- Tematica
A Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición do concurso de fotografía “Ilumina o teu sorriso”, organizado pola Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e o estudo de deseño gráfico e imaxe de marca La Rayuela. O obxectivo desta iniciativa é dinamizar os negocios locais, fomentando o achegamento da cidadanía ás rúas máis comerciais do concello. Para participar é necesario realizar dúas fotografías en dous dos lugares seleccionados pola súa decoración de Nadal: as prazas do Concello e da Maía, en Bertamiráns, e a praza da Madalena e o aparcamento do Supercor, no Milladoiro. Os premios son un vale de 300€ e dous vales 100€ para gastar nos comercios asociados a XEA. As bases completas poden consultarse nesta ligazón.
A Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición do concurso de fotografía “Ilumina o teu sorriso”. Ao acto acudiron Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica; Jorge López, presidente de XEA e Beatriz López, xerente de XEA.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que o que se busca con este certame é “dinamizar as nosas rúas e percorrer o noso concello usando os elementos decorativos instalados este Nadal”. Así mesmo, agradeceu a XEA que organice este concurso ano tras ano para axudar ao comercio e a hostalaría locais. Pola súa banda, o presidente de XEA, Jorge López, afirmou que esta iniciativa tamén serve para poñer en valor a iluminación de Nadal do concello e animou á veciñanza a participar.
O concurso
Aquelas persoas que participen no certame deberán enviar dúas fotos, tomadas en dúas das catro localizacións propostas nas bases da campaña, nas que se instalaron diversos motivos luminosos da decoración de Nadal. En Bertamiráns, estes puntos son o logo de Ames da praza do Concello; e o número 2024 na praza da Maía. Por outra banda, no Milladoiro deberanse fotografar a bola xigante luminosa da praza da Madalena e a árbore de 15 metros do aparcamento do Supercor.
As fotografías (dúas por participante) poden facerse empregando calquera técnica e estilo, pero deben ser inéditas e orixinais. O prazo para mandar as imaxes está aberto desde hoxe, mércores 14 de decembro, ata o vindeiro 7 de xaneiro. Pode participar calquera persoa maior de 18 anos residente en España.
Deben remitirse ao enderezo electrónico amesnarua@gmail.com, xunto cos datos persoais (nome e apelidos, data de nacemento e enderezo) e o teléfono do participante. Así mesmo, deberase incluír o texto “autorizo aos organizadores á difusión das fotografías enviadas segundo as bases do sorteo” e, no caso de que nas imaxes aparezan persoas recoñecibles, é preciso axuntar tamén a súa autorización. As persoas participantes prestan o seu consentimento para que as súas composicións poidan ser expostas no Instagram e Facebook @amesnarua e baixo os cancelos #iluminaoteusorriso23 e #amesnarua.
A cada un dos participantes na campaña asignaráselle un número, correlativo segundo o envío ao correo electrónico facilitado. Os premios serán adxudicados ás persoas que posúan os tres primeiros números resultantes do sorteo. Desta maneira, o participante co primeiro número gañador recibirá 300€ en vales de XEA; mentres que o segundo e o terceiro serán dotados con vales de 100 euros cada un, que se poderán empregar para gastar nos comercios locais adheridos a XEA.