- Tematica
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e mailo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentaron esta mañá no Milladoiro o novo CEIP que se vai a construír nesta localidade amesá. Estiveron acompañados do alcalde de Ames, Blas García, do concelleiro de Educación, David Santomil, e do delegado territorial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor. A Xunta investirá 9.784.127 euros neste novo colexio, que será o primeiro de Galicia construído integramente en base ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica co que se crean espazos máis abertos, flexibles e sustentables. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo sobre o proxecto do novo CEIP do Milladoiro.
Esta mañá o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e mailo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, achegáronse ata o concello de Ames, onde foron recibidos polo alcalde, Blas García, e mailo concelleiro de Educación, David Santomil. No acto tamén participaron moitos dos concelleiros e concelleiras da Corporación municipal, os/as directores dos CEIP de Ames, representantes de ANPAS e outros membros da comunidade educativa amesá.
O presidente da Xunta achegouse hoxe a Ames para dar a coñecer o proxecto do novo CEIP Milladoiro, que vai dispoñer dun dos maiores investimentos da Consellería de Educación nunhas instalacións que permitirán acoller 450 alumnos e atender así as necesidades educativas dunha poboación en aumento.
Na construción deste novo colexio a Xunta investirá 9.784.127 euros, que se suman a outra partida de de 3,4 millóns de euros que se investirán na obra de ampliación do CEIP Agro do Muíño, situado na contorna de Bertamiráns. Deste xeito, a Xunta vai investir uns 13,2 millóns de euros nos vindeiros anos en Ames co obxectivo de que a comunidade educativa amesá dispoña dunhas infraestruturas modernas e eficientes.
O novo centro será, ademais, o primeiro construído en base ás pautas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, posto en marcha no ano 2021 coa intención de crear espazos educativos máis abertos, flexibles, sustentables, intelixentes e integrados na contorna. Alfonso Rueda recordou que o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica conta cun orzamento de 191 millóns que permitirá mellorar no futuro catro de cada dez centros educativos galegos.
Presentación do novo CEIP Milladoiro
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou que “é un proxecto no que temos depositada moita ilusión porque é o primeiro centro educativo que se vai a construír de xeito integro conforme aos criterios da nova arquitectura pedagóxica. Este é un plan que puxemos en marcha hai algo menos de dous anos co que pretendemos modernizar a forma de construír os centros educativos. Os principios que se seguen para a construción deste novo CEIP céntranse en posibilitar que o espazo posibilite desenvolver as novas tendencias pedagóxicas, que son entre outras o traballo colaborativo e flexible, e tamén que permita unha dixitalizacion plena do espazo educativo”.
O alcalde de Ames, Blas García, dixo “hoxe é un día imporante para o Concello de Ames. Levamos traballando dende o primeiro mandato para que O Milladoiro, que é o núcleo máis importante do noso concello con máis de 13.000 habitantes e moitos rapaces e rapazas en idade escolar, puidera dispoñer dun novo centro educativo. Ames é un dos poucos concellos galegos que medra en poboación anos tras ano, e ademais, é un concello que medrou moito en poucos anos, pero ese crecemento demográfico non foi parello coa creación de novas infraestruturas. Por iso teño que darlle as grazas en nome de toda a Corporación municipal, á Xunta de Galicia por este imporante investimento e tamén polo que se vai facer para a ampliación do CEIP Agro do Muíño. Nos próximos anos a Xunta vai a investir máis de 13 millóns de euros nestes dous centros de ensino, algo que é de agradecer”.
Ademais, salientou “o compromiso do Concello de Ames coa educación de calidade que non é unha competencia municipal. Ames é un dos poucos concellos galegos que destina o 20% do seu orzamento á educación, financiando con preto de 3 millóns de euros os comedores escolares municipais e sufragando con preto de 2 millóns de euros dúas escolas infantís municipais. Nos últimos orzamentos investiuse anualmente máis de 6 millóns de euros en educación das arcas públicas municipais”. Blas García tamén aproveitou este acto para solicitarlle ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Educación solución ás deficiencias que ten o CEIP de Barouta e amosouse optimista para que entre ambas administración se poidan solucionar ditas deficiencias.
Pechou o acto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. O presidente explicou que se vai a facer un investimento moi importante na construción deste novo colexio para O Milladoiro. “Temos a sorte de que Ames, xunto con algún concello máis, é un pequeno oasis demográfico nesa diminución de poboación que ocorre en moitos lugares de Galicia. En Ames ocorre o contrario, polo que merece o apoio e o esforzo económico da Xunta de Galicia. Para un ensino de calidade é importante ter infraestruturas adaptadas ás necesidades de cada lugar e iso precisamente é o que se está facendo co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica”.
Construción dun centro para 450 alumnos
A parcela onde se construirá o novo CEIP conta con 13.170 metros cadrados. A superficie construída do edificio alcanza os 4.886,25 metros cadrados. Os porches e marquesinas ocupan unha superficie de 973,55 metros cadrados e a pista cuberta dispón de 1.000,60 metros cadrados. O novo CEIP disporá de novos espazos de aprendizaxe. As aulas estarán divididas en diferentes zonas para educación infantil, ciclo inicial de primaria e ciclo superior primaria.
Ademais, disporá de comedor, unha zona de Ágora con bancadas, sala de usos múltiples, biblioteca, sala de música, polo creativo, un ximnasio e unha zona de administración. Disporá dunha pista polideportiva cuberta e outra exterior. Tamén contará cunha zona de patio exterior e hortas. O novo edificio contará coa cualificación enerxética A. Prevese un consumo de enerxía primaria non renovable de 22,16 kWh/m2.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Quieren iniciar las obras del colegio de O Milladoiro antes de fin de año"
El Correo Gallego: "Rueda espera acabar el primer colegio de Milladoiro en 2025"
Lindeiros: "Preséntase o proxecto do novo CEIP do Milladoiro"
AMS GO!: "O presidente da Xunta visita o emprazamento do futuro colexio do Milladoiro"
Enfoques: "Así será el nuevo CEIP de O Milladoiro, el primero de Galicia con la nueva arquitectura pedagógica"