Pestanas principais

Preséntase unha nova edición do programa Abril de Cine, que achegará a Ames catro pezas audiovisuais

Xoves, 21 de marzo de 2024

Esta mañá, a Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a presentación de Abril de Cine, unha iniciativa encadrada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames. O obxectivo deste proxecto é achegar o cinema clásico á veciñanza amesá. Nesta ocasión, no marco do Abril de Cine proxectaranse as películas Verano 1993, Les 400 Coups (Os 400 golpes), The Straigth Story (Unha historia verdadeira) e In the mood for love (Desexando amar). Todos os filmes serán proxectados en versión orixinal subtitulada no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro ás 20:00 horas. As entradas poderanse adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Esta mañá tivo lugar o acto de presentación dunha nova edición do Abril de Cine, o programa cultural que se celebra en Ames por cuarto ano consecutivo. Nel participaron o concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, Blas García; a técnica do departamento, María Vázquez; e o coordinador do ciclo, guionista, profesor de audiovisuais e xestor cultural, Javier Trigales.

A técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, salientou o papel da cultura e do cine como “transmisor de coñecemento e valores, polo que é a nosa responsabilidade programar cine no noso concello”.

Nesta mesma liña se expresou o  guionista, profesor de audiovisuais, xestor cultural e coordinador do ciclo, Javier Trigales, que afirmou que “o cine é un dos aglutinadores culturais que mellor funcionan de cara a un público xeralista”. No que respecta ás proxeccións que compoñen o ciclo, explicou que o obxectivo foi “incluír clásicos modernos que xa forman parte da historia do cinema, non quixemos limitarnos ao cine da primeira década do século XX”.  

O encargado de pechar o acto foi o alcalde de Ames, Blas García. Durante a súa intervención destacou que “en Ames xa é unha tradición facer dous ciclos de cine, un antes do verán e outro despois. O ciclo de Abril de Cine supón facer algo distinto ao habitual, facendo proxeccións en versión orixinal subtitulada”. Así mesmo, animou á veciñanza de Ames e da contorna a sumarse a este ciclo e a desfrutar tanto das películas como dos coloquios que as acompañan.

Nesta ocasión, os veciños e veciñas de Ames poderán gozar de catro proxeccións. Deste xeito súmase a disciplina do cinema a programación cultural do Concello, poñendo en valor esta disciplina artística como ferramenta transmisora de información e coñecemento, así como de pensamento crítico. As entradas poderanse adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Catro proxeccións de cine clásico
As proxeccións serán en versión orixinal subtitulada e contarán cun convidado do eido da cultura (cinema, música, literatura...). Nesta edición estarán presentes a actriz Ledicia Sola, o escritor Diego Ameixeiras, o cineasta Alfonso Zarauza, e a actriz e directora Jaione Camborda. Cada un deles participará nun pequeno coloquio ao finalizar cada filme para afondar nos aspectos máis rechamantes da obra audiovisual. Tamén ao comezo haberá unha pequena presentación para orientar ao público cun par de claves sobre o filme antes da proxección.

Este novo ciclo do Abril de Cine comezará o vindeiro xoves 4 de abril, coa película Verano 1993, dirixida por Carla Simón e galardoada con 3 premios Goya (mellor dirección novel, mellor actriz revelación e mellor interpretación masculina). Nela nárrase a historia de Frida, unha nena de seis anos que afronta o primeiro verán da súa vida coa súa nova familia adoptiva trala morte da súa nai. Durante a proxección do filme os espectadores estarán acompañados pola actriz Ledicia Sola.

A seguinte sesión terá lugar o 11 de abril. Emitirase o filme Les 400 Coups (Os 400 golpes), unha obra clave da “nouvelle vague” na que se conta a historia de Antoine Doinel, quen con 14 anos non só é testemuña dos problemas de parella dos seus pais senón que tamén debe soportar as esixencias dun severo profesor. O escritor, xornalista e guionista Diego Ameixeiras será o convidado desta sesión.  

O filme The Straigth Story (Unha historia verdadeira), de David Lynch, proxectarase o martes 16 de abril. Baseada nunha historia real, narra a viaxe de Alvin Straight, un ancián que vive coa súa filla con discapacidade, para ver ao seu irmán enfermo no único medio de transporte do que dispón: unha máquina cortacéspede. Nesta ocasión, o coloquio posterior contará coa participación do realizador, guionista e produtos galego Alfonso Zarauza.

A última das sesións de longametraxes do Abril de Cine desenvolverase o 23 de abril. Proxectarase In the mood for love (Desexando amar), un filme asiático que se desenvolve no Hong Kong de 1962. Neste contexto, Chow, redactor xefe dun diario local, múdase a un edificio habitado principalmente por residentes de Shaghai onde coñece a Li-zhen, unha moza que acaba de instalarse no mesmo edificio co seu esposo. Un día, ambos descubrirán algo inesperado respecto ás súas parellas que o cambiará todo. Nesta ocasión será a directora do aclamado filme “O Corno”, Jaione Camborda, a que acompañe ao público durante o coloquio posterior á proxección.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Los clásicos del cine llegan hasta Milladoiro: desde ‘Les 400 Coups’ a 'The Straight Story’"

Ames Go: "Unha nova edición do programa Abril de Cine achegará a Ames catro pezas audiovisuais"

Preséntase unha nova edición do programa Abril de Cine, que achegará a Ames catro pezas audiovisuais
Descargas: 

Multimedia

  • Preséntase unha nova edición do programa Abril de Cine, que achegará a Ames catro pezas audiovisuais
  • Preséntase unha nova edición do programa Abril de Cine, que achegará a Ames catro pezas audiovisuais