Pestanas principais

Preséntase unha nova edición dos obradoiros de acollemento lingüístico En galego, co teu acento!

Luns, 27 de febreiro de 2023

Dende hoxe 27 e febreiro ata o 6 de marzo as persoas interesadas poden inscribirse nos obradoiros de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!”, que busca aproximar á veciñanza á lingua e á cultura galegas, así como favorecer a cohesión social e a integración das persoas procedentes de fóra de Galicia. Bertamiráns e O Milladoiro acollerán cadanseu obradoiro de algo máis dun mes de duración, con 15 sesións de dúas horas nas mañás dos luns, mércores e venres. As inscricións, de balde, poden realizarse de xeito presencial acudindo ao Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou á oficina do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes (SAMI), situada na rúa de Abaixo, número 10, do Milladoiro. Tamén poderá formalizarse a inscrición chamando por teléfono aos números 662 377 215 / 981 535 941.

Esta mañá presentouse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, unha nova edición dos obradoiros de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!”. A presentación correu a cargo da concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, e técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, do técnico do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes, Leo Pena, e de Fátima Souto, persoal do Servizo de Normalización Lingüística, que será a encargada de impartir ditos obradoiros.

O obradoiro “En galego, co teu acento!” volve un ano máis para achegar a lingua e a cultura galega a unha parte da veciñanza procedente de fóra de Galicia ou que por diferentes motivos non tivo oportunidade de coñecela. Coa colaboración das concellarías de Normalización Lingüística e Benestar Social, o curso está dirixido principalmente a persoas procedentes de fóra de Galicia, pero tamén a calquera outra persoa interesada na lingua e na cultura galega.

O curso, basicamente práctico e participativo, ten unha duración de 30 horas e desenvolverase en horario de mañá, os luns, os mércores e os venres, cun total de 15 sesións de dúas horas. Primeiro será a quenda de Bertamiráns, que celebrará o obradoiro dende o 8 de marzo ata o 14 de abril, no Pazo da Peregrina, das 9:30 ás 11:30 horas. No Milladoiro, o obradoiro desenvolverase do 17 de abril ao 26 de maio, na Casa da Cultura, das 9:30 ás 11:30 horas. Ao remate das sesións entregarase un diploma de asistencia.

As persoas interesadas no obradoiro de lingua e cultura, “En galego, co teu acento!” poden inscribirse de balde na actividade dende hoxe ata o 6 de marzo. As inscricións formalizaranse entre as 9.00 e as 14.00 horas no Servizo de Normalización Lingüística municipal, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou na oficina do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes situada nas Oficinas Xerais do Milladoiro (rúa de Abaixo, número 10). Quen non poida achegarse de xeito presencial, pode inscribirse chamando por teléfono aos números 662 377 215 / 981 535 941. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición.

Presentación dos obradoiros de acollemento lingüístico
A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, loou a participación do departamento de Benestar Social na iniciativa, e explicou que “con estes obradoiros queremos achegarlle a nosa lingua á xente que vén de fóra e que ten a necesidade de sentirse un/unha máis”. Así mesmo, apuntou que “lévase facendo moitos anos e sempre houbo demanda, o que indica que é algo que funciona. Dentro do acollemento que se lle debe facer a todas as persoas que veñen de fóra, achegalos á nosa lingua e cultura é algo moi útil e necesario”.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, sinalou que “estes obradoiros están orientados a persoas que veñen de fóra de Galicia e que escolleron o noso concello para vivir. Unha forma de integralas é achegándoas á nosa lingua e á nosa cultura. Ames non sería o que é sen a presenza destas persoas, o que para nós supón unha riqueza”. Así mesmo, agradeceu o traballo do persoal de Normalización Lingüística e de Leo Pena mediador intercultural do Concello. “A maior parte das persoas que participan nestes talleres non coñecen case nada do idioma, pero veñen sempre con moitas ganas e ilusión, e é unha marabilla ver como acaban desenvolvéndose en galego”, rematou.

A técnica do departamento de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, aproveitou para destacar “a ilusión coa que os participantes se apuntan á actividade. Veñen con ganas de aprender, de socializar e de ser un máis. Para iso a lingua é unha ferramenta fundamental”.

Fátima Souto, do departamento de Normalización Lingüística, será a encargada de impartir os talleres, un reto que afronta “con moita ilusión”. “Vai ser enriquecedor tanto para eles como para min. Intentaremos unir cun nexo común toda a diversidade que imos acoller nestas obradoiros: a nosa lingua e a nosa cultura. Estamos desexando comezar e compartir moitas experiencias xuntos”, explicou.

Rematou a rolda de intervencións Leo Pena, o mediador intercultural do Concello de Ames, que sinalou que “sempre imos descubrindo moitas cousas con todas as persoas que pasan por estes obradoiros. Moitas veces, os que veñen de fóra valoran máis o noso ca nós mesmos. Estamos tan afeitos a ter unha lingua propia e unha cultura diferenciada que xa non lle damos o valor que merece. Os participantes do obradoiro sempre poñen moitas ganas e interese para coñecer o noso idioma, algo que nos fai darnos conta da riqueza que temos en Galicia”.

Imaxe da presentación dos obradoiros de acollemento lingüístico En galego, co teu acento!

Multimedia

  • Imaxe da presentación dos obradoiros de acollemento lingüístico En galego, co teu acento!
  • Cartaz dos obradoiros de acollemento lingüístico En galego, co teu acento!