BNG de Ames expresa a súa preocupación a través da voceira Escarlata Pampín, “sentimos un profundo desacougo ante esta situación que fai que a veciñanza de Ames teña que seguir agardando por un colexio indispensable para o alumnado do noso concello, preocúpanos non só a tardanza que isto implica senón tamén a actitude da Xunta á hora de xestionar o proceso de licitación, que obviamente non contou co presuposto preciso”.
De novo a entrega do CEIP do Milladoiro sofre atrasos, xa que nun principio estaba incluído no Plan de Infraestruturas de 2016- 2020, despois situaban a data de finalización das obras a mediados do 2025, e agora, non será ata o curso 2027/2028 cando estea en funcionamento.
“Esperamos que desta vez a previsión si se cumpra, e a nova licitación que anuncia a Xunta conte cun orzamento base real e adecuado ó proxecto para que as familias poidan ter un colexio adaptado ás necesidades de Ames, tendo en conta ademais que falamos dun dos núcleos de maior dinamismo demográfico de Galicia”.
A Xunta segue desatendendo a Ames, concretamente ó Milladoiro, porque nin cómpre coas necesidades demandadas pola comunidade educativa do colexio de Ventín dende o inicio do curso escolar, nin cos prazos prometidos para a realización deste novo centro tan necesario.