Pestanas principais

Preséntaselle á veciñanza o proxecto de saneamento e abastecemento que se vai executar no núcleo de Lens

Sábado, 21 de xaneiro de 2023

Esta semana o alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, acompañado do técnico municipal do Ciclo integral da auga, Esteban de la Fuente, e de persoal da empresa Estudio Técnico, redactora do proxecto, estiveron no local social de Lens para presentarlle á veciñanza deste núcleo do rural amesán o proxecto de saneamento e abastecemento de auga que se vai executar neste lugar. Dita actuación ten un orzamento de licitación de 789.230 euros. Está previsto que o expediente de licitación se aprobe nas próximas semanas. A rede de saneamento disporá de 1.490 metros de canalización e 2.580 metros de impulsión. Ademais, o proxecto inclúe 3.830 metros de rede de abastecemento de auga e 820 metros de rede de pluviais. A obra complétase coa pavimentación do viario do núcleo que se verá afectado por ditas obras.

As actuacións que recolle o proxecto están encamiñadas á ampliación das redes municipais de abastecemento e saneamento ao núcleo de Lens. Coa ampliación da rede de abastecemento preténdese substituír as traídas veciñais e os pozos particulares, que carecen na maior parte dos casos de control sanitario e das tarefas de mantemento e limpeza que esixen as redes. As actuacións que se levarán a cabo na rede de saneamento do núcleo teñen por obxectivo rematar coas fosas sépticas particulares e as verteduras incontroladas ao medio natural.

A rede de saneamento recolle 1.490 metros de canalización (530 metros de canalización de PVC de 315 milímetros de diámetro e 960 metros de canalización de PVC de 250 milímetros de diámetro). Tamén se executarán 55 pozos de rexistro e dous treitos de rede de polietileno de alta densidade en impulsión, un de 140 metros de 90 milímetros de diámetro e outro de 950 metros de 125 milímetros de diámetro, cos correspondentes grupos de bombeo.

A rede de saneamento do núcleo funciona na súa maior parte por gravidade cara o sur do mesmo, no que se localiza un grupo de presión que impulsa a auga ata a rede de saneamento existente. A zona este do núcleo requirirá tamén un pequeno bombeo ata conectar coa rede de gravidade. Nos dous bombeos empregarase un pozo prefabricado de poliéster reforzado con fibra de vidro de 2,00 metros de diámetro, unha arqueta de desbaste previa e dúas bombas somerxibles, unha delas de reserva.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “esta semana presentámoslle aos veciños e veciñas de Lens un investimento que reafirma a aposta deste Goberno polo rural. Este ano imos a licitar e comezar as obras de saneamento, abastecemento e pluviais no lugar de Lens que ten un orzamento de case 790.000 euros e que permitirá que este núcleo teña rede de sumidoiros e auga, ademais de poder comezar a desenvolver e estender a rede de abastecemento a outras parroquias do concello”.

Rede de abastecemento
Ademais, o proxecto inclúe 3.830 metros de rede de abastecemento de auga. Dita rede de abastecemento estará composta por 980 metros de canalización de fundición de 200 milímetros de diámetro dende a ETAP ata o extremo noroeste do núcleo que comunicará co futuro depósito. Tamén se contempla a execución de 1.530 metros de canalización de polietileno de 200 milímetros de diámetro e 16 atmosferas  de presión que se empregará como rede xeral de abastecemento ao núcleo.

Ademais, habilitaranse 1.320 metros de canalización de polietileno de 63 milímetros de diámetro e 16 atmosferas de presión para a rede de distribución dende a rede xeral ata as acometidas domiciliarias e un grupo de presión na ETAP de velocidade variable composto por dúas bombas que impulsarán a auga cara o núcleo. Por último, a rede de saneamento disporá de 11 válvulas de comporta, 8 válvulas de baleirado, 7 ventosas, 5 válvulas redutoras de presión e 1 punto hidrante.

Rede de pluviais
A rede de pluviais do núcleo estará formada por canalización de PVC de 400 milímetros de diámetro, sumidoiros, pozos de rexistro e reixas de fundición. Tamén se levará a cabo a pavimentación completa do viario do núcleo afectado con 15 centímetros de zahorra e 15 centímetros de formigón HM – 20 con mallazo. Disporase unha franxa lonxitudinal central de pedra de 30 centímetros de ancho na que se localizarán os sumidoiros e dúas franxas, unha en cada bordo, de 20 centímetros de ancho en lastra de granito. No resto da actuación procederase á reposición do pavimento mediante 15 centímetros de formigón ou 5 centímetros de aglomerado en quente segundo o seu firme actual.

Os cruzamentos coas estrada DP - 0201 realizaranse mediante perforacións horizontais e encamisados con tubaxe de aceiro. Para o cruzamento das obras de drenaxe empregaranse macizos de formigón e encamisado con tubaxe de PVC para as canalización de polietileno. As canalizacións lonxitudinais á estrada DP - 0201 discorrerán baixo a cuneta e contarán cun reforzo de formigón de 15 centímetros de espesor. Nas redes de saneamento e pluviais disporase unha base de formigón de 10 centímetros de espesor nos treitos nos que a pendente sexa inferior ao 1%.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Blas García presentou á veciñanza de Lens o proxecto de saneamento"

Imaxe do proxecto de saneamento e abastecemento que se vai executar no núcleo de Lens

Multimedia

  • Preséntaselle á veciñanza o proxecto de saneamento e abastecemento que se vai executar no núcleo de Lens
  • Preséntaselle á veciñanza o proxecto de saneamento e abastecemento que se vai executar no núcleo de Lens
  • Imaxe do proxecto de saneamento e abastecemento que se vai executar no núcleo de Lens
  • Imaxe do proxecto de saneamento e abastecemento que se vai executar no núcleo de Lens