Pestanas principais

Preséntase o IV Trail e Andaina Ribeiras do Tambre que xa conta con 160 inscritos

Venres, 24 de marzo de 2023

A cuarta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que percorrerá o concello dende A Ponte Maceira ata o Real Aeroclub de Santiago, terá lugar o próximo domingo 2 de abril. Organizada polo Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo, a proba foi presentada esta mañá no salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. Contarase coa colaboración da Policía Local e da Agrupación de Protección Civil. Unhas 160 persoas xa se inscribiron nun evento que agarda bater o récord de participación de todas as edicións organizadas. Para participar, cómpre inscribirse en carreirasgalegas.com ou en emesports.es, ata o 29 de marzo ás 23:59 horas. Pódese consultar o regulamento completo do evento premendo nesta ligazón.

A Ponte Maceira vivirá o domingo 2 de abril o arranque da cuarta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que percorrerá ao longo de 16 quilómetros a xeografía e o patrimonio natural amesán. A proba, que se enmarca baixo a especialidade atlética do “trail-running” e que estará baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo, rematará nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago.

Así o explicou a concelleira de Deportes, Susana Señorís, que na presentación do evento, celebrada esta mañá no salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, destacou  que se “trata dunha proba que gusta moito polo percorrido e polos espazos naturais que atravesa a ruta. Sairase dende a emblemática Ponte Maceira e a chegada estará instalada nas instalacións do Real Aéreo Club”. No acto de presentación estivo acompañada do presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, así como de Álex Beiras, en representación do Real Aeroclub de Santiago, e de Borja Collar, propietario do ximnasio BJ Trainers & Co e membro do club BJ Training.

Ademais, a concelleira de Deportes explicou que “os/as participantes poden deixar os vehículos nas instalacións do Real Aéreo Club e dende as 8.15h haberá servizo de autobús para baixar ata A Ponte Maceira”. Solicitou a colaboración dos participantes para non esperara ata última hora para chegar A Ponte Maceira porque é importante organizar a saída con tempo. Engadiu que “haberá un punto de corte. O punto intermedio estará instalado na praia fluvial de Tapia. Os/as participantes que non cheguen a este punto intermedio nun determinado tempo non poderán continuar na proba porque entendemos que non van dar chegado á liña de meta no tempo máximo establecido”.  

O presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, destacou “a implicación que ten o Concello de Ames co atletismo galego. En Ames xa se levan celebrado catro campionatos de diferentes modalidades: o campionato de Galicia de Milla, o campionato de Galicia de marcha en ruta, o campionato de Galicia de 5 Km, e mailo campionato de Galicia de 10 km en ruta. Ademais, temos este Trail que aínda que estamos na cuarta edición xa se leva organizando máis anos porque foi parte do circuíto Trail Galaica. Trátase dun evento deportivo diferente que se enmarca na especialidade atlética do trail-running e discorre por un trazado de gan beleza ambiental como é a ruta Ribeiras do Tambre. A inscrición de participantes vai moi ben. Na actualidade hai unhas 160 persoas inscritas e agardamos poder chegar a 350 ou 400 participantes que podería ser o récord de participación nesta proba ata o de agora”.

Álex Beiras, en representación do Real Aeroclub de Santiago, mostrouse encanto “por poder colaborar un ano máis con este evento deportivo que organizan o Concello de Ames e maila Federación Galega de Atletismo. Estamos encantados tamén de poder abrir o noso club a esta proba deportiva e a toda a veciñanza de Ames e da contorna. Somos un club de socios pero unha entidade aberta. Estamos encantados de que a xente teña a oportunidade de coñecer as nosas instalacións e de que volvan se así o desexan”.

Borja Collar, propietario do ximnasio BJ Trainers & Co e membro do club BJ Training, agradeceulle “ao Concello e á Federación que conten con nós para a organización desta proba deportiva. Estamos moi satisfeitos de poder colaborar e poñemonos a disposición de ambas entidades para colaborar no que nos soliciten e poidamos, e deste xeito que esta proba siga sendo un referente no calendario de competicións do atletismo galego”. Deste xeito, colaboran achegando persoal que colaboran con voluntarios/as e coa marcaxe do circuíto, entre outros traballos.

Horarios, distancias e dorsais
A Ponte Maceira será o punto de saída, tanto para o trail como para a andaina. Ás 10:00 horas sairán os participantes no trail, que percorrerán unha distancia de 16 quilómetros. A meta estará instalada no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións que teñen na parroquia de Piñeiro. Cinco minutos despois, ás 10:05 horas, procederase á saída da andaina. Neste caso, a meta é a mesma e a distancia un pouco menor, duns 15 quilómetros aproximadamente.

Tanto os participantes do trail como os da andaina serán trasladados en autobús dende o Real Aeroclub ata o punto de saída na Ponte Maceira, a partir das 8:15 horas. Os dorsais teñen un prezo de 7 euros para os participantes na andaina e de 11 euros para os participantes no trail, e poderán recollerse a partir das 8:15 horas nas instalacións do Real Aeroclub. Os inscritos e inscritas correrán cunha licenza de día de trail-running, que incluirá un seguro de accidentes deportivos e de responsabilidade civil.

Establecerase un tempo de corte tanto para o trail como para a andaina na praia fluvial de Tapia (km 8 aproximadamente). Os tempos de corte serán os para o trail ás 11:15 horas (1 hora e 15 minutos dende a saída); e para a andaina ás 12:20 horas (2 horas e 20 minutos desde a saída). Os/as participantes que chegado ese tempo non superen o tempo de corte serán retirados da competición e trasladados ao punto de meta.

Categorías e premios
A proba do trail, baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo, contará con cinco categorías de idade. Pola súa banda, a andaina non conta con categorías, e poderán participar nela rapaces e rapazas a partir dos 12 anos. Ademais, a partir das 12:45 horas realizarase a entrega de premios no Real Aeroclub de Santiago, con galardóns para os tres primeiros clasificados de cada categoría e aos 4 primeiros clubs da clasificación do trail. Haberá un agasallo técnico pola súa participación tanto para os participantes no trail como na Andaina (poderán recollelo xunto o dorsal de competición antes de coller os autobuses).
 
Por outra banda, daranse premios especiais aos 4 primeiros equipos tanto federados como populares (deberán inscribirse coa mesma denominación e igual indumentaria). Para elo tomarase como referencia os 6 primeiros clasificados/as de cada equipo, a suma dos seus postos (no caso de empate tomarase como referencia o 6º/ª mellor clasificado/a do equipo e os equipos poderán ser mixtos).

Imaxe da presentación do IV Trail e Andaina Ribeiras do Tambre

Multimedia

  • Imaxe da presentación do IV Trail e Andaina Ribeiras do Tambre
  • Imaxe da presentación do IV Trail e Andaina Ribeiras do Tambre
  • Cartaz do IV Trail e Andaina Ribeiras do Tambre