Pestanas principais

Preséntase o I Torneo de Veteranos de Fútbol 7 Bertamiráns FC-Concello de Ames

Sábado, 08 de outubro de 2011

[08-10-2011] O Pazo da Peregrina acolleu onte a presentación do I Torneo de Veteranos de Fútbol 7, un evento organizado polo Bertamiráns FC coa colaboración do Concello de Ames. Esta competición celebrarase dende o próximo 31 de outubro ata o mes de xuño no Campo Municipal de Bertamiráns. Na presentación, Alfonso Salgado, como director deportivo e vicepresidente do Bertamiráns FC explicou que “as orixes da actividade estiveron na festa de clausura da anterior tempada, onde se celebrou como actividade unha competición amistosa entre os pais e nais dos distintos equipos, a idea quedou presente e hoxe encontrámonos aquí para presentar esta actividade orientada principalmente aos pais dos xogadores do Bertamiráns FC, onde tamén teñen cabida o resto dos socios do Bertamiráns FC”.

Alfonso Salgado agradeceulle ao Concello de Ames e en especial ao concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, a súa colaboración permitíndolles organizar esta actividade cedendo as instalacións, e facilitando o lugar de inscripcións que será o Pazo da Peregrina. Dende o luns día 10 poderanse inscribir alí todos aqueles que o desexen.

O concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, felicitou ao Bertamiráns FC por esta iniciativa que dixo "é unha boa forma de impulsar a práctica deportiva no noso concello". O Presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño pechou a presentación dicindo que "o Bertamiráns FC segue medrando na parte deportiva, quedando presente cunha estructura actual de 20 equipos de fútbol e 4 de fútbol sala, e agora medramos no compromiso social da entidade, xa que na tempada anterior comezamos esta parcela coa I Campaña de Recollida de Xoguetes, que este ano contará coa súa segunda edición".

A competición

Este I Torneo de veteranos está deseñado para os nados antes do 31 de decembro de 1977, coa salvedade de que dous xogadores de cada equipo podan ter unha data de nacemento posterior, os equipos estarán constituídos por un máximo de 12 xogadores.

A competición consta de dúas partes, a primeira de liga a dobre volta e co comezo o 31 de outubro e a final o 28 de maio, sendo o luns o día do desenvolvemento da mesma. A parte final da actividade será a Copa, con datas dispersas no mes de xuño, onde o mércores se sumará á cita.

Toda a competición terá no Campo Municipal de Bertamiráns unha inmellorable instalación para levarse a cabo.