Pestanas principais

Preséntase o programa “Ames en Festas 2023” que recolle once días seguidos de festexos no Milladoiro e Bertamiráns

Martes, 18 de xullo de 2023

Por segundo ano consecutivo o Concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames colaboran para organizar once días de festexos no cartel “Ames en Festas 2023”, que encadea as festas da Madalena do Milladoiro, do venres 4 ao martes 8, e as festas da Peregrina de Bertamiráns, do mércores 9 ao luns 14 de agosto. As propostas ao longo desta primeira quincena de agosto incluirán actividades para todos os públicos: a semifinal do concurso Canta con Ames, concertos para o público infantil, o concerto dos Heredeiros da Crus, e maila actuación de orquestras como Panorama, Charleston Big Band, Los Coleguitas e Finisterre, entre outras.

Os dous núcleos principais de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, celebran por segunda vez, despois de facelo xa en 2022, as súas festas da Madalena e da Peregrina de xeito conxunto, nunha programación de once días dende o venres 4 ata o luns 14 de agosto. “Ames en Festas” é o nome deste cartel, no que colaboran o Concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames.

O programa foi presentado esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, no que interviron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; e mailo vicepresidente da comisión de festas da Peregrina, Benjamín Seoane. Tamén asistiron á presentación a concelleira de Servizos Económicos, Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís; a xerente de XEA, Beatriz López; a presidenta da comisión de festas da Peregrina, Miriam Souto; así como Rafael Budiño e Manuel Fernández, membros da comisión de festas da Peregrina. Os membros da comisión de festas do Milladoiro non puideron acudir á presentación por motivos persoais e laborais.

Abriu o acto a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz. “Hoxe presentamos a programación da segunda edición de Ames en Festas. Serán 11 días seguidos de festas, dende o 4 ata o 14 de agosto durante as festas da Madalena, no Milladoiro, e as festas da Peregrina, en Bertamiráns. Serán días con moita música e que axudarán a dinamizar e animar as rúas destes dous núcleos urbanos de Ames co obxectivo de axudar ao sector comercial e aos establecementos hostaleiros. O Concello de Ames contribúe a celebración destas festas achegando diversas actuacións ao longo destes 11 días. Temos que agradecerlle aos integrantes das comisións de festas do Milladoiro e de Bertamiráns o seu traballo, así como ao persoal de XEA pola súa colaboración. O programa de Ames en Festas recolle actuacións do AmesOn, do concurso Canta con Ames, pero tamén actuacións de grupos e orquestras dos cales moitos dos seus integrantes son veciños e veciñas de Ames”.    

A continuación interviu o vicepresidente da comisión de festas da Peregrina, Benjamín Seoane, que explicou “a gran novidade deste ano nas festas da Peregrina de Bertamiráns é a romaría urbana que se vai celebrar o sábado 12 de agosto no parque do Ameneiral. Comezarase cunha sesión vermú durante a cal actuarán Mad Martín e La Reunión. Posteriormente, a media tarde, contarase con outras dúas actuación a cargo de Michu da Rocha e Doctor Snob. Estas actuacións xuntaranse co concerto que ofrecerá o grupo Los Mecánicos, que se encadra dentro do programa AmesOn que organiza o Concello de Ames. O obxectivo desta iniciativa é achegar as festas ao centro do núcleo urbano, onde están situados a maior parte dos comercios e establecementos hostaleiros”.

Pechou a quenda de intervencións o alcalde de Ames, Blas García. “Estamos dando un paso máis respecto do que fixemos o ano pasado cando nos puxemos como obxectivo enlazar as festas do Milladoiro coas de Bertamiráns. Este é o segundo ano que se elabora o cartel de Ames en Festas. É importante darlle continuidade no tempo para que se vaia asentando dentro do concello de cara ao futuro. As festas son cultura e tradición, pero tamén promoción económica para o sector empresarial. Por iso o Concello se involucra nesta iniciativa para tratar de beneficiar ao comercio local e ao sector hostaleiro”.      

Blas García engadiu “este ano temos varias actuacións importantes que organizan tanto o Concello como as dúas comisións de festas. Deste xeito, no Milladoiro temos un fin de festas co grupo Heredeiros da Crus e coa orquestra Charleston Big Band. O día seguinte, coincidindo co inicio das festas de Bertamiráns, volveremos a ter á orquestra Panorama en Ames, despois de tela o ano pasado no mes de setembro no Milladoiro, onde se xuntaron máis de 9.000 persoa. Oxalá teñamos o mesmo éxito este ano en Bertamiráns. Pero ademais temos actuacións para o público infantil porque queremos organizar unhas festas para todos os públicos. Ademais, este ano tratamos de organizar as actuacións musicais en varios puntos dos núcleos urbanos do Milladoiro e de Bertamiráns, para involucrar a toda a veciñanza e tamén para tratar de beneficiar a todos os comercios e establecementos de hostalería”.

Festas da Madalena no Milladoiro
As festas comezan o venres 4 de agosto coa semifinal do concurso Canta con Ames, que se vai realizar ás 20.00 horas na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. Participarán un máximo de 20 persoas, previamente seleccionados nas dúas xornadas de preselección. Interpretarán unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou en inglés. O xurado escollerá ese mesmo día aos 12 participantes (catro por categoría) que pasarán a final do 18 de agosto. O venres 4 tamén actuarán no paseo da Igualdade, ao carón da Casa da Cultura do Milladoiro, as artistas Thais Suki, Sofía Rial e Catuxa Salom.

O sábado 5 de agosto contarase coa actuación de Tacón Gitano. Será na praza de Manuel Murguía, ás 21.00 horas. Trátase dun trío de flamenco composto por Moisés Fernández (caixón flamenco), Isaías Salazar (bailaor) e Rubén Fernández (guitarra e voz). Esta actuación enmárcase dentro do programa AmesOn de verán que organiza o Concello de Ames. Este mesmo día 5 de agosto, ás 23.00 horas, a comisión de festas do Milladoiro ten programado a actuación da  Orquestra Alianza e do DJ Macro CDC. As actuacións das orquestras no Milladoiro serán todas na explanada que se atopa ao carón da Travesía do Porto e onde está situada a área de autocaravanas.

O domingo 6 de agosto, ás 23.00 horas, haberá verbena a cargo da orquestra Venecia e do DJ Marcos Magan. Para o luns 7 de agosto está programado o concerto do grupo Pitusa Semifusa dirixido ao público infantil. Será ás 19.30 horas na paza Manuel Murguía. Ademais, ás 23.00 horas volve haber verbena a cargo das orquestras D´Noche e Los Coleguitas.

Peche de festa con  Heredeiros da Crus e Charleston Big Band
O martes 8 de agosto, ultimo día das festas da Madalena, haberá dúas grandes actuacións. Ás 22.00 horas, no paseo da Igualdade, ao carón da Casa da Cultura do Milladoiro, actuarán seis anos despois no Milladoiro os máis jrandes, Heredeiros da Crus. A mítica banda de rock do Barbanza formada a comezos dos anos 90 volver a ofrecer un concerto no Milladoiro despois de estar no Millarock de 2017. De seguido, ás 23.00 horas pechará as festas do Milladoiro a orquestra Charleston Big Band na explanada que se atopa ao carón da Travesía do Porto e onde está situada a área de autocaravanas.

Festas da Peregrina en Bertamiráns
O propio martes 8 de agosto comezan as actividades e propostas en Bertamiráns, coa actuación para o público infantil e familiar de Paco Nogueiras na praza de Chavián, ás 19:30 horas, como parte da programación da Concellaría de Promoción Económica AmesON de verán. Nogueiras, músico e actor, combina a súa labor en diversas formación teatrais con ser monitor de teatro e realizar numerosos espectáculos para o público infantil e familiar.

O mércores 9 comezará a música e a verbena co concerto de Sabela no parque do Ameneiral ás 21.00 horas, e coa actuación da orquestra Panorama e Disco Móbil Fabrik no campo da festa da Peregrina, ás 23:00 horas.

Na mesma liña continuarán as festas o xoves 10, un día que arrincará coa actuación dos Festicultores na praza da Maía ás 21:00 horas, e continuará ás 23.00 horas coa actuación da Orquestra Kubo no campo da festa da Peregrina.

O venres 11 a noite arrincará cun concerto a cargo do grupo amesán As Maianas e do dúo Caamaño & Ameixeiras. De seguido, ás 23.00 horas no campo da festa da Peregrina haberá verbena a cargo da orquestra Finisterre e Disco móbil Chocolate.

Romaría urbana
Para o sábado, 12 de agosto, a comisión de festas da Peregrina organizou unha nova iniciativa. Trátase dunha romaría urbana que se realizará no parque do Ameneiral. Comezará ás 13.30 horas cunha sesión vermú. Ao longo de toda a tarde haberá diversas actuacións musicais a cargo de Mad Martín, La Reunión, Michu da Rocha e Doctor Snob, que enlazarán co concerto de Los Mecánicos previsto para ás 21.00 horas. A actuación de Los Mecánicos enmárcase dentro do AmesOn. A través desta iniciativa trátase de levar a festa ao centro de Bertamiráns para que a veciñanza poida gozar desta romaría e tamén teña un retorno económico para os establecementos comerciais e hostaleiros da localidade.

O domingo 13 de agosto, ás 23.00 horas, haberá verbena  a cargo da orquestra Compostela e Disco móbil CDC. As festas rematarán o luns 14 de agosto, ás 23.00 horas, coa actuación da orquestra Nueva Fuerza.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O Milladoiro y Bertamiráns vuelven a unir fuerzas para celebrar sus fiestas"

La Voz de Galicia: "O Milladoiro y Bertamiráns enlazan once días de fiestas del 4 al 14 de agosto"

Ames Go: "Once días de festa en agosto entre Bertamiráns e o Milladoiro"

Lindeiros: "Ames volve a enlazar as festas de Milladoiro e Bertamiráns en 11 días de celebración"

Enfoques: "O Milladoiro y Bertamiráns preparan once días seguidos de fiesta con Heredeiros da Crus o la Panorama"

Imaxe da presentación do programa Ames en Festas 2023

Multimedia

  • Cartaz do programa Ames en Festas 2023
  • Imaxe da presentación do programa Ames en Festas 2023
  • Imaxe da presentación do programa Ames en Festas 2023