[12-07-2011] Por sétimo ano consecutivo celebrouse en Ortoño, a Festa do Chourizo ao Viño, evento organizado pola Asociación Gastronómica Recreativa e Cultural do Chourizo ao Viño. Unha festa onde a gastronomía constituíu o elemento principal do entretemento. O chourizo con cachelos consolídase, ano tras ano, como un bocado exquisito que os e as amienses non queren perder. Cada edición atrapa máis asistentes grazas a este atractivo manxar autóctono que consegue que este evento sexa unha cita obrigada para os veciños e veciñas de Ames.
Preto de 1.000 persoas gozaron dunha xornada onde o chourizo con cachelos se converteu no auténtico protagonista. Servíronse unhas 600 racións nun día no que tamén se celebrou a V Degustación da Empanada de Zorza. A ración de chourizo con cachelos tiña un valor de 6,50 euros mentres que o prezo da ración de empanada de zorza foi de 2,50 euros. Uns custos ben módicos pola degustación destas delicias gastronómicas. Ademais, as persoas que participaron na comida contaron, tamén, con café e sobremesa gratis.
Tras o xantar, os e as asistentes tiveron diversas ofertas de entretemento como inchables, touro mecánico e unha nova edición do Campionato de Chave. Así, os nenos e nenas divertíronse durante toda a tarde con pequenas atraccións que a agrupación organizadora ofreceu de balde mentres que os maiores puideron gozar dun torneo de chave. No torneo participaron 22 parellas que puxeron todo o seu empeño neste emocionante concurso no que resultou como equipo vencedor Lolo Rial e Camilo. Quedaron en segundo e terceiro posto, Cuco e Brañas e Manolo e Ferro, respectivamente.
Membros do grupo de goberno e da agrupación do BNG participaron tamén neste evento. A Asociación Gastronómica Recreativa e Cultural do Chourizo ao Viño supérase na organización desta sétima edición na que consegue o aumento no nivel de acollida e na participación veciñal. Unha festa que conta coa colaboración do Concello de Ames e que, edición tras edición, se consolida como referente gastronómico da comunidade amiense.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Mil personas celebran la VII Festa do Chourizo de Ortoño "