Pestanas principais

Preséntase o programa “Ames en Festas 2024” que recolle dez días seguidos de festexos no Milladoiro e Bertamiráns

Martes, 23 de xullo de 2024

Por terceiro ano consecutivo o Concello de Ames, as comisións de festas da Madalena e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames colaboran para organizar 10 días de festexos no cartel “Ames en Festas 2024”, que encadea as festas da Madalena do Milladoiro, do venres 2 ao martes 6, e as festas da Peregrina de Bertamiráns, do mércores 7 ao domingo 11 de agosto. As mellores orquestras de Galicia pasarán por Ames: Panorama, Gran Parada, Metrópolis, Combo Dominicano, París de Noia, Os Satélites e Los Coleguitas. Tamén haberá concertos a cargo de Guadi Galego, do grupo La Banda de Ayer e Tania Veiras. Este ano como novidade haberá dous pregóns, un de inicio nas festas do Milladoiro o sábado 3 de agosto e outro de peche nas festas de Bertamiráns o domingo 11 de agosto durante a sesión vermú ao mediodía.

Os dous núcleos principais de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, celebran por terceiro ano consecutivo, despois de facelo en 2022 e 2023, as súas festas da Madalena e da Peregrina de xeito conxunto, nunha programación de 10 días dende o venres 2 ata o domingo 11 de agosto. “Ames en Festas” é o nome deste cartel, no que colaboran o Concello de Ames, as comisións de festas da Madalena e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames. As mellores orquestras de Galicia estarán en Ames este verán.

O programa foi presentado esta mañá no anfiteatro do Milladoiro, no que participaron o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; así como Benjamín Seoane, en representación da comisión de festas de Bertamiráns;  Jose Zumalave e Luís Vázquez, en representación da comisión de festas do Milladoiro; e Ramón Cordido e Bea Lopez, en representación da Xuntanza de Empresarios de Ames.

Millarock, primeiro día de Ames en Festas
Abriu a presentación a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, que dixo “este ano o inicio da programación das festas faise coincidindo coa celebración do Millarock o venres 2 de agosto. Ademais, este ano o festival Millarock abre as actividades á rapazada para que participen nos obradoiros musicais e concertos didácticos que ofrecerá o persoal da Casa do Rock dende as 19.00 horas no anfiteatro do Milladoiro, onde tamén actuará Onda Dagda a parir das 21.00 horas. Despois na Travesía do Porto actuarán, a partir das 22.00 horas, os grupos Biribirlocke, Agoraphobia e Dakidarría. O Millarock segue mantendo a súa esencia de ser o evento que abre as festas do Milladoiro, pero tamén de apostar polo rock en galego, femenino e no que se lle dá cabida a grupos emerxentes e de Ames, así como a grupos consolidados”.

Por parte da comisión de festas da Madalena, do Milladoiro, interviu Jose Zumalave, que destacou “consideramos que se elaborou un bo cartel para as festa da Madalena e que van axudar e darlle vida á localidade do Milladoiro. Deste xeito, contaremos coa actuación de grandes orquestras como Panorama, Gran Parada, Metrópolis e Combo Dominicano”.

En representación da comisión de festas da Peregrina, de Bertamiráns, interviu Benjamín Seoane, que explicou que “as festas de Bertamiráns celebraranse entre o mércores 7 e mailo domingo 11 de agosto. Cinco días de festas nas que pasarán por Bertamiráns orquestras como París de Noia, Os Satélites e Los Coleguitas. Tamén contaremos con concertos a cargo de Guadi Galego, do grupo La Banda de Ayer e Tania Veiras. Os días 7, 8 e 9 haberá pasarrúas a cargo de diferentes charangas para animar á veciñanza. Para darlle continuidade ao Ameneiral Fest, que puxemos en marcha por primeira vez en 2023, imos a celebrar a segunda edición desta romaría urbana. Será o sábado 10 de agosto con sesión vermú dende as 13.30 horas. Haberá xantar e moita música”.

En representación da Xuntanza de Empresarios de Ames interviu o seu presidente, Ramón Cordido, que agradeceu “a todos os comercios e autónomos de Ames a súa implicación nestas festas, que o fan a través duns libros onde imos a publicar a programación. Agradecer tamén que as comisións de festas estean integradas por comerciantes e hostaleiros/as de Ames. Para o comercio e para XEA é importante que se poidan celebrar estas festas tanto no Milladoiro como en Bertamiráns”.  

Pechou a quenda de intervencións o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García. “Agradecer o traballo das persoas que integran as comisións de festas, sobre todo da comisión de festas da Madalena porque é o primeiro ano que organizan as festas do Milladoiro, así como á comisión de festas da Peregrina, que xa está consolidada xa que é o terceiro ano que colaboran na organización das festas de Bertamiráns. Cremos que é necesario facer unhas grandes festas no concello e así o estamos facendo dende 2022 colaborando coas comisións de festas. Facemos unha aposta forte por traer as mellores orquestras de Galicia porque iso vai axudar a traer xente ao noso concello e repercute de forma positiva no comercio e na hostalería local”.

Ademais, adiantou que “este ano como novidade haberá dous pregóns, un de inicio nas festas do Milladoiro o sábado 3 de agosto e outro de peche nas festas de Bertamiráns o domingo 11 de agosto durante a sesión vermú ao mediodía. As persoas que ofrecerán ditos pregóns serán anunciados proximamente. Ademais, de moita música tamén haberá actividades deportivas como trofeos de fútbol, torneo de 3x3 de baloncesto, etc”.  

Festas da Madalena no Milladoiro
Durante a primeira semana de agosto, O Milladoiro celebrará as festas da Madalena, que comezarán o venres 2 co festival Millarock. O sábado 3 de agosto contarase coa actuación da Requinta da Amaía, a orquestra Metrópolis e maila discoteca móbil Euforia. Para o domingo 4 de agosto está prevista a actuación de Airiños do Paseo de Colón xunto coa Banda de música de Brión, o Combo Dominicano e a discoteca móbil Impacto. O luns 5 contarase coa actuación da orquestra Panorama e maila discoteca móbil CDC. As festas da Madalena pecharanse o martes 6 de agosto coa actuación da orquestra Gran Parada.

Festas da Peregrina en Bertamiráns
Pola súa banda, Bertamiráns dará comezo ás festas da Peregrina o mércores 7 da man da orquestra París de Noia e maila discoteca móbil CDC. O xoves 8 será a quenda da orquestra Los Satélites. De seguido, o venres 9 de agosto, chegarán Guadi Galego, que actuará no parque do Ameneiral, así como grupo La Banda de Ayer e a discoteca móbil Impacto, que estarán no campo da festa. Para o sábado 10 de agosto está prevista a actuación da Requinta da Amaía e a Coral Lojo Batalla xunto con Los Coleguitas e a discoteca móbil Fabrik. As festas rematarán o día 11 coas actuacións de Airiños do Paseo de Colón, da Banda de música de Lousame e de Tania Veiras. Ademais, os días 7, 8 e 9 haberá pasarrúas a cargo das charangas A Santa Compaña, Os Celtas e a BBB de Ourense.

Romaría urbana
Ademais, este ano dentro das festas da Peregrina celebrarase a segunda edición da Romaría Urbana que se realizará no parque do Ameneiral o sábado 10 de agosto. Comezará ás 13.30 horas cunha sesión vermú. Ao longo de toda a tarde haberá diversas actuacións musicais a cargo dos grupos Sr. Salvaje, Stormy Trucks, Michu da Rocha e V-Roc. Haberá postos para poder xantar e moita música en directo. A través desta iniciativa trátase de levar a festa ao centro de Bertamiráns para que a veciñanza poida gozar desta romaría e tamén teña un retorno económico para os establecementos comerciais e hostaleiros da localidade.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Las fiestas de Bertamiráns y Milladoiro unen fuerzas para atraer visitas y diversión a Ames"

La Voz de Galicia: "Las fiestas patronales de O Milladoiro y Bertamiráns tendrán pregón"

El Correo Gallego: "Ames divulga las celebraciones de Bertamiráns y Milladoiro"

Preséntase o programa “Ames en Festas 2024” que recolle dez días seguidos de festexos no Milladoiro e Bertamiráns

Multimedia

  • Preséntase o programa “Ames en Festas 2024” que recolle dez días seguidos de festexos no Milladoiro e Bertamiráns
  • Preséntase o programa “Ames en Festas 2024” que recolle dez días seguidos de festexos no Milladoiro e Bertamiráns
  • Cartel do programa “Ames en Festas 2024”