Pestanas principais

Preséntase XA! a nova marca que conecta coa Xuventude de Ames

Venres, 11 de novembro de 2022

O departamento de Xuventude, que non contaba cunha imaxe propia, presenta a marca XA! Xuventude Ames. Trátase dunha nova imaxe corporativa que conecta coa xuventude de Ames. Para acadar ese obxectivo, partiuse dun cambio de naming, co que se establece un xogo de palabras que deu pé a deseñar todo o universo de marca. Deste xeito, confórmase unha identidade actual, flexible e dinámica, adaptable a todas as necesidades comunicativas da marca. Trátase dunha renovación onde adquire protagonismo a xuventude, as cores, a frescura, os novos modos de comunicarnos, unha imaxe renovada, moderna, actual e fresca.

Auténtica, flexible, diversa e actual, así é XA!, a nova marca da Concellaría de Xuventude do Concello de Ames. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu hoxe a presentación da nova imaxe corporativa. Trátase da nova marca da Concellaría de Xuventude coa que se pretende conectar coa mocidade amesá. No acto de presentación estiveron Escarlata Pampín, concelleira de Xuventude, Pili Villaverde, técnica do departamento de Xuventude, e Noelia Fernández e Lara Díaz, de Estudio Desoños, que foron as encargadas do deseño da marca.

A nova imaxe creouse co afán de impulsar o servizo que presta o departamento de Xuventude. Dende este momento a nova marca estará visible nos diferentes soportes de comunicación municipais. O proceso de implantación será gradual, nas publicacións da OMIX (cartelaría, redes socias, merchandising, etc). A nova imaxe corporativa emprega catro cores (verde, rosa, vermello e amarelo) que se utilizan de xeito independente, pero tamén se combinan nos diferentes materiais creados (cartelaría, adhesivos, suadoiros, etc).

O novo material de marca, ademais, pretende ser unha carta de presentación máis actual para conseguir chegar a toda a xuventude amesá e que se sintan identificados con ela. Xa! é xuventude Ames, é información, é formación xuvenil, é ocio, é tempo libre, é trouleando, é viaxar, son recursos, etc.

Preténdese chegar á xuventude, e que a xuventude se achegue ao Concello, para promover un sentimento de orgullo e pertenza a Ames. A nova imaxe representa á xuventude amesá, que é creativa, actual, activa e que non se pon límites. Queremos achegar á xuventude unha imaxe positiva e próxima que englobe todas os proxectos nos que estamos a traballar. Darlle visibilidade a todos os recursos que podedes atopar, converténdose nunha ferramenta para a xuventude que quere formarse, atopar recursos, desfrutar do tempo libre e medrar como persoa.

Presentación da marca XA!
A concelleira de Xuventude, Escarlata Pampín, explicou que “esta nova imaxe aporta esa frescura e alegría que ten a mocidade. Estamos seguras que será unha imaxe coa que conectaremos coa xuventude de Ames. Cremos que vai a ser unha marca coa que se sentan identificadas e iso precisamente é o que pretendemos”. Ademais, engadiu que “para crear esta nova marca XA! empregamos dúas palabras que son Xuventude e máis Ames, pero dun xeito máis rápido, máis visual e mesmo máis adaptado ás redes sociais, que son tan importantes na actualidade, sobre todo entre este sector da poboación. Tamén é unha marca moi versátil para a creación de merchandising. O que buscamos é crear ese sentimento de pertenza entre a xuventude e mailo concello de Ames e que deste xeito a xente moza se senta orgullosa de pertencer ao noso concello e de pertencer a esa comunidade XA”.

Escarlata Pampín tamén destacou que “a nova marca empregarase en toda a comunicación externa que fará o departamento de Xuventude coa mocidade amesá: formación, actividades de ocio, recursos, etc. Empregaranse diferentes formatos adaptados ás diferentes actividades que se ofertan dende a Concellaría de Xuventude. O obxectivo é que a mocidade relacione esta marca e imaxe co departamento municipal de Xuventude”.

A técnica do departamento de Xuventude, Pili Villaverde, dixo que “o departamento de Xuventude non contaba cunha imaxe propia, as comunicacións eran totalmente dispares. Cada evento ou actividade tiña a súa propia imaxe, polo que non quedaba identificada no seu público. Coa nova imaxe solucionamos este problema de comunicación e intentamos crear un vínculo emocional coa mocidade, falándolles no seu idioma e co seu estilo”. Ademais, engadiu que “a nova marca e imaxe XA! é moi fresca e está totalmente adaptada á nosa maneira de traballar. É directa e trata de recoller o que a mocidade me transmite. É un xeito de conectar con eles. Penso que vai a funcionar moi ben para tratar de crear a comunidade XA”.   

Noelia Fernández e Lara Díaz, de Estudio Desoños e creadoras do deseño da marca, falaron do proceso creativo. “A creación desta marca foi un reto porque había que recoller todas as actividades que se están realizando dende o departamento de Xuventude e ademais dirixirse a un público moi amplo que vai dos 12 aos 30 anos. Tiñamos que crear unha marca e unha imaxe na que todas as persoas desa franxa de idade se sentisen identificados/as. Buscamos algo moi versátil e que nos dera moito xogo. Tiñamos que crear uha marca que se adaptase a todos os recursos de ocio e formación que se organizan dende este departamento”.

Tamén explicaron que se trata dunha marca moi visual e que dispón de moitos contrates. “Empregáronse catro cores: verde, vermello, rosa e amarelo. Cromaticamente crean un xogo moi divertido no que podemos ir degradando as cores e superpoñendo unhas sobre outras. O obxectivo é chamar a atención da xuventude para que relacione a marca e maila imaxe coas actividades que se organizan dende o departamento de Xuventude. Ademais, preténdese crear as gañas de pertencer a unha marca conxunta e que a mocidade diga gústame moito esta marca e queira pertencer a esta comunidade”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Xuventude lanza su imagen corporativa XA! para conectar con toda la chavalada"

AMS GO!: "Ames pon en marcha XA, unha marca específica para a mocidade"

Presentación da nova marca XA!

Multimedia

  • Presentación da nova marca XA!
  • Presentación da nova marca XA!
  • Imaxe da nova marca XA!
  • A Factoría coa nova marca XA!
  • Embedded thumbnail for