Pestanas principais

Preséntase o dispositivo municipal de actuacións ante incendios forestais para 2024

Mércores, 10 de xullo de 2024

O Concello de Ames presentou esta mañá o plan municipal de incendios forestais de 2024, que inclúe as actuación en materia de prevención de incendios e mailo dispositivo municipal de actuacións ante lumes forestais para o período estival deste ano. A finalidade deste dispositivo municipal dentro do Plan de Incendios na temporada de alo risco, que vai do 1 de xullo ao 30 de setembro, é a organización dos distintos medios persoais e materiais cos que conta o Concello para actuar dun xeito rápido e eficaz fronte a posibles incendios forestais que poidan desenvolverse no concello. O obxectivo é que ante un incendio forestal cada grupo de intervención saiba cal é a súa labor evitando ou minimizando os imprevistos e facilitando a colaboración do Concello co director/a de extinción. Premendo nesta ligazón podes descargar o plan municipal de incendios forestais de 2024.

O Concello de Ames xa conta cun plan de incendios para este 2024, un dispositivo que busca continuar coa coordinación e a implicación de todas as persoas e grupos de intervención. O plan recolle varios grupos de intervención con tarefas diferenciadas, actuacións segundo a categoría de lume sinalada no correspondente PEIFOGA, así como un inventario de medios e contactos de persoal municipal, así como a súa dispoñibilidade. Trátase dun protocolo de actuación para que, no caso de que haxa que actuar por un lume forestal, cada grupo/persoa saiba e teña claro o que ten que facer en cada momento.

A presentación do dispositivo tivo lugar hoxe no salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, coa asistencia dunha importante representación das agrupacións e persoas implicadas na prevención de lumes. Conduciron o acto o alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio, Javier Antelo, e maila técnica do departamento de Medio Ambiente, Patricia Reboreda. Ademais, participaron en dita presentación o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto; o concelleiro responsable das áreas de seguridade, tráfico e transporte, Víctor Fernández; e a concelleira de Servizos Económicos, Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís.

Tamén participaron representantes da empresa pública empresarial Augas de Ames, da Policía Local, da Agrupación de Protección Civil, Urbaser, GST, membros da Brigada municipal de obras e de Medio Ambiente e do servizo do tractor municipal. Dito plan recolle unha serie de medidas preventivas: rede viaria forestal; rede de puntos de auga; rede de vixilancia; outras infraestruturas de apoio; e maila rede de faixas de xestión de biomasa na que destaca a repoboación con frondosas caducifolias.

O alcalde de Ames, Blas García, explicou que “nos últimos anos tivemos que atender algúns incendios forestais, pero afortunadamente levamos uns anos sen lumes grandes no concello. Neste plan establécense tres situacións de emerxencia segundo o nivel do incendio. Recóllese o peor dos escenarios nun lume forestal que é o nivel 3 de emerxencia, que agardemos que non haxa que activar nunca. É bo ter un protocolo de actuación establecido para que todos/as o coñezamos”.

O concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio, Javier Antelo, destacou que “a posta en marcha deste dispositivo está precedido de traballos previos para a limpeza do monte. Este ano estanse enviando notificacións aos veciños/as con parcelas próximas á estrada da Ameixenda, para que limpen ditas fincas, e estase executando un convenio de colaboración subscrito pola Xunta de Galicia, a FEGAMP e o Concello, para a xestión da biomasa forestal da rede de faixas secundarias que veñen establecidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Deste xeito, dentro de dito convenio realizáronse traballos de limpeza subsidiaria nas parroquias de Biduído e Bugallido”.

Ademais, explicou que “o plan de prevención de incendios forestais mediante a plantación de frondosas caducifolias foi validado polo Interreg Europeo como unha boa práctica e isto significa que servirá de modelo para mostrarlle a outros países o que se está facendo no noso concello. Tamén modificamos a ordenanza para a protección dos camiños e vías públicas municipais para que os camiños queden en boas condicións despois da tala de madeira. Levamos un ano traballando moito para ordenar o noso monte”.

Dispositivo municipal de actuacións ante incendios forestais
O plan de incendios recolle e organiza os medios persoais e materiais cos que conta o Concello de Ames para actuar de forma rápida e eficaz fronte aos posibles incendios forestais que poidan desenvolverse no concello. A finalidade deste dispositivo municipal dentro do plan de incendios na temporada de alto risco, que vai dende o 1 de xullo ata o 30 de setembro, é a organización dos distintos medios persoais e materiais cos que conta o Concello de Ames para actuar dun xeito rápido e eficaz fronte aos posibles incendios forestais que poidan desenvolverse no concello. Así ante un incendio forestal no concello cada departamento e persoa sabe cal é a súa labor a levar a cabo evitando ou minimizando os imprevistos, e facilitar a colaboración do concello co director/a de extinción.

Deste xeito, establécense varios grupos: o grupo de intervención (distrito III, a Policía local e a Agrupación de Protección Civil, brigada municipal de Xestión do Medio Natural, Servizo municipal de Augas de Ames, brigada municipal de Obras…), o grupo de loxística (Policía Local e Autonómica, Garda Civil, Protección Civil, Servizo municipal de Augas de Ames, brigada municipal de obras, departamento de Deportes, departamento de Promoción da Saúde, departamento de Servizos Sociais...), o grupo de transmisións (GST, informáticos municipais e o departamento de prensa); e tamén colaborarán o persoal da Concellería de Xestión do Medio Natural e Rural, da Concellería de Obras e Servizos Básicos, da Concellería de Seguridade, da Concellería de Sanidade, da Concellaría de Servizos Sociais e da Concellería de Comunicación.

Ademais o plan recolle unha lista de medios materiais de xestión privada con distintas dispoñibilidades para o Concello, que inclúen camións, autobuses, transporte adaptado e dispositivos de comunicación.

Protocolo a seguir en caso de incendio
Cómpre lembrar que as operacións de extinción de incendios están a cargo dos Distritos Forestais e as actuacións do Concello están baixo as directrices do/a director/a de extinción.

No protocolo a lei establece tres situacións de emerxencia segundo o nivel do incendio. O nivel 1 de pre-alerta non implica a activación do dispositivo municipal e o incendio pode solucionarse con medios adscritos ao PLADIGA e a afectación á poboación é nula ou moi reducida (PEIFOGA en situación 0). O nivel 2 de alerta actívase cando o PEIFOGA está en situación 1, ben no concello ou no distrito, ou en incendios xa controlados nos que sexa necesario un control da zona afectada para evitar reactivacións. Nesta situación o Concello pon a disposición do Distrito Forestal III os medios propios.

No nivel 3 de emerxencia actívase cando o PEIFOGA está en situación 2, cando o incendio afecta á poboación dentro do municipio. Neste caso, o Concello colabora realizando tarefas de colaboración nas zonas habitadas; colaboración na axuda e evacuación de persoas se fose preciso; colaboración na protección de bens non forestais afectados polo incendio; apoiando ao posto de mando avanzado cos medios materiais que sexan necesarios; comunicando a evolución do incendio para facilitar a súa avaliación; colaborando na proposta de obxectivos e prioridades para a extinción do incendio; e asesorando na proposta de retornar ao nivel 0, segundo a evolución do incendio.

Por último, o plan recolle os puntos hidrantes que existen no termo municipal. O persoal da Agrupación de Protección Civil facilitou unha ligazón actualizada ao Google maps no que se indican as localizacións dos hidrantes do concello coas características das chaves e bocas.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames pone en marcha su plan de este verano contra los incendios forestales"

El Correo Gallego: "Ames presenta o seu dispositivo municipal de actuación e prevención dos incendios forestais"

Preséntase o dispositivo municipal de actuacións ante incendios forestais para 2024

Multimedia

  • Preséntase o dispositivo municipal de actuacións ante incendios forestais para 2024
  • Preséntase o dispositivo municipal de actuacións ante incendios forestais para 2024
  • Preséntase o dispositivo municipal de actuacións ante incendios forestais para 2024