- Tematica
O Concello de Ames presentou esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello a programación “Un Nadal diferente”, que recolle unhas 70 actividades para este mes de decembro e comezos de xaneiro de 2021. No acto de presentación participaron o alcalde de Ames, Jose Miñones, a concelleira de Cultura, Natividade González, e maila concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz. Dita programación recolle contacontos; obradoiros moi variados; a visita do Apalpador, de Papá Noel e dos Reis Magos; concertos musicais, espectáculos de teatro, danza e maxia; actividades medio ambientais, proxección de filmes e documentais; un mercado de troco solidario; actividades medio ambientais; unha actividade de escape room; torneos de xadrez; pasarrúas; un campamento da Natureza; e as prebadaladas de fin de ano. Accede á programación completa de actividades de "Un Nadal diferente".
O Concello de Ames preparou para este Nadal unha ampla e variada programación de actividades para todos os públicos (infantil e adulto). Trátase dun Nadal diferente debido ás restricións provocadas pola pandemia da Covid-19 pero, aínda así, realizaranse ata 70 actividades ao longo do mes de decembro e comezos do vindeiro mes de xaneiro de 2021. Dita programación comezou hoxe, 9 de decembro, coa inauguración da Árbore dos bos desexos ás 12.00 horas. Ademais, hoxe tamén arranca a programación de Nadal das bibliotecas municipais cos #Dixicontos, unha nova iniciativa coa que as animadoras á lectura das bibliotecas, Bibiana Calvo e Divina Fernández, contarán contos infantís virtualmente.
O alcalde de Ames, Jose Miñones, destacou que “este ano adiantouse unha semana o acto de acendido das luces de Nadal, que foi o inicio das actividades incluídas na programación de Nadal 2020. Pensamos en facer unha programación tendo en conta as restricións que se están aplicando pola Covid-19. En todas as actividades se aplican os protocolos de seguridade pola Covid. Polo tanto, hai que reservar praza con anterioridade e respectar o aforo marcado para evitar aglomeracións. O maior número de actividades organízanse a partir do 18 de decembro, aínda que intentamos programar actividades para todos os días deste mes de decembro e comezos de xaneiro. Convidar a toda a veciñanza de Ames a que participe na programación de Nadal para seguir mantendo vivo o concello de Ames. Aínda que teremos un Nadal diferente, pódese saír á rúa e facer as compras nos establecementos comerciais de Ames, sempre con precaución e con sentido da responsabilidade”.
Actividades das bibliotecas
Hoxe, 9 de decembro, a rapazada de Ames poderá desfrutar, a través da páxina de Facebook da biblioteca, da narración de “Rato moi alto e rato moi baixo. Contos de ratiños”. O mércores 16, será a quenda de “A cenoria xigante” e o día 23 de decembro, lerase “A máscara do león”. Para despedir o mes, as animadoras narrarán o conto infantil “O abeto” e, pechando a programación, o martes 5 de xaneiro o libro protagonista será “Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis”.
O venres 18 e o sábado 19 de decembro realizarase o obradoiro infantil “Creacontos”. O venres terá lugar na biblioteca de Bertamiráns ás 17:00 horas e, o sábado, na do Milladoiro ás 11.00 horas. O luns 21 de decembro organízase “Decora o teu Nadal”, un taller que se levará na Biblioteca de Bertamiráns e, o martes 22, repítese na do Milladoiro. As dúas sesións serán ás 17:00 horas. Para todos os obradoiros, ao ser presenciais, é preciso inscribirse previamente.
O público adulto tamén terá actividades durante este Nadal. A primeira é a sesión de #Dixicontos o xoves 10 de decembro a través da páxina de Facebook da biblioteca. Vero Rilo organiza este contacontos da obra “Arrolando as flores”, unha selección de historias de vida que teñen como protagonistas a mulleres anónimas.
O venres 11, na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 20.00 horas, organizarase “Vértice de Versos”, unha proxección do documental acompañada dunha charla coloquio con Emma Pedreira. Para asistir é preciso reservar os convites premendo nesta ligazón.
O mesmo día, haberá outras dúas actividades: a visita do Apalpador no patio do Pazo da Peregrina, ás 17.00 horas, (imprescindible inscribirse previamente enviando un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal) e o concerto do grupo Milladoiro. Este evento musical terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20.30 horas.
Sábado 12 de decembro
Na fin de semana a actividade cultural non cesa. Ás 10.00 horas convócase una recollida de lixo baixo o nome “Basuraleza: 1m pola contorna”. O punto de encontro será na praza do Concello e precísase inscrición previa enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.
Para os adultos que prefiran a lectura, haberá o obradoiro “Os contos a debate”. Esta actividade terá lugar na biblioteca de Bertamiráns, ás 11.00 horas, o sábado 12 de decembro. Para acudir é preciso inscribirse previamente.
Pola tarde, será a quenda de Vero Rilo coa súa sesión de #Dixicontos a través da páxina de Facebook da biblioteca. Narrarase a obra “Arrolando as flores”, unha selección de historias de vida que teñen como protagonistas a mulleres anónimas.
Por último, durante todo o sábado, de 16.00 a 19.00 horas, poderase acudir ao Mercado do troco solidario na Casa da Cultura de Bertamiráns.
A programación cultural continúa o xoves 17 con Caxoto contacontos. “Un corazón a flor de pel” é unha sesión de dirixida á rapazada maior de 4 anos. A actividade realizarase no Pazo da Peregrina ás 18.00horas e é preciso inscribirse do 9 ao 16 de decembro en normalizacion@concellodeames.gal.
A concelleira de Cultura, Natividade González, destacou “a extensa e intensa programación de Nadal que inclúe diferentes actividades e eventos ao longo das próximas semanas. Gustaríame destacar algunhas das actividades que se van levar a cabo como os concertos, espectáculos de teatro e maxia, así como unha programación específica de bibliotecas para todos os públicos. Tamén quero incidir en que reprogramamos todas aquelas actividades que durante o primeiro semestre non se puideron realizar por mor da Covid. Moitas delas desenvolveranse agora durante este mes de decembro. Ademais, poñemos en marcha unha nova iniciativa en colaboración coas librerías de Ames, a través da cal se repartirán 8 premios e uns 800 euros para canxear por libros. Este é un Nadal diferente pero iso tan conleva que vai ser un Nadal moi especial. Queremos que os veciños e veciñas de Ames gocen do ocio e da cultura, pero que non se esquezan de facelo con prudencia e responsabilidade”.
Fin de semana do 18 ao 20 de decembro
O venres 18 comeza, ás 17.00 horas, co obradoiro infantil creacontos, na biblioteca de Bertamiráns.
A mocidade, de 12 a 16 anos, tamén poderá desfrutar co Scape Room en directo: Conexión Entrante. Esta actividade realízase vía streaming, das 19:00 ás 20:30 horas. As prazas son limitadas e por orde de inscrición (do 10 ao 16 de decembro).
Ás 20.00 horas celébrase a Gala entrega de premios I Certame Galetiktokers, na Casa da Cultura do Milladoiro. Para despedir o venres, o público adulto ten cita coa compañía Talía Teatro, que representa a súa obra Vida de Cans na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 20:30 horas. As entradas están á venda na billeteira.
O sábado 19 de decembro a Aula da Natureza organiza unha Ruta de Inverno, un paseo de Natureza. As saídas en autobús están previstas para as 09:45 horas na Casa da Cultura do Milladoiro e as 10:00 na praza do Concello en Bertamiráns. Regresarase sobre as 14:00 horas á praza do Concello e ás 14:15h, na Casa da Cultura do Milladoiro. Precísase inscrición previa enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.
Ademais, continuará a sesión de Scape Room en directo: Isto non é un xogo, vía streaming. Os mozos e mozas de 17 anos en diante poderán participar nesta actividade de 19:00 a 20:30 horas. As prazas son limitadas por orde de inscrición (do 10 ao 16 de decembro).
As persoas amantes do xadrez tamén teñen una cita este sábado xa que se celebra o Torneo de Nadal de Xadrez por equipos. Virtualmente, será de 20:30 a 21:30 horas. Para máis información ou inscribirse, débese chamar ao 633 447 674 ata o 16 de decembro.
Do luns 21 ao venres 25 de decembro
Co comezo do inverno, o 21 de decembro, comezan os obradoiros organizados pola Concellería de Promoción Económica. O obradoiro de Candeas terá lugar no local Biosbardos, na Rúa do Rueiro de Bertamiráns de 10:00 a 12:00 horas. Tamén estará no local de Retumban Risas, no Milladoiro, de 17:00 A 19:00 horas.
Outra das actividade de Promoción Económica é o obradoiro de “Menú Noite Boa”, que se celebrará no local Dos Pasos, en Bertamiráns, de 18:30 a 20:30 horas.
O luns 21 tamén haberá espazo para a maxia co espectáculo a cargo de Dani Polo. O evento celebrarase na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18.00 horas. Está dirixido a un público infantil. Débese inscribirse do 11 ao 18 de decembro en normalizacion@concellodeames.gal
O martes 22 de decembro vólvense a organizar o obradoiro “Menú de Noite Boa”, no local de Retumban Risas, de 10.00 a 12.00 horas. O Obradoiro “Menú de Nadal” impartirase tamén nese local, de 12:30 a 14:30 horas, e no local Dos Pasos, de 17.00 a 19.00 horas. Para participar nestes obradoiro hai que inscribirse previamente cubrindo un impreso que se pode atopar na web municipal. Existe un impreso para os nenos e nenas e outro impreso para que os adultos fagan a inscrición. Tamén se pode solicitar enviando un correo electrónico ao enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal”.
A concelleira de promoción Económica, Ana Belén Paz, explicou que “a través de dita programación trátase de dinamizar o comercio local, sempre adaptándose á normativa sanitaria en vigor. Dende o 21 de decembro ata o 4 de xaneiro impartiranse diferentes obradoiros que están dirixidos tanto a persoas adultas como a nenos e nenas de 4 a 12 anos. Deste xeito, haberá obradoiros de cociña, decoración de galletas e de candeas para persoas adultas. Para a rapazada haberá obradoiros de adornos de fiestras, galletas, cotillón, maxia, papiroflexia, e como novidade para este ano haberá un obradoiro de linguaxe de signos que será para participar en familia e que consistirá nun contacontos en linguaxe de signos e un obradoiro de iniciación”.
Visita de Papá Noel
O martes 22 organízase o Galitoon: the show moscón, un espectáculo infantil que terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18.00 horas.
A actividade “A casa de Papá Noel”, desenvolverase o martes 22 de decembro na Biblioteca do Milladoiro, de 16.30 a 21.00 horas. O mércores 23 de decembro Papá Noel volverá a estar na Biblioteca municipal do Milladoiro, de 11.30 a 14.00 horas, e no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, de 16.30 a 21.00 horas. O xoves 24 de decembro Papá Noel volverá estar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 11:30 a 14:00 horas. Está actividade está orientada a un público infantil e familiar.
O martes 22 e o mércores 23 haberá un obradoiro de programación e electrónica para a mocidade maior de 12 anos, en Bertamiráns de 17:00h a 20:00h. A actividade repetirase o mércores. As prazas son limitadas por orde de inscrición (do 14 ao 18 de decembro).
O mércores 23, Fran Sieira Compañía de Danza, representa o espectáculo para adultos “Entresoños” na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:30 horas. As entradas están á venda na billeteira.
O departamento de Promoción Económica continuará cos seus obradoiros. O mércores 23 desenvolverase o obradoiro “Adorno de fiestras” no local de Biosbardos, de 10:00 a 12:00 horas, para os menos e nenas de 4 a 12 anos.
O día 23 de decembro continúa cun obradoiro de galletas para adultos, no local Dos Pasos de 17:00 a 19:00 horas, e cun pasarrúas sorpresa no Milladoiro, de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas. Esta actividade repetirase o xoves 24 en Bertamiráns no mesmo horario.
O obradoiro de galletas impartirase o xoves 24, no Retumban Risas de 10:00 a 12:00 horas, e o sábado 26 . Ademais, realizarase tamén no Biosbardos, de 10.00 a 12.00 horas. O taller de adornar fiestras repítese o sábado 26 no Retumba Risas, 17:00 a 19:00 horas.
Por último, esta fin de semana de rematará co Torneo de Nadal de Xadrez virtual, ás 20.30 horas e cunha sesión de autocine. Este evento celebrarase no Milladoiro o sábado 26 e o domingo 27 de decembro ás 10:30/16:30/19:30 e 22:00 horas.
Semana do luns 28 ao xoves 31 de decembro
Nesta semana os veciños e veciñas de Ames poderán participar nun obradoiro de linguaxe de signos o luns no local Biosbardos, de 10:00 a 12:00 horas, e no Retumban Risas, de horario de tarde. As prazas son limitadas por orde de inscrición ata o 22 de decembro promocioneconomica@concellodeames.gal.
Ademais, haberá un obradoiro de cotillón para nenos e nenas de 4 a 12 anos no Milladoiro. O luns estarán Pablo Díaz e Olga Kirk coa sesión Cantos de Nadal con Cantos de Nadal con Apego, na Casa da Cultura do Milladoiro, 18.00 horas.
Os días 28 e 29, impartirase un obradoiro de deseño 3D en Bertamiráns, de 10:00h a 13:00 horas. Está dirixidos a mozos maiores de 12 anos. As prazas son limitadas por orde de inscrición (do 14 ao 18 de decembro).
Do luns 28 ata o mércores 30 están previstas unhas pequenas rutas e obradoiros de natureza para menos e nenas de 6 a 14 anos. Terán lugar na Aula da Natureza das 10:00 ás 17:00 horas.
O martes 29 organízase o obradoiro Menú de Fin de Ano no local Dos Pasos, de 10:00 a 12:00 horas, e no Retumban Risas, pola tarde. Ademais, haberá o obradoiro infantil de Cotillón, no local Biosbardos ás 17.00 horas.
O mércores 30 impartirase un obradoiro de Papiroflexia, una sesión no local Dos Pasos, de 10:00 a 12:00 horas, e no Retumba Risas pola tarde, para nenos e nenas de 4 a 12 anos. Tamén están previstos dous talleres de maxia para o público infantil e nos mesmos locais que os anteriores.
Por último, o xoves 31 de decembro terá lugar na praza Do concello, de 11.00 a 13.00 horas, a sesión Prebadaladas, dirixido a un público infantil familiar. Débese reservar praza.
Visita dos Reis Magos
Xaneiro comeza cun pasarrúas sorpresa o sábado 2 en Bertamiráns, de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas, e o luns 4 no Milladoiro. Os Reis Magos visitarán os pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro, o sábado 2, domingo 3, luns 4 e martes 5. O horario será de 11:30 ás 14:00 horas e das 16:30 ás 20:30 horas, agás o día 5 que será ata ás 21:00 horas.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames programa 70 actividades de Nadal hasta el 5 de enero"
El Correo Gallego: "Ames prende o Nadal coa Árbore dos desexos e anima á recollida de lixo"
Revista AmesGo: "Ames afronta un Nadal diferente con ata 70 actividades"
Compostela 24 Horas: “Un Nadal diferente” recolle 70 actividades para estas festas en Ames"