Pestanas principais

Preséntanse seis empresas á licitación do Ciclo Integral da Auga no Concello de Ames

Mércores, 27 de xullo de 2016

[27-07-2016] A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, informa que o pasado venres, 22 de xullo, rematou o prazo de presentación de solicitudes de participación no procedemento aberto do Ciclo Integral da Auga. Dende o goberno municipal móstranse satisfeitos xa que se presentaron seis empresas a este concurso público de licitación, que quedou deserto noutras ocasións.

Nos vindeiros días farase pública a composición da Mesa de Contratación, que estará presidida polo alcalde-presidente ou concelleira/o no que delegue o rexedor municipal. Ademais, esta Mesa estará composta polos seguintes vogais: secretaria xeral da corporación ou funcionaria/o que o substitúa, interventora municipal ou funcionaria/o que o substitúa, o concelleiro delegado en materia de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos ou o concelleiro/a en quen delegue, e maila arquitecta municipal ou, no seu defecto, a arquitecta/o técnica/o municipal. Por último, como secretario/a da mesa participará unha funcionaria/o municipal.

Asemade, a Mesa nomeará, polo menos, un técnico na materia que desenvolverá as labores de asesoramento con voz pero sen voto. Tamén formarán parte da Mesa, con voz pero sen voto, unha/un representante de cada grupo da oposición designado previamente polos propios grupos.

As empresas que presentaron as solicitudes son FCC Aqualia, SA; Viaqua, gestión integral de augas de Galicia, SAU; Espina y Delfín, SL; Valoriza Agua, SL; Acciona agua servicios, SLU; e maila UTE constituída polas empresas Sociedad de Fomento Agrícola Castellonense, SA (FACSA) e Espina obras hidráulicas, SA.

Para o alcalde de Ames, José Miñones, "o obxectivo principal é poder comezar canto antes coa nova adxudicataria e poder así traballar na municipalización deste servizo. Hoxe temos dado un novo paso, moi importante".

Apertura da documentación administrativa das empresas
Por outra banda, dende o goberno municipal indican que proximamente procederase a apertura do ”sobre A” que contén a documentación administrativa das empresas licitadoras e a Mesa de Contratación comprobará a cualificación da documentación presentada de carácter xeral e defectos ou omisións que sexan emendables, concedéndolles ás empresas un prazo de subsanación non superior a tres días hábiles, de selo caso, para a súa corrección e subsanación ante a propia Mesa de Contratación.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, expón que “estamos ante a licitación máis complexa e importante do Concello, por tratarse dun servizo básico que afecta a toda a veciñanza, como é o servizo de abastecemento e saneamento do noso concello”.

“Desde o equipo de goberno mostramos a nosa satisfacción polo elevado número de empresas que se presentan a esta licitación, porque entendemos que é o resultado dun traballo consensuado, onde se elaboraron uns pregos que propoñen un cambio con novidades no modelo de xestión. Isto permitirá un maior control do servizo por parte do Concello, ademais de coñecer con detalle aspectos ata o de agora descoñecidos deste servizo, coma o estado da rede, os ingresos obtidos, etc, como paso intermedio para proceder a municipalización do servizo, que en definitiva é un dos nosos obxectivos finais”, finaliza dicindo Genma Otero.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Seis empresas optan á concesión do ciclo da auga de Ames"
La Voz de Galicia: "Seis empresas compiten por el contrato del agua de Ames"