- Tematica
O Concello de Ames vén de presentar este luns, 3 de outubro, alegacións ante a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, sobre a liña de evacuación do parque eólico da Picota que discorre polos concellos de Ames, Mazaricos, Negreira, A Baña e Santiago de Compostela. As alegacións do Concello, que se suman ás presentadas de xeito persoal por moitos veciños e veciñas de Ames, constan de oito puntos e solicitan que se rexeite a continuación da tramitación do proxecto de liña aéreo-subterránea 220 Kv SET PE A Picota 220 Kv-DET colectora Nova, que pasa polos concellos anteriormente citados entre os que se atopa Ames.
A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) o acordo para someter a información pública o proxecto Liña aéreo-subterránea 220 kV SET PE A Picota 220 kV – SET colectora Nova, que afecta aos concellos de Mazaricos, Negreira, A Baña, Ames e Santiago de Compostela. Dende o martes 23 de agosto e ata o luns 3 de outubro de 2022, o proxecto estivo en fase de envío de suxestións, achegas e opinións.
Cómpre lembrar que o pasado 14 de setembro realizouse unha xuntanza informativa sobre a liña para parque eólico da Picota que atravesará os concellos de Mazaricos, Negreira, A Baña, Ames e Santiago de Compostela. Dita reunión informativa realizouse no local social de Tapia. Posteriormente púxose, a través da web municipal, dous modelos para presentar alegacións: un impreso para presentar alegacións de fincas particulares e outro impreso de alegacións xerais sobre a liña eólica.
O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “tal e como informamos na xuntanza mantida cos veciños e veciñas afectadas, o Concello de Ames vai a estar do lado dos propietarios e imos a traballar para que esta liña afecte o mínimo posible ás propiedades. Desde o Concello de Ames queremos trasladar a nosa preocupación porque liñas deste estilo crucen de xeito indiscriminado o noso concello, xa que é zona de paso para Santiago, polo que loitaremos para que o noso ceo non quede cuberto de cableado eléctrico, e que se respecte o noso espazo, ademais de preservar a saúde da veciñanza amesá”.
Alegacións presentadas
Deste xeito, o Concello de Ames presentou alegacións a dito proxecto no que se recollen oitos puntos. O primeiro atinxe á falta de prevención desta actuación no pan sectorial eólico xa que realizouse unha consulta do plan sectorial eólico actualmente en vigor en Galicia e resulta que a liña proxectada non se atopa prevista en dito plan sectorial.
Neste mesmo punto tamén se atinxe a que non se cumpren os criterios fundamentais para a ordenación dos tendidos eléctricos aéreos porque o percorrido da liña non se adapta á topografía nin xeomorfoloxía do terreo, dado que a traza non segue a orientación do parcelario, cruzando predios indiscriminadamente e sen valorar o efecto de segregación que xeran de facto os tendidos eléctricos. No concello de Ames moitos dos terreos polos que discorre a traza están considerados de alta produción agraria, dado que son terreos procedementos de concentración parcelaria. Ademais, o itinerario da liña non segue en paralelo a traza das vías existentes, xerando unha nova vía de afección que secciona o territorio. Por último, a traza proposta cruza no municipio varias liñas de alta e media tensión sen entroncar nelas nin dispoñerse en paralelo como esixen as directrices de ordenación do territorio.
Na segunda alegación alúdese ao fraccionamento dos parque eólicos da Picota I e II. Dividen as súas instalacións en dous parque eólicos cando en realidade constitúen unha mesma unidade de produción ao compartir elementos chave que non permiten o seu funcionamento por separado. Con iso o que se consegue é diluír os impactos ambientais do conxunto da infraestrutura industrial, xa que só se somete a exposición pública determinada parte do plan e de forma fraccionada, o que resta a participación da cidadanía na avaliación ambiental do conxunto.
Afección de terreos por incendios forestais e concentración parcelaria
Na terceira alegación atínxese á afección de terreos afectados por incendios forestais. Pódese apreciar que algúns dos terreos sobre os que discorren as instalacións da liña son montes que sufriron incendios forestais e están afectos á prohibición de cambio de uso recollido bna Lei de Montes de Galicia. A instalación dun novo tendido eléctrico de alta tensión significa un cambio de usos do monte. A cuarta alegación refírese á afección de terreos de concentración parcelaria, xa que un gran número das parcelas afectadas son resultado de procedementos de concentración parcelaria polo que teñen a consideración de solo rústico de especial protección agropecuario e calquera actuación sobre elas debería con co informe favorable do organismo que ostenta competencia sectorial na materia.
Na quinta alegación indícase que segundo o artigo 40.3.b da Lei 1/2021, de 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, o PIA (proxecto de interese autonómico) en tramitación é dos non previstos polo que haberá de axustarse ás directrices de ordenación do territorio e aos instrumentos de ordenación vixentes que concorran no ámbito, circunstancia que non se dá. O feito de que o proxecto non se tramite ao amparo do Plan Eólico de Galicia, é incuestionable, xa que a liña proxectada non se atopa incorporada no plan sectorial.
A sexta alegación alude á presunta utilidade pública e interese social do proxecto. Enténdese que a promotora incumpre o establecido no artigo 44 da Lei reguladora do aproveitamento eólico xa que non inclúe unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos sobre os que non obtivo un acordo cos seus titulares e sobre os que estima necesaria a expropiación nin unha relación concreta e individualizada daqueles cos que alcanzou un acordo. Este incumprimento debería levar aparellada denegación de declaración de utilidade pública do proxecto.
Indebida valoración ambiental
Na sétima alegación ponse de manifesto que o trazado formulado non ten sentido xa que perimetra o concello en vez de seguir unha liña recta, non reforza as liñas existentes nin discorre paralela ás estradas e vías e liñas existentes. A oitava e última alegación fai referencia á indebida valoración ambiental dos elementos que resultan afectados pola totalidade da superficie afectada. Así, vense afectados pola tramitación do parque eólico e das liñas colectoras, as carballeiras cun enorme valor paisaxístico, fauna e biodiversidade da zona, así como diferentes recursos hídricos que resultan seriamente afectados.
Ademais, faise referencia á afección severa e prexuízos significativos para os recursos híbridos. O trazado da liña de evacuación e do viario de mantemento vinculado, afecta gravemente as parcelas polas que transcorre.
Por último, nas alegacións do Concello, que se suman ás presentadas de xeito persoal por moitos veciños e veciñas de Ames, solicítase que se rexeite a continuación da tramitación do proxecto de liña aéreo-subterránea 220 Kv SET PE A Picota 220 Kv-DET colectora Nova que pasa polos concellos de Mazaricos, Negreira, A Baña, Ames e Santiago de Compostela.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Alegacións pola liña de evacuación do eólico de A Picota"
AMSGO!: "O Concello de Ames presenta alegacións contra a liña de evacuación do Parque Eólico A Picota"
Enfoques: "El Concello de Ames presenta alegaciones contra el parque eólico de A Picota"