- Tematica
A Concellería de Benestar Social e Igualdade organiza para o venres, 22 de novembro, a décimo cuarta edición das Xornadas Achégate á Igualdade, que se desenvolverán na Casa da Cultura de Bertamiráns. A xornada é gratuíta con aforo limitado. Está aberta a todo público interesado, dende profesionais da área ata público xeral, pasando por educadores e educadoras, alumnado, docentes, área da psicoloxía, da orientación, profesionais da administración pública, pais e nais. Na actualidade xa hai inscritas arredor de 80 persoas, entre elas está confirmada a asistencia de alumnado dos IES de Bertamiráns e do Milladoiro. Para participar hai que inscribirse no enderezo electrónico: xornada.ames@gmail.com. Premendo neste enlace podes descargar o programa completo das xornadas.
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación das XIV Xornadas Achégate á Igualdade que se realizarán o 22 de novembro. A dito acto acudiron Blas García, alcalde de Ames; Uxía García, concelleira de Benestar Social e Igualdade; Maite Arufe e Mónica Antelo, asesora xurídica e psicóloga do Centro de Información á Muller de Ames; e Belén Montesa e Juan Carlos Permuy, psicóloga/o e coordinadores de programas de CoidadosAmente.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “son unhas xornadas que todos os anos espertan o interese de profesionais e da veciñanza en xeral, e nesta edición céntranse na violencia sexual vinculándoa coa violencia de xénero. Este tipo de iniciativas son moi necesarias xa que están dirixidas a profesionais e á mocidade. É importante concienciar a mozos e mozas do problema que pode supor o consumo de pornografía. A mocidade debe entender que cada muller cando quere ter relacións sexuais quéreas ter en liberdade, non provocadas, nin forzadas”.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García, destacou “o traballo do persoal do Centro de Información á Muller, Maite Arufe e Mónica Antelo, e do persoal de CoidadosAmente, Belén Montesa e Juan Carlos Permuy, que son as persoas responsables da organización da programación desta xornada. Agardamos ter o éxito de participación que tivemos en edicións anteriores e que se inscriba moita xente para participar nas mesas redondas, conferencias e obradoiros que se van a realizar”.
A cofundadora e psicóloga sanitaria da empresa CoidadosAmente, Belén Montesa, explicou que “nesta edición dámoslle continuidade á temática das xornadas da pasada edición. Deste xeito, nesta edición abordamos a prevención da violencia de xénero, pero plantexándoa dende a ética dos coidados, intentando afondar en situacións excepcionais que non teñen tanta visibilidade, pero tamén están na base dos problemas que derivan en situacións de violencia de xénero”.
Mesas redondas e conferencia
O programa de actividades dará comezo ás 9.30 horas cunha mesa de apertura institucional. De seguido, de 10.00 a 10.45 horas, realizarase a primeira mesa redonda sobre Violencia sexual contra as persoas en situación de vulnerabilidade. Esta mesa estará presentada por María Teresa Arufe, asesora xurídica e directora do Centro de Información á Muller do Concello de Ames. Participarán Lorena Boquete Vila, da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), como psicóloga e sexóloga no marco do programa Dedaleira; Chelo Neira Leis, directora do Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas de xénero (CRI) e coordinadora da Rede Galega de Acollemento, de Santiago de Compostela; e Lorena Nieto Iglesias, do Colexio de psicoloxía de Galicia.
Posteriormente, ás 10.45 horas, impartirase a conferencia Green Flags: cultivando relacións saudables, que será presentada por María Teresa Arufe, asesora xurídica e directora do Centro de Información á Muller do Concello de Ames. Dita conferencia será ofrecida por María Rodríguez Suárez, doutora en Xénero e Diversidade na Universidad de Oviedo e sexóloga. É coordinadora do proxecto sexolóxico Rizoma e forma parte de RIXU Asociación de educación sexual y coeducación d´Asturies. Tamén é autora da guía Construcción del imaginario sexual en las personas jóvenes: la pornografía como escuela. Ás 12.15 horas farase unha breve pausa de media hora.
Teatro foro: Isto é amor? Decídeo ti
Ás 12.45 horas retómanse as actividades cunha sesión de teatro foro. Trátase dun recurso para transmitir desde a arte ao coidado da saúde mental. Será presentado por Mónica Antelo, psicóloga do Concello de Ames. A compañía Psiare representará Isto é amor? Decídeo ti. Trátase dunha representación na que se vai interactuar co público e na que ao final se convidará ao público a facer unha reflexión sobre o espectáculo.
Esta compañía, fundada en Zaragoza no ano 2009, nace da unión da psicoloxía, a arte e a educación para o desenvolvemento persoal e social. Gabriela Lafuente e Javier Casado crean espazos para poder compartir ideas, experiencias e emocións que xeran benestar físico, psíquico e emocional nas persoas participantes. Esta actividade desenvolverase ata as 14.45 horas.
Obradoiro para profesionais e familias
De 14.45h a 16.30 horas farase unha parada para xantar. Pola tarde, de 16.30h a 18.30 horas, impartirase o obradoiro, dirixido a profesionais e familias: Falemos do porno: a educación sexual como alternativa. Será presentado por Mónica Antelo, psicóloga do Concello de Ames, e impartido por María Rodríguez Suárez, doutora en Xénero e Diversidade na Universidad de Oviedo e sexóloga. É coordinadora do proxecto sexolóxico Rizoma e forma parte de RIXU Asociación de educación sexual y coeducación d´Asturies. Tamén é autora da guía Construcción del imaginario sexual en las personas jóvenes: la pornografía como escuela.
Trámite de inscrición
Trátase dunha xornada gratuíta que se vai a organizar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Para participar é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo xornada.ames@gmail.com indicando o nome, apelidos e lugar de residencia. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Na actualidade hai arredor de 80 persoas inscritas nas xornadas.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: " Ames cita a educadores e familias nas Xornadas Achégate á Igualdade"