Pestanas principais

Preséntase o cuarto campus de fútbol que organiza a Fundación Celta de Vigo no Milladoiro

Martes, 20 de xuño de 2017

[20-06-2017] Esta mañá o campo de fútbol do Milladoiro acolleu a presentación da cuarta edición do campus de fútbol da Fundación Celta de Vigo, que se desenvolverá nestas instalacións entre o 26 e o 30 de xuño. Á presentación acudiron o alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, o director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, o presidente do Milladoiro SD, Vicente “Checho” González, o presidente da Peña Celtista do Milladoiro, Brais Alonso, e mailo responsable dos campus do Celta de Vigo, Alex Abalde. A principal novidade este ano do campus será unha visita ás instalacións do Estadio de fútbol de Balaidos. Quedan dispoñibles as últimas prazas para participar neste campus.

O Concello de Ames, a Peña Celtista do Milladoiro, e o Milladoiro SD colaboran coa Fundación Celta de Vigo para poñer en marcha o cuarto campus de verán de fútbol, que se desenvolve neste municipio, co obxectivo de que os nenos e nenas amesás practiquen deporte e se divirtan nas vacacións. Este campus estará dirixido a nenos e nenas de 4 a 16 anos e levarase a cabo nas instalacións do campo municipal de fútbol do Milladoiro. Esta iniciativa tivo moi boa acollida nas tres edicións anteriores chegando aos 80 participantes nalgunha das edicións celebradas.

O director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, destacou que “para nós é unha satisfacción ver como ano tras ano vamos incrementando o número de nenos e nenas que participan nesta actividade que se imparte en Ames. A practica do fútbol é importante pero entendemos que a parte formativa é máis importante”. Ademais, Arteta, explicou que “as actividades que se desenvolven neste campus xiran arredor da práctica e formación deportiva, centrándose principalmente na transmisión de valores como a solidariedade, a creatividade, o traballo en equipo, o sacrificio, o compañeirismo e o respecto”.

O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, explicou que “a práctica de deporte ten que ser unha das principais actividades de cara o verán, para ocupar o tempo libre dos rapaces e rapazas, e así o facemos coa celebración de varios campus de fútbol, pero tamén se organizan campus de natación, piragüismo, baloncesto e voleibol. Este campus esperta moito interese no concello de Ames e grazas a Fundación Celta de Vigo volverase a organizarse. Houbo moitas persoas que antes de que se abrise o prazo de inscrición xa estaban preguntando por esta actividade”.

O campus desenvólvese do 26 ao 30 de xuño
O campus de verán da Fundación Celta de Vigo desenvolverase entre o 26 e o 30 de xuño no campo municipal do Milladoiro. Este evento deportivo realizarase de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas, excepto o venres 30 de xuño, que os rapaces e rapazas irán de excursión ao Estadio de Balaidos. Todos os días os participantes disporán dun pequeno almorzo composto por un bocadillo, froita, auga e bebidas isotónicas. A cada neno/as que participe neste actividade entregáraselle un equipamento oficial de marca ADIDAS, que estará composto por uns calcetíns, un pantalón e unha camiseta.

As clases serán impartidas por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Real Club Celta de Vigo. O obxectivo é o ensino e o perfeccionamento de tódolos conceptos relacionados co fútbol e o deporte. Os nenos recibirán unha formación técnica especializada de primeiro nivel nun ambiente de xogo e entretemento imprescindible para a súa aprendizaxe. Empregarase un sistema de aprendizaxe rotativo que dividirá o traballo en catro áreas diferentes: coordinación; técnica/táctica; multideporte; e competición.

Clausura do campus no Estadio de fútbol de Balaidos
A principal novidade este ano do campus será unha visita ás instalacións do Estadio de fútbol de Balaidos. Os nenos e nenas poderán ver o vestiario do primeiro equipo do Real Club Celta de Vigo, a sala de prensa, o túnel dos vestiarios e o mailo terreo de xogo. Asemade, aproveitarse esta visita para facer o acto de clausura. Tamén se visitarán as instalacións da Madroa, onde comerán os nenos e nenas.

Para inscribirse hai que acceder á paxina web da Fundación Celta de Vigo (www.fundacioncelta.com). Para obter máis información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo info@fundacioncelta.com ou chamar ao número de teléfono 986 213 676, en horario de mañá, de 9:00 a 13:30h, e de tarde, de 16:00 a 18:30 horas.