Pestanas principais

Preséntase a batería de actividades programadas pola EMMA para o primeiro semestre do ano

Sábado, 28 de xaneiro de 2023

Onte foi presentada a programación de actividades que levará a cabo o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) entre os meses de febreiro e xuño, nun acto no que participaron a directora do centro, Pilar Martínez, e a concelleira de Cultura, Natividade González. Entre as actividades inclúense audicións, concertos, obradoiros, conmemoracións, unha xuntanza con outras escolas de música e o festival de fin de curso.

A EMMA está a organizar unha serie de iniciativas para os meses restantes de actividade lectiva no centro. A programación foi presentada nas instalacións da propia escola durante a mañá de onte pola súa directora, Pilar Martínez, e pola concelleira de Cultura, Natividade González, que fixeron fincapé no amplo abano de iniciativas das que poderá gozar tanto o estudantado como a cidadanía amesá ata o mes de xuño.

A directora da EMMA, Pilar Martínez, aproveitou a ocasión para loar o esforzo dos rapaces e rapazas que conforman a escola, recordando que “o talento hai que reforzalo con ensaios, traballo na casa, e bos profesores, como ten a EMMA”. Así mesmo, recordou a implicación de todos os docentes e da técnica responsable do centro, Almudena Caamaño.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Natividade González, agradeceu á directora o esforzo por sacar adiante unha programación tan variada e polas numerosas iniciativas que leva a cabo; e destacou a actitude e vocación do profesorado. “Traballar con persoal así é un pracer. Facemos un tándem perfecto para que a escola estea nos estándares”.

Actividades dende febreiro ata xuño
A primeira das actividades organizadas pola EMMA é unha quenda de audicións, que terán lugar os días 8, 9, 13 e 14 de febreiro no local da escola, na urbanización Aldea Nova. Os rapaces e rapazas que estudan na EMMA terán a ocasión de mostrar os coñecementos adquiridos durante o primeiro trimestre do curso escolar de cara ás familias e a calquera veciño ou veciña que queira achegarse a escoitalos. Daranse recitais de canto, guitarra, frauta, saxo, percusión e piano.

Tamén en febreiro, o día 15, terá lugar un concerto miúdo de Entroido, que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro ás 18:30 horas. Nel participarán os alumnos e alumnas máis cativos, que están dando os seus primeiros pasos no mundo da música. Doutro banda, o día 17, ás 19:30, haberá outro recital de Entroido, que correrá a cargo dos rapaces e rapazas máis maiores, e que xa contan cun amplo bagaxe musical. Así, desenvolveranse actuacións de todos os combos e grupos da EMMA.

Por segundo ano consecutivo haberá obradoiros musicais todos os sábados de marzo no local da EMMA, abertos ao público. Deste xeito, celebraranse talleres de batucada, de tubos e obxectos do mundo, de produción musical e de teatro musical.

Para conmemorar o Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de marzo, haberá unha actuación do combo de voces. Xa en maio, polo Día das Letras Galegas, o 17 de maio, terá lugar o recital do combo folk.

Co obxectivo de reunir á rapazada de distintos municipios para que intercambie impresións e gustos musicais, o día 28 de abril haberá un encontro de escolas de música na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 19:00 horas. Está previsto que participen as escolas musicais de Brión, de Negreira e do Grove.

Para finalizar o programa, o día 16 de xuño celebrarase o festival de fin de curso, ás 19:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Será tamén un acto público, ao que poderán asistir as familias e toda a cidadanía que o desexe.

A directora da EMMA, Pilar Martinez (esquerda) e a concelleira de Cultura, Natividade González (dereita)

Multimedia

  • Preséntase a batería de actividades programadas pola EMMA para o primeiro semestre do ano
  • Preséntase a batería de actividades programadas pola EMMA para o primeiro semestre do ano