- Tematica
A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu hoxe a presentación da programación cultural do Concello de Ames para o primeiro semestre de 2021, que está composta de 13 espectáculos de teatro, música e danza, tanto para o público infantil como para o público adulto. Dita programación desenvolverase nos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. En 2021 investiranse 50.000 euros para a programación de espectáculos, dos cales Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) achegará 24.125,77 euros e o Concello de Ames porá 25.874,23 euros. As entradas poderanse adquirir na Billeteira electrónica dende este xoves 14 de xaneiro.
Esta mañá o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a presentación da programación de teatro, música e danza do Concello de Ames para o primeiro semestre de 2021. Dita presentación correu a cargo da concelleira de Cultura, Natividade González; do director de AGADIC, Jacobo Sutil; e da técnica do departamento de Cultura, María Vázquez. Ademais, invitouse ao persoal de diferentes compañías que participan en dita programación. Así, asistiron Catarina Varela e Alexis Fernández, responsable e elenco artístico da compañía La Macana; Vero Santalices e Iván Dávila, do elenco artístico de Paio e o poder da música da compañía O Viravai; e Josito Porto, do elenco artístico de A Lingua das Bolboretas da Compañía Sarabela.
A programación do primeiro semestre está composta de 13 espectáculos de teatro, música e danza, tanto para o público infantil como para o público adulto. Dita programación desenvolverase nos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Trátase dunha programación deseñada para todos os públicos e diversa en canto a contidos, onde se pode atopar comedia, drama, teatro de investigación, etc. Abarca distintas disciplinas das artes escénicas, como son a danza, a música e o teatro.
A concelleira de Cultura, Natividade González, destacou que “Ames segue a ser un concello que fai unha forte aposta pola programación das artes escénicas. A pesar das dificultades xurdidas no pasado ano, fomos capaces de reprogramar case o 90% da programación. Coa obra Sofía e as Prosocráticas, que está programada para o 2021, pasaríamos ao 100% de execución dos espectáculos que tiveron que ser suspendidos durante os case catro meses do estado de alarma. Apostamos por reprogramar e por facer unha cultura segura. A importancia da cultura neste tipo de crise é a que nos demostra que a cultura é o motor da sociedade, da actual e da futura”.
“Creo que é máis importante que nunca outorgar este protagonismo a este sector, poñer en valor a todos os protagonistas e axentes implicados, comprometerse con algo que nos afecta a todos, como persoas, como grupos e, sobre todo, como sociedade. Ademais, desde a Concellería de Cultura queremos achegar a cultura a todas aquelas persoas aplicando descontos do 50% ás persoas desempregadas, ás familias numerosas, á mocidade con carné xoven, aos máis pequenos da casa e aos maiores de 65 anos. Outro forte compromiso para este ano, para seguir medrando coa cultura, é que, por primeira vez no concello de Ames, haberá un bono cultural para poder asistir cun desconto do 50% a todos os nosos espectáculos nestes auditorios, tanto para o público miúdo como o adulto. Ames medra coa cultura”.
O director de AGADIC, Jacobo Sutil, explicou que “debemos pór en valor o traballo que se pon dende os corenta concellos que pertencen á rede. Ames é un exemplo xa que organizou unha programación variada que abarca todas as disciplinas, danza, teatro e música. Ademais optou por traballar con compañías galegas, cousa que agradezo e valoro. No primeiro semestre desta edición representáronse en total 364 funcións de 114 compañías, 105 delas galegas. Isto é posible grazas ao investimento conxunto, de 10 millóns de euros, entre os Concellos e a Xunta de Galicia”.
Para o público infantil
Dita programación comeza o venres, 22 de xaneiro ás 18.00 horas, da man da compañía O Viravai, que representará na Casa da Cultura de Bertamiráns, o espectáculo infantil musical Paio e o poder da música. Ademais do divertimento, este traballo contén unha clara finalidade educativa. No espectáculo trátanse temas tan transcendentes e actuais coma o “bullying”, a igualdade, o reciclaxe ou a literatura galega.
A seguinte obra de teatro que inclúe dita programación representarase o 5 de febreiro, ás 18.00 horas. Neste caso, Talía Teatro representará Voa, voa!. É unha comedia, dirixida a nenos e nenas de catro a nove anos, na que se proporá recuperar ditos, retrousos e xogos de man. Unha relación de ditos populares centrados nestas pequenas rimas que perduraron xeración tras xeración e que se foron transmitindo de xeito oral. Esta peza teatral representarase no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.
A compañía Uxía representará no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a obra Rosalía Pequeniña. Será o 26 de febreiro, ás 18.00 horas. Trátase dun espectáculo no que Uxía presenta a súa poesía nun concerto baseado no libro-disco Rosalía pequeniña, editado por Galaxia. Repertorio de Rosalía pequeniña con algúns temas tamén de María Fumaça .
Para o mes de marzo, Baobab Teatro representará, o día 5, a obra Mai Mai no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Este espectáculo, para maiores de cinco anos, conta a historia do último Oso Panda do planeta e a súa loita por sobrevivir, a falta de comida e os problemas ocasionados polo quentamento global fan difícil a supervivencia desta especie. Unha muller emprendedora e moi revolucionaria e un famoso fotógrafo comezan unha viaxe por separado para atopar o último Panda do planeta, toda unha aventura na que se atoparán unha chea de problemas que solventar. Unha historia tenra e moi divertida onde se mestura o amor, a codicia, o éxito e a concienciación medioambiental.
O 12 de marzo estará no Milladoiro o espectáculo Almanaque musical, da compañía Percubebés. Esta obra de música folk tradicional, e dirixida a nenos e nenas de cero a tres anos, mostra aos pequenos e pequenas o ciclo do ano con graciosas cantigas acompañadas por Pelán. Pelán ensinará o día que é, e todo o que abrangue o almanaque e a súa relación coa lúa, as mareas, o agro, as festas. A arpa de Bea e a voz de Marcelo do Bode completan o elenco facéndonos cantar e bailar sen deixar de aprender.
A obra de teatro Don Gaiferos, de Os Monicreques de Kukas, estará no Milladoiro o día 26 de marzo ás 18.00 horas. Os actores, actrices, monicreques e músicos, a modo de opereta e partindo do romance popularizado por Don Faustino, irán incorporando cancións e músicas do folclore galego. Contarase un dos milagres atribuídos ao Apóstolo Santiago que narra a viaxe do peregrino francés Gaiferos de Monmarltan ata a súa morte aos pes do santo na Catedral compostelá.
Para rematar a programación infantil, Caramuxo Teatro subirase ao escenario de Bertamiráns coa obra Catro o 16 de abril, ás 17.00 e ás 18.00 horas. Trátase dun espectáculo visual de danza contemporánea, dirixido a nenos e nenas de seis meses a tres anos de idade, no que se xoga coa vida, coas formas, os sons e as texturas. Pretende descubrir a través da danza como linguaxe e canle de coñecemento.
Programación para o público adulto
Por outra banda, programáronse seis obras de teatro para público adulto. A primeira será A Lingua das Bolboretas, de Sarabela Teatro, que se representará o venres, 29 de xaneiro ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. O espectador será testemuña do proceso de aprendizaxe que emprende o protagonista da man do mestre da escola (unha figura que simboliza a liberdade que xera o coñecemento da realidade e o respecto cara o próximo) e é testemuña tamén da traxedia que supuxo vivir con medo, do cru impacto que xera o estalido dunha guerra civil.
O segundo espectáculo para adultos representarase o 5 de febreiro, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste caso a compañía Ainé Producións representa O Montacargas. A historia narra a situación de dous homes (Ben e Gus) que están pechados nun cuarto, unha estancia miserablemente amoblada. As personaxes discuten sobre noticias de prensa e equipos de fútbol. Mentres avanzan no diálogo, Pinter dános a entender que se trata de dous asasinos a soldo á espera de misteriosas ordes que unha organización ha de transmitirlles.
En marzo a programación comeza o día 5 coa obra Sofía e a Postsocráticas, da compañía Inversa Teatro. Este espectáculo, que se representará no Milladoiro, versa sobre a violencia machista, afondando nas causas da estrutura do maltrato. A partires de tres personaxes en escena: Sócrates, Platón e Aristóteles (interpretados por mulleres) trataremos de buscar un novo logos, é dicir, un novo patrón interpretativo da realidade no que poidamos facer o cálculo do que é ou o que non é violencia machista.
Os días 26 e 27 de marzo, a compañía Contraproducións estará en Bertamiráns coa obra Mocos. Trátase dunha comedia unipersonal inspirada nunha imaxe da pandemia: uns nenos no recreo, illados en cadanseu cadrado no patio dunha escola. Que memoria gardarán diso cando crezan? É como un moco que se espalla nace un fío de divertidas historias escolares vividas e lembradas polos adultos de hoxe e que, desde o humor e a emoción, xogan cos medos e esperanzas que herdamos e deixamos en herdanza.
No mes de abril, o espectáculo de danza Pink Unicorns representarase o venres 30 no Milladoiro. A compañía La Macana presenta este auténtico desafío que fará gozar das marabillas da relación pai e fillo, da pericia de cada un.
Para pechar a programación cultural do primeiro semestre, Rebordelos representará Liberto, unha obra que se poderá desfrutar o 7 de maio en Bertamiráns. Conta en primeira persoa a historia de Ada, unha nai que ten a afrontar que o seu fillo recen nacido ten una parálise cerebral severa. Dende a forza que se atopa nos fiordos da vida, a peza amosa as artistas da maternidade e o lado máis mamífero desta, axudándonos a comprender que a propia morte é parte da vida. Liberto é un relato honesto de como xestionar a dor e seguir avanzando, un proceso primitivo, pegado ao noso animal e, por iso, dá unha peza teatral chea de vitalidade.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Teatro, música e danza para o primeiro semestre deste ano en Ames"
El Correo Gallego: "Ames va a disfrutar de trece actuaciones y teatro para todas las edades con Agadic"
Revista AmesGo: "Trece espectáculos na programación cultural do Concello ata o mes de maio"
Lindeiros: "Ames presenta a programación cultural do primeiro semestre do ano"