Pestanas principais

Preséntase o programa Ameson Nadal e as Prebadaladas de fin de ano

Xoves, 16 de decembro de 2021

Os/as artistas amesás As Maianas, Thais Suki, Sofia Rial e Miguel Torres, do grupo Lume; a Escolanía da Catedral de Santiago; Paco Nogueiras; Picadiscos Marifaltri; e o grupo Broken Peach conforman o cartel das actividades de Ameson Nadal, que organiza a Concellaría de Promoción Económica. O cartel foi presentado esta mañá xunto co evento das Prebadaladas de fin de ano que se celebrarán o 31 de decembro na praza do Concello. Na presentación estiveron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, o cantante Miguel Torres e a actriz, María Mera que será a encargada de presentar as Prebadaladas. Dadas as actuais circunstancias sanitarias, as persoas que desexen asistir ás Prebadaladas deben retirar os seus convites en www.enterticket.es. Tamén acudiron á rolda de prensa representantes das empresas amesás que organizan estes eventos,  Martín González Mirás, o rapaz de Barouta que fixo o cartaz que anuncia as Prebadaladas, e Carmen Cuevas e Lara López, gañadoras do concurso “Canta con Ames” que, xunto con Noelia Bellas, actuarán no acto que dará a benvida ao 2022 en Ames.

Na presentación de estes dous eventos de Nadal, que organiza a Concellaría de Promoción Económica, a concelleira Ana Paz explicou polo miúdo, o programa Ameson de Nadal do que destacou “a importante presenza de artistas e empresas de Ames”. Tamén celebrou a recuperación do acto das Prebadaladas “despois de que o ano pasado non se puidesen celebrar por mor da pandemia”. Asemade, agradeceu a colaboración do persoal do seu departamento e demais departamentos implicados do Concello “polo esforzo que están facendo para poder poñer en marcha todos estes eventos. Teño que agradecer tamén á empresa Cunde todo o traballo que vai facer tanto en Ameson como nas Prebadaladas e agradecerlles tamén que todas as empresas que contrata para estes eventos son de Ames”.

Por outra banda, quixo ter “un agradecemento especial para Tómate más Fruta, que por segundo ano quere colaborar doando os arandos. Ademais, este ano súmase tamén a empresa Feiraco, que quere que os nenos e nenas brinden cos seus batidos. É un orgullo que cada vez máis empresas de Ames queiran colaborar co evento das Prebadaladas”. Por último, agradeceu “a Martín e a súa nai Isabel, veciños de Ames, que se puxesen en contacto comigo para darlle a oportunidade de realizar o debuxo do cartel das Prebadaladas”.    

O que fora cantante da orquestra Compostela, Miguel Torres, actual líder do grupo Lume agradeceulle ao Concello que contase co seu grupo para o Ameson e dixo sentirse “moi orgulloso de ser de Ames”.

María Mera, que presentará o evento das Prebadaladas, agradeceu tamén que o Concello volvese contar con ela para “un acto que me provoca moita ilusión, tamén porque na celebración estarán as miñas nenas”. E engadiu a satisfacción que lle provoca que “estes actos poidan ir saíndo adiante nos tempos difíciles que estamos a vivir”.

O alcalde de Ames, Blas García, dixo sentirse moi orgulloso de que “ámbolos dous eventos estean protagonizados en gran medida por artistas, profesionais e empresas de Ames” e asegurou que a intención do Concello é a de “seguir contando con profesionais de Ames, cos homes e mulleres do tecido empresarial e da cultura que pagan os seus impostos aquí”. Ademais, o alcalde pediu “sentidiño para que as cousas non se compliquen máis a nivel sanitario” e manifestou o desexo de que “eventos coma estes sitúen ao concello de Ames nun lugar prominente de Galicia”.

Prebadaladas
No ano 2019, o Concello de Ames organizou por primeira vez un acto para celebrar coa veciñanza a entrada do ano novo. O día 31 de decembro, ás 12.00h do mediodía, na praza do Concello varios centos de persoas congregáronse para tomar as uvas e brindar polo 2020. O evento nacía con vocación de continuidade pero a pandemia truncou esa intención. Este ano, mantendo, iso si, as normas de seguridade, recuperarase o evento nun acto no que non faltaran nin as uvas nin o cotillón.

As persoas que desexen acudir ás Prebadaladas de fin de ano, deberán retirar os seus convites en www.enterticket.es. No mesmo portal deberá descargarse a folla de autorización para os menores. Ámbolos dous documentos deberán presentarse no momento de acceder á praza do Concello. Asemade os/as asistentes deberán presentar tamén o certificado de vacinación. Haberá 500 prazas e cada persoa poderá solicitar 4 entradas. Ás 11.00 horas abrirase a praza do Concello desde a rúa Alcalde Lorenzo e ás 11.45 horas, se quedan prazas libres, deixarase entrar ás persoas que o desexen e que non solicitasen previamente convite.

A actriz, presentadora de televisión e veciña de Ames, María Mera, será a encargada de presentar o acto. Actuarán Carmen Cuevas, Lara López e Noelia Bellas, gañadoras do concurso “Canta con Ames”. Ás persoas adultas entregaráselles unha bolsa con arandos, cotillón, unha copa, rixóns e dous vales para brindar con Estrella Galicia normal ou 0,0, auga ou champaña sen alcohol. A bolsa dos nenos e das nenas levará uvas de chuche, cotillón, rixóns e batido de Feiraco a escoller entre tres sabores, flocos de millo e globos.

Ameson Nadal
O programa Ameson Nadal pretende dar vida ás rúas de  Ames neste tempo de festas e consecuentemente promover as compras no comercio local. Cómpre destacar o importante peso que os/as artistas locais teñen no cartel. As actividades desenvolveranse en Bertamiráns e no Milladoiro

O 20 de decembro, ás 18:00 horas, na praza de Manuel Murguía do Milladoiro, os rapaces e rapazas poderán gozar dunha sesión de música con Picadiscos Farifaltri. O 21, tamén ás 18:00 horas, neste caso na praza da Maía de Bertamiráns actuará a veciña de Ames, gañadora do concurso Recantos do Luar da TVG, Sofía Rial.

O día 22, ás 18:00 horas, na praza da Maía de Bertamiráns, estará Paco Nogueiras. O 23, ás 18:00, na praza de Manuel Murguía do Milladoiro, actuará o Grupo Lume, que lidera o veciño de Ames e antigo cantante da orquestra Compostela, Miguel Torres.

O 27 de decembro, tamén na praza de Manuel Murguía, ás 18:00 actuarán As Maianas. O 28, á mesma hora, na praza da Maía de Bertamiráns estarán Os Broken Peach. O mércores 29 será a queda da Escolanía da Catedral de Santiago, que estará na praza do Concello, ás 18:00 horas. O programa péchase o xoves, 30 de decembro, ás 18:00, coa actuación da veciña de Augapesada, Thais Suki, finalista do concurso televisivo de “La Voz” que estará na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Los tres conciertos Ameson Nadal, un aperitivo para las Prebadaladas"

El Correo Gallego: "Ameson Nadal dinamizará estas fiestas con artistas locales y ‘precampanadas’"

Compostela 24 Horas: "Ames presenta as Prebadaladas de fin de ano"

Lindeiros: "Música e Prebadaladas de fin de ano en Ames"

Presentación do programa Ameson Nadal e das Prebadaladas de fin de ano

Multimedia

  • Presentación do programa Ameson Nadal e das Prebadaladas de fin de ano
  • Presentación do programa Ameson Nadal e das Prebadaladas de fin de ano
  • Presentación do programa Ameson Nadal e das Prebadaladas de fin de ano
  • Presentación do programa Ameson Nadal e das Prebadaladas de fin de ano
  • Cartel do programa Ameson de Nadal
  • Cartel das Prebadaladas de fin de ano