Pestanas principais

Preséntase a Asociación de Entidades locais pola Lingua na Secretaría Xeral de Política Lingüística

Sábado, 16 de novembro de 2019

O pasado mércores, 13 de novembro, a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística do Concello de Ames, Escarlata Pampín, xunto aos alcaldes do Concello de Rianxo, Adolfo Muíños; e de Rois, Ramón Tojo Lens, reuníronse co secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín  García, co fin de presentarlle a acabada de constituír Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega. Nesta xuntanza tamén participaron as persoas responsables dos servizos de normalización destes concellos e do Concello de Pontevedra.

A asociación, na que se agrupan xa 17 concellos de toda Galicia, naceu coa vontade de colaborar na promoción do uso da lingua galega, a través da coordinación de proxectos de dinamización lingüística que na actualidade están a organizar de maneira conxunta e que co paso dos anos foron acadando unha dimensión moito maior. Algúns exemplos son o Programa Apego (primeira infancia), o Club de debate (mocidade), Youtubeir@s (tecnoloxías e comunicación), Enreguéifate (oralidade), etc.
 
Na xuntanza, que tivo lugar na sede compostelá da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Valentín García propuxo a posibilidade de asinar un convenio que sirva para apoiar os proxectos que desenvolva a asociación, sobre todo aqueles que están relacionados cos plans que a Administración autonómica está a implementar, como é o caso do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade (2018-2022). Ademais, tamén se valorou incluír neste convenio un programa de formación de calidade para o persoal técnico de normalización lingüística das administracións locais.
 
Tanto o secretario xeral como as representantes dos concellos, mostraron a súa boa predisposición a colaborar na medida do posible, tanto para difundir o traballo da asociación como para desenvolver outras accións que fomenten o traballo colaborativo entre as distintas administracións que teñen competencias na promoción e na defensa da lingua galega. A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega ten previsto reunirse en vindeiras datas con representantes doutras institucións, como son as presidencias das deputacións provinciais e da FEGAMP, co fin de valorar posibles vías de colaboración.

I Asemblea Xeral da asociación
Previamente a este xuntanza, o pasado martes. 29 de outubro, tivo lugar no auditorio de Rianxo a I Asemblea Xeral da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, asociación que se fundou o pasado mes de febreiro en Santiago de Compostela. O Concello de Rianxo, que exerce a presidencia durante os dous primeiros anos, acolleu a representación política e técnica dos demais concellos que pertencen á asociación: A Baña, A Coruña, Ames, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa.
 
Esta primeira Asemblea Xeral serviu para aprobar a adhesión de dúas novas entidades socias: os concellos de Betanzos e Redondela, e sobre todo, para determinar cal vai ser o xeito de organizar o traballo da asociación. Ademais, nesta primeira asemblea tomáronse acordos sobre a xestión da entidade e sobre a organización interna do traballo.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Respaldo de Política Lingüística ao colectivo municipal pola lingua"

Preséntase a Asociación de Entidades locais pola Lingua na Secretaría Xeral de Política Lingüística