- Tematica
O Concello de Ames recibiu máis de 400 solicitudes á liña de axudas incluídas no Plan Reactiva Ames. O obxecto destas axudas, que concederá o Concello de Ames como concello adherido ao Fondo de Financiamento promovido pola Deputación da Coruña, é impulsar a actividade económica e o emprego no termo municipal amesá e contribuír a paliar na medida do posible os danos derivados da pandemia da COVID-19, nas microempresas e autónomos/as. O Concello de Ames destina a esta liña de axudas un total de 582.547,86 euros. O Fondo de Financiamento constitúese cun 80% de achega da Deputación da Coruña e un 20% financiado con fondos propios do concello. Deste xeito, o Concello de Ames achega 116.509,57 euros e a Deputación da Coruña concede 466.038,29 euros.
A finalidade destas axudas é facilitar medios ás microempresas e persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que teñan o seu domicilio fiscal no concello de Ames como concello adherido ao Fondo de Financiamento, para facer fronte ás consecuencias derivadas da crise motivada pola COVID-19, e contribuirá súa recuperación e viabilidade no novo contexto socioeconómico.
Deste xeito, presentáronse 434 solicitudes a esta liña de axudas. Houbo 299 solicitudes dentro do grupo I (microempresas e autónomos/as que se visen afectados polo peche); 68 do grupo II (microempresas e autónomos/as que non se visen afectados polo peche, pero cuxa facturación no segundo trimestre fiscal de 2020 se vira reducida, polo menos, nun 75% en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do estado de alarma); e 67 do grupo III (microempresas e autónomos/as que se viran na obriga de acollerse a un ERTE). Na actualidade estase rematando de revisar todas as solicitudes presentadas e requirindo documentación ás empresas/autónomos que presentaron solicitudes.
Cómpre lembrar que a Corporación municipal aprobou por unanimidade no pleno ordinario do pasado mes de agosto o crédito extraordinario por valor de 116.509 euros, a través do cal o Concello de Ames sufragará o 20% do importe total que lle corresponde a Ames do Plan provincial Reactiva. A modificación aprobada financiarase con remanente con baixas por anulación de actuacións que non se van a desenvolver no exercicio 2020.
Posibles beneficiarios das axudas
As persoas beneficiadas destas axudas son traballadoras autónomas con, ou sen, traballadores/as ao seu cargo e microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que se visen afectadas polo peche, a redución de ingresos ou os ERTES, debido a situación ocasionada pola Covid-19.
Os beneficiarios/as das axudas deben ter o seu domicilio fiscal no concello de Ames e non se lles permite ter débeda ningunha co Concello. Ademais, deben estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Deputación da Coruña, así como coa AEAT e coa TXSS.
Como requisito das persoas xurídicas, estableceuse que a data de constitución da empresa, atendendo á data de primeira inscrición, no rexistro público correspondente, debía ser anterior á entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.
Reforzo do departamento de Promoción Económica
Para a xestión e tramitación do Plan Reactiva Ames e dar resposta a esta alta demanda de solicitude de axudas, reforzouse cunha administrativa e unha auxiliar administrativa o departamento de Promoción Económica, responsable da tramitación das axudas e subvencións de dito plan, para axilizar á súa concesión, xestión e seguimento e facilitar así a dinamización da actividade económica. Os fondos para ditas contratacións tamén foron previstos no Plan de reactivación e dotados e aprobados no suplemento de crédito do pasado mes.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “acabamos de reforzar o departamento administrativo do Concello, responsable da tramitación das axudas e subvencións do plan Reactiva Ames, para axilizar á súa concesión, xestión e seguimento e facilitar así a dinamización da actividade económica. Con esta medida, dende o Concello estarase contribuíndo tamén á creación de emprego no municipio. En concreto, contratouse a unha administrativa e unha auxiliar administrativa para o departamento de Promoción Económica”.
Criterios de valoración
As solicitudes que cumpran cos requisitos establecidos nas bases reguladoras, puntuaranse seguindo uns criterios de valoración como é o tipo de empresa, a súa forma xurídica, número de mulleres, menores de 30 anos e persoas con diversidade funcional contratadas. Tamén se terá en conta o uso da lingua galega na realizacións das súas actividades.
Estas axudas serán compatibles con calquera outra concedida por entidades públicas ou privadas, sempre que o importe total das axudas percibidas polo mesmo concepto non supere o custo total dos gastos subvencionables polas presentes axudas, e ata un máximo de 40.000 euros. O importe de axuda a conceder será minorada na cantidade que exceda deste límite.
O Concello de Ames aboará o importe da subvención concedida logo da presentación dos xustificantes de gasto ou facturas electrónicas escaneadas, efectivamente pagadas dentro do período subvencionable, correspondentes aos gastos subvencionables. Os beneficiarios da subvención deberán presentar a documentación xustificativa referida expresamente aos conceptos de gasto que lle foron subvencionados, como data máxima, o 31 de marzo de 2021.