Pestanas principais

Preséntase a programación “Novembro Cultural” con motivo da celebración de Santa Icía e do 25N

Xoves, 09 de novembro de 2023

O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, Centro de información á Muller e Servizo de Normalización Lingüística, organizou o programa “Novembro Cultural”, que recolle actividades musicais e espectáculos de danza e teatro relacionados coa celebración de Santa Icía e coa conmemoración do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller. O acto de presentación realizouse esta mañá no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, a cargo do alcalde e concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Blas García; a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; e da directora da Escola Municipal de Música de Ames, Pilar Martínez. 

O Concello de Ames lanza un novo programa Cultural para este mes de novembro. Trátase dunha programación que recolle actividades musicais e espectáculos de danza e teatro relacionados coa celebración de Santa Icía e coa conmemoración do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller.

Durante o acto de presentación, o alcalde e concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Blas García, incidiu en que “nesta nova etapa queremos organizar actividades que sexan transversais entre os distintos departamentos municipais. O obxectivo é programar de forma conxunta. Nesta programación dáselle moita participación a grupos locais, porque debemos presumir de que en Ames temos moitas asociacións, colectivos, e persoas a nivel individual que traballan e destacan no eido cultural. Ames é un referente a nivel cultural na contorna, polo que temos que seguir traballando para seguir programando novas actividades”.

Por outra banda, a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García, destacou que “no departamento de Servizos Sociais estamos moi ledas porque na elaboración desta programación colaboramos con outros departamentos municipais. Foi un traballo moi gratificante e enriquecedor. Trátase dunha programación transversal que xunta música, teatro, danza, etc. Novembro vai a ser un mes moi cultural e animo a toda a veciñanza de Ames a que participe desta programación porque hai espectáculos e actuacións de moita calidade”.

A técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, explicou que “Novembro Cultural é un programa que se pon en marcha por primeira vez este ano. É unha programación moi interesante porque está creada entre varios departamentos municipais. A cultura, a música e mailas artes escénicas son un ferramenta moi útil para loitar contra a lacra que é o machismo e maila violencia de xénero”.

A directora da Escola Municipal de Música de Ames, Pilar Martínez, dixo “dentro da Escola de Música temos varias agrupacións e dentro desta programación vai actuar o combo de voces, que vai a cantar varias canción relacionadas co 25N. Ademais, actuarán os combos xuvenil e de adultos. O alumnado está desexando participar nestas actuacións que lles serven para adquirir novas experiencias e mostrar o seu traballo en público”.  

Mércores, 22 de novembro, día de Santa Icía
“Novembro Cultural” comeza o sábado, 11 de novembro, ás 18.30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns co concerto de corais a cargo da coral Lembranzas de Santa Cruz de Oleiros, da coral polifónica Antonio Santomil de Bugallido e do grupo amesán Pandereteiras de Costaneira.

A programación continúa o mércores, 22 de novembro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa actuación da Escola Municipal de Música de Ames. Actuarán os combos de voces, xuvenil e de adultos. Esa actuación farase con motivo da celebración do día de Santa Icía que é patroa dos músicos.

Concerto de piano a cargo de Álvaro Sieira
O día seguinte, o xoves 23, ás 20.00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a actuación de Alvaro Sieira que ofrecerá un concerto de piano. O concerto ten unha duración aproximada de 1 hora e 15 minutos e ofrece unha viaxe sonora por distintos países e épocas da historia musical coas obras máis emblemáticas dos grandes compositores: Beethoven, Liszt, Brahms, Debussy, Bartók etc.

Álvaro Sieira deu concertos en toda España coas obras para piano máis representativas dos grandes compositores. Os máis recentes son en León (Fundación Eutherpe), en Santiago de Compostela (Auditorio do Edificio Fontán, Ciudad da Cultura), en Madrid (Madrid Music Hall), en Ourense (Liceo Ourensán, CMUSOU, conservatorio Karl Nielsen), nos Conservatorios superiores de Vigo e A Coruña, en Braga (museo Nogueira da Silva), e outras cidades como Verín, Xinzo, Oviedo e Alacante, entre outras.  

Ese mesmo día, o xoves 23 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20.00 horas, dentro da programación con motivo do 25N, actuará o combo de voces da Escola Municipal de Música de Ames e representarase a obra de teatro Golpes, a cargo da compañía aAntena. Trátase dunha peza que afonda dun xeito directo e fuxindo do tráxico en como nas accións máis cotiás nace o “Golpe” da desigualdade e chega á violencia machista. Os convites poden adquirirse na Billeteira electrónica.

O venres 24, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, representase o espectáculo “Mulleres de pedra” con María da Pontragha. Trátase dun espectáculo para nenos e nenas a partir dos 3 anos no que se narran contos e historias de mulleres fortes e eternas. Para inscribirse nesta actividade hai que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. A inscrición estará aberta do 16 ao 23 de novembro ata completar aforo.

Performance de música e danza “Bolboreta”
O venres 24, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, representarase a performance de música e danza “Bolboreta” de Emsemble Verxel. Son unha agrupación formada por 12 artistas galegos, entre os que se atopan 4 compositores, 2 bailaríns e coreógrafos e 6 músicas (violín, viola, cello, piano, frauta e clarinete). Este conxunto galego e de maioría feminina realiza unha performance na que tratan de achegar a arte contemporánea a todo tipo de públicos, usando a mestura de distintas disciplinas artísticas como poden ser a música, a danza e o teatro.

A programación de “Novembro Cultural” remata co concerto do grupo The Tetas Van, que ofrecerán o sábado, 25 de novembro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames conjuga música con la lucha contra la violencia de género en su Novembro Cultural"

La Voz de Galicia: "Un Novembro Cultural de ocho actos en Ames"

El Correo Gallego: "Arranca o Novembro Cultural de Ames co concerto de corais"

Imaxe da presentación de Novembro Cultural

Multimedia

  • Imaxe da presentación de Novembro Cultural
  • Imaxe da presentación de Novembro Cultural
  • Imaxe da presentación de Novembro Cultural
  • Imaxe da presentación de Novembro Cultural
  • Cartaz coa programación de Novembro Cultural