Pestanas principais

Preséntase unha nova edición da xornada de innovación “InnovAmes” que se desenvolverá o 16 de decembro no Milladoiro

Martes, 08 de novembro de 2022

O Concello de Ames presenta unha nova edición de Innovames, unha xornada de innovación para as empresas de Ames que terá lugar o 16 de decembro no pavillón polideportivo do Milladoiro e na que se contará coa presenza de grandes referentes da innovación que conviven no propio concello. O obxectivo deste evento é poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación local, fomentando a sinerxía e a colaboración entre as empresas e dando a coñecer ao público xeral o capital empresarial de Ames. Para dispor de máis información sobre o InnovAmes pódese consultar a páxina web do evento.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu hoxe a presentación dunha nova edición da xornada de innovación “InnovAmes”, que se vai realizar o vindeiro 16 de decembro no pavillón polideportivo do Milladoiro. No acto de presentación estiveron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; un dos organizadores do evento, Enrique Saavedra, de Maker Faire Galicia; e representantes das empresas Conic vascular, Tecalis, Airvision, Verial, Minervas Voice (Zenit), We Robot. Tamén asistiron as directoras do CEIP Agro do Muíño e do IES de Ames.

Innovames é a xornada de innovación do Concello de Ames e celebrarase o 16 de decembro de 2022 no pavillón polideportivo do Milladoiro. O obxectivo é achegar as últimas tendencias no mundo da innovación da man das empresas do concello de Ames a todos os públicos, xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, onde se comparta coñecemento e xurdan sinerxias que den lugar a proxectos innovadores.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, foi a encargada de abrir a presentación. Deste xeito, explicou que “no InnovAmes participan empresas de Ames que son un referente da innovación e que conviven no noso concello. Cremos necesario facer un gran evento de recoñecemento das nosas empresas. No ano 2018 o Concello de Ames recibiu a comunicación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades da distinción de “Ciudad de la ciencia y la innovación”, polo proxecto Inno@mes. Deste xeito, Ames pasou a formar parte dos 83 Concellos que actualmente forman a Red Innpulso. Somos un concello de referencia en varios sectores e queremos que o resto de cidades, concellos e que os nosos propios veciños e veciñas coñezan o tecido empresarial de Ames que destaca pola súa innovación”.      

Ana Belén Paz engadiu que “as empresas amesás que participan neste evento ofrecerán a súa particular visión sobre o estado da innovación dentro dos seus diferentes sectores. Ademais contaremos con representantes das tres universidades galegas. Como novidade, este ano presentamos a primeira edición dos Premios InnovAmes para empresas, no que se premia á empresa máis innovadora, a de maior impacto social, e maila empresa co maior potencial de crecemento. Tamén se convoca a primeira edición dos Premios InnovAmes para proxectos educativos, nos que se recoñecerá a orixinalidade, a funcionalidade, material empregado e o valor educativo, entre outros, dos proxectos. Os/as gañadores/as  terán como galardón un trofeo e un premio en metálico”.  

Un dos organizadores do evento, Enrique Saavedra, de Maker Faire Galicia, agradeceulle ao Concello de Ames volver apostar por este evento, que se realizou por primeira vez en 2018, e despois non se puido volver organizar ata este ano debido á pandemia da Covid. “Trátase dun evento que impulsa aínda máis se cabe o traballo de innovación que se está facendo nas empresas asentadas no concello de Ames. Cremos que este evento ten un potencial de crecemento moi grande. As empresas que están asentadas en Ames non só están innovando para o eido local senón que se fai a nivel internacional. Esta feira de innovación cremos que ten potencial para converterse nun referente na zona noroeste da península e converterse nun evento ao que acudir cada ano a ver proxectos de innovación de empresas asentadas en Ames”.  

Enrique Saavedra tamén destacou “a importancia de convocar os Premios InnovAmes que van  reforzar esta feira. É importante que os rapaces e rapazas poidan adquirir unha experiencia real do que se está facendo nas empresas e que as empresas lles amosen o que se van atopar no mundo laboral. Deste xeito pódese crear unha sinerxia entre ambas partes que pode ser moi positiva”.

O alcalde de Ames, Blas García, pechou a quenda de intervencións. “É moi importante para nós organizar este evento porque nos axuda a poñer en valor e a dar a coñecer o importante tecido empresarial innovador e tecnolóxico que temos en Ames. Axúdanos a dalo a coñecer primeiro entre a veciñanza amesá e en segundo lugar entre a poboación de fóra do concello. Tamén é moi importante que os nenos e nenas en idade escolar participen e coñezan o sector empresarial innovador que existe no seu concello. Este ano démoslle unha volta ao evento cos premios á innovación que se crean”.

O alcalde engadiu “queremos traballar con humildade, pero tamén con ambición para que o InnovAmes se converta nunha feira de referencia. Para nós é un reto importante pero afrontámolo con ilusión. Por iso é importante que estean presentes as universidades galegas porque é o gran nicho de creación, de startups, etc”.

Programa do evento
Charlas e mesas de debate que versan sobre a tecnoloxía, a innovación, o audiovisual e a utilización de novos materiais conforman o groso dunha programación que na súa sesión matinal estará dirixida non só ao sector profesional, se non tamén aos centros escolares de Ames coa finalidade de proporcionar referentes profesionais e laborais, así como fomentar a inquedanza pola innovación nas novas xeracións.

Deste xeito, o alumnado dos centros de ensino e representantes de empresas poderán escoitar a Carlota Corzo, unha das 30 mozas e mozos con menos de 30 anos da lista Forbes, coofundadora de Lázaro, unha empresa que axuda a organizacións sen ánimo de lucro a crear plataformas web fiables, permitindo traccionar as súas operacións mediante blockchain.

Nesta xornada contarase ademais cun programa centrado na presenza de diferentes representantes das empresas asentadas no parque empresarial Novo Milladoiro en na localidade de Bertamiráns como NanoGap, Escenoset, Conic Vascular, Mirabelle Comunicación ou Tecalis entre outros, que ofrecerán a súa visión particular do estado da innovación dentro dos seus diferentes sectores.

Premios InnovAmes
Este ano como novidade o Concello de Ames convoca a primeira edición do Premio Innovames para empresas innovadoras co obxectivo de recoñecer, apoiar e dar visibilidade ás persoas emprendedoras e empresas máis innovadoras e con maior potencial de crecemento en Ames; proxectos con carácter e innovador e de gran impacto social, tanto de recente creación como xa consolidadas. Premiarase a innovación, o impacto social e o alto potencial de crecemento.

Ademais, convócase o I Premio InnovAmes para proxectos educativos. O Concello de Ames ven apostando nos últimos anos polo sector da innovación, o programa Innovames pretende incluír a comunidade educativa para favorecer a cultura do emprendemento e a innovación no futuro da nosa sociedade. Deste xeito, a través deste premio trátase de ofertarlle á comunidade educativa amesá un alicerce para implementar formación, emprendemento e innovación. Neste caso recoñecerase a orixinalidade, a funcionalidade, material empregado e o valor educativo, entre outros, dos proxectos.

Espazo de exposición
Tamén haberá un espazo de exposición no que os asistentes poderán coñecer de primeira man estes proxectos e outros exemplos innovadores nos que traballan as empresas do concello de Ames, así como os proxectos presentados polos centros educativos. Así mesmo, durante a mañá os escolares poderán asistir a diversos obradoiros, previa inscrición.

O evento completarase cunha sesión de tarde, dirixida ás empresas e ao público interesado, na que se poderá escoitar a Alfonsín Digital Lab, unha das poucas empresa de postprodución cinematográfica en España que traballa con coñecidas plataformas audiovisuais. Coñeceranse os proxectos presentados polas empresas amesás e farase entrega dos premios aos/ás gañadores/as. O público poderá asistir a diversos obradoiros durante a tarde e como punto final da xornada gozarase dun espectáculo e poderanse degustar uns petiscos.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Presumen del capital innovador de las firmas amesanas con charlas y premios"

Presentación da xornada de innovación “InnovAmes”

Multimedia

  • Presentación da xornada de innovación “InnovAmes”
  • Presentación da xornada de innovación “InnovAmes”
  • Presentación da xornada de innovación “InnovAmes”
  • Presentación da xornada de innovación “InnovAmes”
  • Presentación da xornada de innovación “InnovAmes”