Pestanas principais

Preséntase a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024” que inclúe 12 espectáculos de teatro e danza

Xoves, 21 de decembro de 2023

A Concellaría de Cultura do Concello de Ames presentou esta mañá, na Casa da Cultura do Milladoiro, a programación  cultural de artes escénicas do primeiro semestre de 2024, que inclúe doce espectáculos de teatro e danza. As distintas pezas representaranse equitativamente nos auditorios das Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. As entradas poderán adquirirse a partir do vindeiro 8 de xaneiro. Ademais, haberá descontos para diversos colectivos, así como bonos culturais que xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello desde hoxe, 21 de decembro, e ata o 7 de xaneiro. A programación completa pode consultarse nesta ligazón.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación da programación municipal de artes escénicas para o primeiro semestre de 2024. Ao acto asistiron o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; e o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil.

Tamén estiveron presentes algúns dos integrantes do elenco artístico das distintas compañías de teatro e danza que conforman a oferta deste primeiro semestre: Artur Trillo, de Talía Teatro; Xavier Estévez, de Teatro do Noroeste; Fina Calleja, de Sarabela Teatro; Roberto Leal e Rubén Porto, de Redrum Teatro; Laura Villaverde, de ArtesaCía; Elisardo de la Cruz, de Empatía Teatro; Emi Candal responsable de Urdime, empresa distribuidora de Ceibe de Fran Sieira; Xesús Ron, do Grupo Chévere; Carmen Méndez e Marta Doviro, de Etiqueta Negra.

Para pechar o acto, Cristina Botrán e Anna García, alumnas da Escola Municipal de Teatro de Ames representaron unha pequena performance, co obxectivo de poñer en valor a importancia das representacións teatrais nas vilas.

O programa presentado está conformado por un total de doce representacións, das que dez serán de teatro e dúas de danza, e que se distribuirán de maneira equitativa entre os auditorios de Bertamiráns e do Milladoiro. As propostas abarcan actuacións tanto para adultos como para público familiar. Ademais, inclúese unha ampla oferta de xéneros, teatro de comedia, contemporáneo e drama, así como danza tradicional e contemporánea.

O orzamento total investido ascende a 48.909 euros, dos cales 22.213,50 euros foron aportados polo Concello de Ames, e os 26.695,50 euros restantes, pola Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). Estas programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

A técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, explicou que detrás da maioría dos espectáculos están compañías que, ademais de ser galegas, gardan relación directa co concello de Ames. Tamén sinalou que a ampla oferta deste primeiro semestre responde á vontade do departamento de buscar “calidade artística, pero tamén variedade de contidos”.

Nesta mesma liña tamén se expresou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), quen salientou que nos últimos anos a oferta cultural de Ames gañou en calidade e diversidade. AGADIC participa nesta programación a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, na que o ano pasado se representaron un total de 490 funcións, cun investimento de arredor de 1.700.000 euros por parte da administración autonómica.

Pola súa banda, o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, agradeceu a participación de todos os asistentes ao acto e sinalou que esta programa é un reflexo da diversidade poboacional do municipio, pois ten oferta para todo tipo de públicos. Tamén destacou que a oferta deste ano serve non só para poñer en valor ao concello, senón tamén para facer de Ames “un referente e un refuxio cultural para os artistas”.

Unha cuestión que agradeceron todos o representantes das distintas compañías que asistiron ao acto, que loaron a atención aos espazos por parte do Concello e o fomento do seu uso para residencias artísticas e ensaios.

Venda de entradas e de bonos culturais
As entradas para os espectáculos poderán adquirirse na Billeteira electrónica do Concello a partir do vindeiro luns 8 de xaneiro. Se non se completase o aforo, unha hora antes do comezo das representacións haberá entradas dispoñibles á venda nas Casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro. Ademais, as persoas con carné de estudante, maiores de 60 anos, rapaces menores de 12 anos, familias numerosas, mocidade con carné xove e as persoas demandantes de emprego poderán desfrutar dun desconto do 50% do custo ordinario das entradas.

Por outra banda, un ano máis póñense a disposición da cidadanía os “abonos culturais”, cun custo de 25 euros, que poderán ser empregados para desfrutar dun 50% de desconto nas dez funcións programadas para público adulto. Haberá un total de 40 abonos á venda. Esto supón un aumento con respecto ao número de bonos ofertados en anos anteriores, o que, como explicou María Vázquez, técnica do departamento de Cultura, responde á boa acollida que teñen estes bonos. As persoas interesadas en adquirilos poderán facelo a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames entre o 21 de decembro de 2023 e o 7 de xaneiro de 2024.

Non se admitirán cambios nin devolucións nin das entradas nin dos abonos adquiridos. A venda pechará cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo, e unha vez comezadas ás representacións ninguén poderá acceder á sala.

Programa do primeiro semestre de 2024
A programación de artes escénicas para o público familiar da primeira metade de 2024 inclúe un espectáculo de monicreques e unha obra teatral. O primeiro deles será o espectáculo “Solo”, de Roi Borrallas, que se representará o 1 de marzo na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 18:00 horas. Pensado para nenos e nenas a partir dos cinco anos, este espectáculo retrata o comportamento dun pallaso cando está só, coas súas ideas e tolemias.

A obra de teatro “Voa Voa” representarase o 5 de abril, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, da man de Talía Teatro. Dirixida a un público familiar e a crianzas a partir dos catro anos, este espectáculo propón recuperar ditos, retrousos e xogos populares para transmitirllos aos máis pequenos da casa.

Dentro da programación para público adulto, ofrécense oito espectáculos de teatro e dous de danza. O primeiro deles, unha obra dramática titulada “Unha inimiga do pobo”, representarase o 19 de xaneiro ás 20:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dunha adaptación da obra homónima de Henrik Ibsen, na que se denuncia a política que antepón os beneficios económicos sobre a saúde da poboación, ao tempo que invita a reflexionar sobre o papel dos medios de comunicación á hora de moldear a opinión pública.

Tamén en xaneiro representarase o drama “Último verán en Santa Cristina”, de Teatro Noroeste, o día 26 ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nela contase a historia dun rapaz de 12 anos e do seu último verán na praia en 1960. Anos despois, sendo un adulto, recibe unhas cartas da súa defunta nai a través das que descobre a relación extramatrimonial que esta tiña cun maqui fuxido que se escondía nos bosques de Betanzos.

Xa no mes de febreiro representarase a comedia “Made in Galiza”, de Sarabela Teatro, o día 2 ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Baseada na novela homónima de Séchu Sende, coa defensa da lingua como eixo central, esta obra combina o humor e momentos cotiás con profundas reflexións sociolingüísticas.

Así mesmo, en marzo, terán lugar tres funcións de teatro: “Hamelin”, de Redrum Teatro, que se representará o 1 de marzo ás 20:30 horas no Milladoiro; “Chola a it girl”, de ArtesaCía, o 15 de marzo ás 20:30 horas tamén no Milladoiro; e “Esas cousas marabillosas”, de Empatía Teatro, o 22 ás 20:30 horas en Bertamiráns. A primeira é unha adaptación do conto do Frautista de Hamelin a través da que se aborda o tema da pederastia. A segunda é unha obra de teatro contemporáneo no que a súa protagonista, Chola, decide mostrar a súa vida rural, auténtica e imperfecta, farta de ver como a xente ofrece unha imaxe perfecta e idílica de si mesma nas redes sociais. A terceira é unha comedia na que se conta unha historia de case tres décadas que comeza cunha muller no hospital despois de intentar suicidarse, o que leva ao seu fillo de sete anos a comezar unha lista de todo o que é marabilloso no mundo, todo polo que vale a pena vivir.

En abril, o día 26 ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns, o Grupo Chévere presenta “Helen Keller, a muller marabilla?”, un proxecto sobre a rebeldía e a disidencia a través da figura de Helen Keller, a primeira xordocega en obter un título universitario.

Para finalizar, o 3 de maio ás 20:30 horas no Milladoiro, representarase a comedia teatral “As r(h)umorosas”, na que se pon en valor a figura das mulleres ilustres da historia de Galicia.

Por outra banda, no mes de abril haberá dos espectáculos de danza. O primeiro será “Sofá”, o día 5 ás 20:30 horas en Bertamiráns, un espectáculo de danza contemporánea, que inclúe elementos do teatro e do circo, no que se fala dunha parella. Posteriormente, o  12, ás 20:30 horas no Milladoiro, representarase “Ceibe”, un espectáculo de danza tradicional que afonda na relación entre os roles de xénero e a nosa tradición.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames programa doce espectáculos de teatro y danza hasta mayo"

El Correo Gallego: "A programación cultural amesá para 2024 trae teatro, monicreques e danza co apoio da Agadic"

Ames Go: "“Ames Cultural 2024” inclúe 12 espectáculos de teatro e danza para o primeiro semestre"

Preséntase a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024” que inclúe 12 espectáculos de teatro e danza

Multimedia

  • Preséntase a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024” que inclúe 12 espectáculos de teatro e danza
  • Preséntase a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024” que inclúe 12 espectáculos de teatro e danza
  • Preséntase a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024” que inclúe 12 espectáculos de teatro e danza
  • Preséntase a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024” que inclúe 12 espectáculos de teatro e danza
  • Preséntase a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024” que inclúe 12 espectáculos de teatro e danza
  • Preséntase a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024” que inclúe 12 espectáculos de teatro e danza
  • Preséntase a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024” que inclúe 12 espectáculos de teatro e danza
  • Preséntase a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024” que inclúe 12 espectáculos de teatro e danza
  • Preséntase a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024” que inclúe 12 espectáculos de teatro e danza
  • Preséntase a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024” que inclúe 12 espectáculos de teatro e danza
  • Preséntase a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024” que inclúe 12 espectáculos de teatro e danza
  • Embedded thumbnail for