Pestanas principais

Preséntase o segundo campus de verán de fútbol que organiza a Fundación Celta de Vigo en Ames

Luns, 01 de xuño de 2015

[01-06-2015] Este luns, 1 de xuño, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu a presentación do segundo campus de fútbol que organiza a Fundación Celta de Vigo no concello de Ames. Nesta presentación participaron o alcalde en funcións, Santiago Amor, a concelleira en funcións de Deportes, Ana Ruso, o director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, o presidente da Peña Celtista do Milladoiro, Brais Alonso, e o presidente do Milladoiro SD, Vicente González. As clases serán impartidas por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Club Celta de Vigo. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición para participar neste campus de verán.

O Concello de Ames, a Peña Celtista do Milladoiro, e o Milladoiro SD colaboran coa Fundación Celta de Vigo para poñer en marcha o segundo campus de verán de fútbol, que se desenvolve neste municipio, co obxectivo de que os nenos e nenas amesás practiquen deporte e se divirtan nas vacacións. Este campus estará dirixido a nenos e nenas de 4 a 16 anos e levarase a cabo nas instalacións do campo municipal de fútbol do Milladoiro. Esta iniciativa organízase grazas ao traballo da Peña Celtista do Milladoiro, que este ano celebra o seu décimo aniversario.

O director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, destacou que “este ano celébrase a vixésima edición dos campus de verán que organiza a Fundación Celta de Vigo”. Ademais, Arteta, explicou que “as actividades que se desenvolven neste campus xiran arredor da práctica e formación deportiva, centrándose principalmente na transmisión de valores como a solidariedade, a creatividade, o traballo en equipo, o sacrificio, o compañeirismo e o respecto”.

O alcalde en funcións, Santiago Amor, agradeceulle á Fundación Celta de Vigo que “por segundo ano consecutivo se acordase do concello de Ames para organizar este campus xa que este municipio conta cun gran número de rapaces e rapazas”. Amor tamén explicou que “o Concello de Ames colabora neste iniciativa cedendo as instalación municipais do campo de fútbol do Milladoiro e desexo que este campus volva a ser un éxito de participación como xa sucedeu o ano pasado”.

O campus desenvólvese do 29 de xuño e o 3 de xullo
O campus de verán da Fundación Celta de Vigo desenvolverase entre o 29 de xuño e o 3 de xullo no campo municipal do Milladoiro. Este evento deportivo realizarase de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas, excepto o venres 3 de xullo, que os rapaces e rapazas comerán no campo e pola tarde haberá unha festa para pechar o campus na que tamén participarán os pais e nais dos nenos e nenas participantes. Todos os días os participantes disporán dun pequeno almorzo composto por un bocadillo, froita, auga e bebidas isotónicas. A cada neno/as que participe neste actividade entregáraselle un equipamento oficial de marca ADIDAS, que estará composto por uns calcetíns, un pantalón e unha camiseta.

As clases serán impartidas por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Real Club Celta de Vigo. O obxectivo é o ensino e o perfeccionamento de tódolos conceptos relacionados co fútbol e o deporte. Os nenos recibirán unha formación técnica especializada de primeiro nivel nun ambiente de xogo e entretemento imprescindible para a súa aprendizaxe. A metodoloxía que se empregará será a mesma que se utiliza nas categorías inferiores do Celta de Vigo, que foi recentemente recoñecida como a mellor canteira de España. Deste xeito, empregarase un sistema de aprendizaxe rotativo que dividirá o traballo en catro áreas diferentes: coordinación; técnica/táctica; multideporte; e competición.

Prezos e tramites de inscrición
O prezo xeral deste campus é de 130 euros. Aínda así, haberá un prezo especial de 115 euros para os nenos e nenas empadroados no Concello de Ames, os rapaces e rapazas que xogan no Milladoiro SD, os escolares do colexio La Salle e os membros da Peña Celtista do Milladoiro, así como para os colaboradores, abonados e empregados das empresas que son membros de honra do Real Club Celta de Vigo. Xa está aberto o prazo de inscrición. Todos os rapaces e rapazas que se inscriban antes do 6 de xuño recibirán unha segunda camiseta ADIDAS de agasallo.

Para inscribirse haberá que cubrir a ficha de inscrición que se pode obter na sección de AVISOS da páxina web do Concello de Ames (www.concellodeamers.org) ou na web da Fundación Celta de Vigo (www.fundacioncelta.com). Unha vez cuberto o impreso de inscrición haberá que envialo por correo electrónico ao enderezo info@fundacioncelta.com. No caso de que o pagamento se realice mediante transferencia bancaria haberá que enviar o xustificante de ingreso a este mesmo enderezo de correo electrónico.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames y Oroso presentaron una nueva edición de los campus de la Fundación Celta de Vigo"