Pestanas principais

Preséntase unha nova edición do programa de actividades acuáticas para persoas maiores “Sanauga”

Luns, 18 de setembro de 2023

Volve o programa de actividades acuáticas para as persoas maiores “Sanauga”. Trátase dun programa da Concellaría de Benestar Social, que xestiona a Oficina de Voluntariado (OVA). Estas actividades acuáticas que se imparten no centro deportivo da Telleira, en Bertamiráns, están dirixidas a persoas maiores e persoas con discapacidade. Os interesados poden inscribirse e obter máis información no teléfono 662 37 70 44. Ofértanse un total de 60 prazas. O prazo de preinscrición estará aberto do 20 ao 27 de setembro, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Estas actividades está previsto que comece o día 3 de outubro.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu hoxe pola mañá a presentación do programa “Sanauga”, que está dirixido ás persoas maiores de Ames e aquelas persoas que teñen algún tipo de discapacidade. O obxectivo deste programa é mellorar a mobilidade e o benestar físico das persoas maiores de sesenta anos e/ou persoas que teñan algún tipo de discapacidade. Así, o curso vai encamiñado a mitigar enfermidades como a artrite e as dores derivadas de diversas doenzas musculares e óseas a través da ximnasia acuática.

Para poder participar nesta actividade, non é preciso saber nadar, posto que as dinámicas consisten na realización na auga de exercicios que habitualmente se fan en terra. O que se pretende con esta metodoloxía é unha aproximación ao medio acuático desde a motricidade cotiá das persoas, facilitando os movementos e a exercitación dos músculos. Realízanse na auga movementos habituais cos que a persoa maior está familiarizada, como pode ser andar, mobilidade de segmentos corporais, empurrar materiais, etc.

O programa desenvólvese nas instalacións municipais do centro deportivo A Telleira, situada en Bertamiráns. A actividade, que se imparte polas mañás, repártese en catro grupos, os martes e xoves, a partir das 9.15 horas cada 45 minutos. As sesión son de 9.15 a 10.00h; de 10.00 a 10.45h; de 10.45 a 11.30h; e de 11.30 a 12.15 horas. Cada grupo está composto por 15 persoas.

As persoas que estean interesadas poden inscribirse e obter máis información no teléfono 662 37 70 44. O prazo de inscrición estará aberto do 20 ao 27 de setembro, en horario de 10.00 a 14.00 horas. O día 29 de setembro publicaranse as listaxes de admitidos/as. Este ano faranse grupos reducidos. Terán prioridade as persoas de maior idade e/ou con patoloxías acreditadas.

Programa lúdico e terapéutico
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García, explicou “hoxe presentamos unha nova edición das actividade acuáticas para as persoas maiores que se realizan na piscina municipal, xestionada pola empresa Be One. Este ano o prazo de preinscrición comeza o 20 de setembro. Estas actividades desenvolveranse nos horarios habituais que se realizaron en edicións anteriores. Trátase dunha actividade que ten unha moi boa acollida entre as persoas maiores do concello. As prazas soen esgotarse nun só día, polo que é unha clara mostra da alta demanda que teñen estas actividades e do beneficiosas que son para os nosos maiores”.

O director do Centro Deportivo BeOne, da Telleira, Javier Magariños, dixo “no centro deportivo da Telleira impártense as actividades de Sanauga e ximnasia de mantemento. A actividade de Sanauga sempre ten unha alta demanda polo que sempre se completan todas as prazas nos grupos ofertados. Estamos xa preparados para comezar un novo curso e con gañas de recibir a todas as persoas que se inscriban nesta actividades para a tempada 2023-2024”.

O responsable da Oficina municipal de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos, explicou que “para participar no programa Sanauga é preciso estar empadroado/a no concello de Ames e ter de 60 en diante. As persoas que certifiquen algunha discapacidade tamén pode participar nestas actividades. Este ano como novidade imos facer a reserva dalgunhas prazas para persoas que chegan derivadas dos servizos sociais municipais. Trátase dun programa lúdico pero tamén terapéutico. Facemos unha chamamento a todas as persoas que queiran participar nesta actividades para que a partir das 10.00 horas do mércores, 20 de setembro, tramiten a súa preinscrición”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Animan a sumarse al programa terapéutico Sanauga de Ames cuyas plazas suelen agotarse en horas"

AMS GO!: "O programa Sanauga abre inscricións o 20 de setembro"

 

Imaxe da presentación do programa Sanauga 2023

Multimedia

  • Imaxe da presentación do programa Sanauga 2023
  • Imaxe da presentación do programa Sanauga 2023
  • Cartaz do programa Sanauga 2023