Pestanas principais

Preséntase a segunda carreira de orientación, que se celebrará este sábado, día 15, en Bertamiráns

Xoves, 13 de abril de 2023

O Concello de Ames e a entidade Xesta Natureza presentaron esta mañá a segunda edición da carreira de orientación do Concello de Ames, que se desenvolverá na área deportiva de Bertamiráns este sábado, 15 de abril. A iniciativa volve a ser posta en marcha polo departamento de Deportes tralo éxito acadado o pasado ano. Para esta segunda proba hai xa 175 persoas inscritas, e todos/as os/as que desexen anotarse poderán facelo ata as 23:59 horas do día de hoxe, premendo nesta ligazón. No acto de presentación participaron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; o técnico de dito departamento, Alberto Viaño; e Ricardo Figueroa, en representación de Xesta Natureza.

O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá a presentación da II Carreira de orientación, que se celebrará este sábado, 15 de abril, en Bertamiráns, e que se organiza a través da entidade Xesta Natureza.

Unha carreira de orientación é unha competición individual, campo a través e cronometrada, na que hai que completar un percorrido no menor tempo posible, pasando por puntos determinados no terreo ou balizas. Esta é segunda ocasión que se celebra no concello de Ames, tras lograr unha gran acollida o pasado ano. Os interesados en anotarse poden facelo ata esta noite, premendo nesta ligazón.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, explicou que “esta é a segunda carreira de orientación. A primeira celebrouse o ano pasado a modo de proba piloto e serviu para coñecer Bertamiráns dunha maneira distinta. Animamos á xente a que se anote e veña a desfrutar desta proba que organizamos dende a Concellaría de Deportes para dar a coñecer novas disciplinas”.

Ricardo Figueroa, responsable de Xesta Natureza, sinalou que “esta carreira ten unha característica a maiores do habitual, que é que será mixta. Imos a tocar a zona do bosque da contorna da área deportiva, baixando a Bertamiráns, á zona urbana”. Ademais engadiu que “é unha proba aberta a todo o mundo, a todas as idades e a todos os rangos físicos. Cada vez máis xente se anima e nos sigue a todos os lugares de Galicia para participar no que imos organizando”. Para finalizar, quixo “agradecer ao Concello por facer esta aposta por actividades tan descoñecidas, posto que cando a xente as descobre, repite”.

O técnico do departamento de Deportes, Alberto Viaño, dixo que “para completar o xa explicado a nivel técnico, sinalar que se pode participar de maneira individual ou por equipos, en catro categorías, en función do quilometraxe”.

Pechou a rolda de intervencións o alcalde de Ames, Blas García, que indicou que “esperamos que esta iniciativa se siga repetindo máis veces, e que vaimos collendo un camiño máis profesional e logrando unha maior participación. Hai unha gran afección por este tipo de actividades entre todos os públicos. Quero animar ás veciñas e aos veciños de Ames a que se informen e se anoten”.

Esta carreira de orientación, en concreto, consistirá en visitar no menor tempo posible tódalas balizas establecidas na orde que se indica no mapa, que se entregará momentos antes de que dea comezo a proba. Pódese facer a inscrición (ata 4 participantes por equipo), elixindo algunha das seguintes categorías:

-Xestiñas: categoría para nenos/as, sinxela física e tecnicamente (menos de 3 quilómetros en total).
-Xestas: categoría para adultos, nivel físico e técnico medio (menos de 4 quilómetros en total).
-Xesteiras: categoría para persoas con medios/altos coñecementos de orientación, nivel físico e técnico alto (máis de 5 quilómetros en total).

As persoas que queiran participar de xeito individual deben facer as inscricións por separado. As saídas serán graduadas en tempo, non saíndo en ningún momento dúas persoas (ou equipos) no mesmo minuto. Para dispor de máis información pódese chamar ao número de teléfono 644 567 614, escribir un correo electrónico a info@xestanatureza.com ou visitar a páxina web www.xestanatureza.com.

A organización facilitaralles aos/as participantes unha tarxeta electrónica para ir rexistrando o paso por cada unha das balizas. Débese completar o percorrido (en orde), dende a saída ata a meta. Ao rematar a proba poderanse consultar os resultados en tempo real coa axuda dun código QR que irá impreso no mapa.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Presentada a II Carreira de Orientación do Concello"

Imaxe dos participantes no acto de presentación da segunda carreira de orientación

Multimedia

  • Preséntase a segunda carreira de orientación, que se celebrará este sábado, día 15, en Bertamiráns
  • Preséntase a segunda carreira de orientación, que se celebrará este sábado, día 15, en Bertamiráns
  • Preséntase a segunda carreira de orientación, que se celebrará este sábado, día 15, en Bertamiráns