Pestanas principais

Prestixiosos magos galegos e internacionais conforman o cartel da XVI edición do Festival de Maxia de Ames “Festimax”

Venres, 08 de outubro de 2021

Seis galas e catro obradoiros compoñen o programa da XVI edición do Festival de Maxia de Ames que se desenvolverá nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro entre os días 22 e 24 de outubro. O evento constituirase nunha das  primeiras grandes citas da cultura amesán que se realice sen as restricións que até de agora impuña a loita contra a Covid19. Así o destacaron a concelleira de Cultura de Ames, Natividade González, o Mago e produtor de Abarajar Producciones, Dani Polo, e a técnica de Cultura, María Vázquez, que esta mañá presentaron o “Festimax” na Casa da Cultura de Milladoiro. A presenza de grandes figuras da maxia galega e internacional e aposta porque o Festival continúe contando con representación feminina foron as outras cuestións que se destacaron na presentación. A rapazada apaixonada da maxia xa pode inscribirse nos obradoiros enviando un mail a cultura@concellodeames.gal. As entradas para as galas tamén se poden adquirir desde hoxe na billeteira electrónica.

O 22 de outubro volve o Festimax, unha das citas máis emblemáticas do outono amesá. O Festival de Maxia congregará unha vez máis a importantes figuras tanto da maxia galega como internacional. A edición XVI vén cargada de números de ilusionismo, sorpresas de impacto, números de cartomaxia e moito humor. O Festival validará ademais a súa vocación de formar novos magos a través dos obradoiros para a rapazada.

A concelleira de Cultura, Natividade González, salientou a renovación da imaxe do festival  cuxo maior expoñente e o novo nome de “Festimax”. González dixo que despois deste período difícil, “é unha alegría que o Festival poida volver a realizarse sen as restricións que tivo na última edición. Estamos moi satisfeitos tamén de que se poida realizar de novo no Milladoiro, que o ano pasado non puidemos por mor da situación da pandemia. Tamén celebramos ese aforo do 90% que nos vai permitir ver as salas cheas e sentir que estamos volvendo a unha certa normalidade; alégrome moito por todas as persoas que traballan no mundo da cultura e nesta ocasión especialmente polos magos e magas que nos van a acompañar”. A concelleira rematou convidado á veciñanza a participar e a gozar do evento.

Pola súa banda, Dani Polo,  Mago e produtor de Abarajar Producciones, repasou polo miudiño o programa do Festival destacando o carácter galego “temos claro que seguiremos apostando sempre pola maxia galega” e internacional. Este ano temos un mago francés e unha maga china que teñen moitísimos premios e que vai ser unha delicia velos”. Salientou ademais Polo a volta dos obradoiros para a rapazada que manterá aforo reducido “para poder ofrecer unha ensinanza máis personalizada”.

“Estamos diante dun dos programas máis antigos e máis consolidados do concello, algo que espera a veciñanza e que xa forma parte da súa axenda cotiá”, manifestou a técnica de Cultura, María Vázquez. “Un festival que causa moita expectativa e que ten dous ingredientes moi importantes: maxia en galego e maxia en feminino”, foron as verbas que pronunciou María no remate da rolda de prensa.

Programa do Festimax
A programación do XVI Festival de Maxia comeza o venres 22 de outubro na Casa da Cultura de Bertamiráns coa “Gala Máxica Infantil”. Sarapín chega dende Melilla co obxectivo claro de demostrar que a risa e a ilusión non entenden de idade. Sarapín vai cautivar aos máis pequenos co seu espectáculo “ZAS-CA-TA-PLAS”. A función comezará ás 17:00 horas e está dirixida a un público familiar a partir de 3 anos. A Gala dirixida a todos os públicos realizarase ás 17:00 horas.
O mesmo día, 22, e no mesmo espazo, na Casa da Cultura de Bertamiráns, terá lugar “A Gala Máxica Unipersoal” onde os asistentes poderán gozar do espectáculo “100%DaOrtiz”. DaOrtiz é sen dúbida un dos mellores cartomagos do mundo enteiro. As súas aportacións á maxia de preto son recoñecidas por magos e magas de todas as partes do planeta. A sesión dirixida ao público familiar realizarase ás 20:30 horas.
A Gala Máxica Internacional ofrecerá en Ames dúas funcións, unha en Bertamiráns, o sábado 23, e outra no Milladoiro o domingo 24. Actuarán o sorprendente Didak, o ilusionista Fernando Arribas; unhas das mellores magas do planeta, Huang Zheng e o mago e cómico francés, Jimmy Delp. A Gala estará presentada polo artista polifacético Luis Boyano. En cada unha das funcións faranse dúas sesións, unha as 17:00 horas e outra ás 20:00. Esta Gala está aberta tamén a todos os públicos.
Obradoiros
O Festival de Maxia continúa co seu obxectivo de achegar á maxia á rapazada, tamén a través da formación e a aprendizaxe. Nacho Samena e Brandan van ser os encargados  de impartir os obradoiros que se desenvolverán o sábado 23 de outubro na Casa da Cultura de Bertamiráns e o domingo 24 de outubro na Casa de Cultura de Milladoiro. Haberá dúas quendas, a primeira delas ás 11:00 horas e a segunda ás 12:00 horas. Os obradoiros están dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos. Os interesados poden enviar un mail a cultura@concellodeames.gal, indicando nome, apelidos e teléfono.

Podes consultar aquí o programa completo do Festival

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: El Festimax reunirá a nueve magos en Ames del 22 al 24

El Correo Gallego: O festival da maxia volta a Ames con seis galas e catro obradoiros

LINDEIROS: O Festimax, o Festival de Maxia de Ames, celebrarase, nas casas da Cultura de Bertamiráns e Milladoiro, do 22 ao 24 de outubro próximos.

AMSGO: O Festimax volve traer a maxia

 

Presentación Festimax
Descargas: 

Multimedia

  • Presentación Festimax
  • Presentación Festimax
  • Embedded thumbnail for