- Tematica
Este mércores, 1 de xullo, comezou unha nova edición da Escola de Verán, que este ano se desenvolve no CEIP da Maía, no CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro. Durante a primeira quincena deste mes de xullo están participando 137 nenos e nenas nas actividades deste programa de conciliación. Para o desenvolvemento de dito programa estanse seguindo un protocolo de seguridade que, entre outras medidas, divide aos rapaces e rapazas en grupos de 15 usuarios/as como máximo, xunto con dous/dúas monitoras. Estes grupos de nenos/as están nunha parte específica das instalacións do centro educativo e non se mesturan cos usuarios/as do resto de grupos.
O concelleiro de Educación, David Santomil, xunto coa responsable da empresa Agora Aberta, entidade que está prestando o servizo da Escola de Verán, visitaron as instalacións dos tres centros educativos onde se está desenvolvendo a Escola de Verán. O obxectivo de dita visita foi ver de primeira man que o programa funcionaba correctamente en cada centro, despois das medidas de distanciamento social e hixiene que se tiveron que adoptar debido á Covid-19.
Para o desenvolvemento de dito programa estase a seguir un protocolo de seguridade. Os/as participantes están divididos/as en grupos de máximo 15 persoas máis dous monitores. Cada grupo traballa de xeito individual e ten o seu espazo propio, sen contacto estreito co resto de grupos durante as diferentes accións, sen prexuízo das pertinentes rotacións que se realizan para que todos os grupos poidan desfrutar de todas as actividades programadas. Deste xeito, cada grupo ten a súa propia aula, baño e patio exterior nos centros educativos onde se desenvolve a Escola de Verán.
Ademais, tamén se adoptan medidas de hixiene nas actividades impartidas, xa que o material que se emprega límpase con líquido hidroalcólico. Tamén se adoptan medidas de distanciamento social no comedor, xa que cada neno/a mantén unha distancia de 1,5 metros co seu compañeiro/a. Os rapaces e rapaces están sentados nunha mesa redonda, para que poidan seguir mantendo o contacto cos seus compañeiros durante a hora do xantar, pero gardando a distancia de seguridade.
En canto á participación, durante a primeira quincena do mes de xullo, hai 137 nenos e nenas que están participando na escola de Verán. Divididos por centros, no CEIP da Maía participan 64 nenos/as; na EEI Milladoiro hai 41 rapaces e rapazas inscritos/as; e no CEP de Ventín participan 32 cativos/as.
Temática das actividades da Escola de verán
Este ano escolleuse como mascota da Escola de verán un corazón verde que se chama Cora. Este corazón verde foi escollido en recoñecemento ao traballo dos profesionais da sanidade pública durante o estado de alarma pola Covid-19. Durante cada quincena dos meses de xullo e agosto, as actividades están relacionadas coa temática xeral, pero dedícanse a unha área temática específica. Deste xeito, durante a primeira quincena de xullo a área temática denomínase Cora e a saúde. Así, realizaranse actividade relacionadas cos bos hábitos saudables.
Na segunda quincena de xullo a área temática denomínase Cora e a diversidade, na que se abordará a importancia das diferencias entre iguais. Xa na primeira quincena de agosto, a área temática será Cora e a solidariedade, como resposta aos diferentes momentos vividos durante a crise sanitaria polo coronavirus, así como reposta da unión fronte ás ameazas. Na segunda quincena de agosto a temática será Cora e o planeta, na que se abordarán as consecuencias dos hábitos que temos adquiridos sobre a natureza.
Ademais, empregaranse os ritmos e maila música nas diferentes actividades que se impartan. Deste xeito, impartiranse ioga infantil e outras actividades para a mellora da condición física. Nesta edición os monitores e monitoras da Escola de Verán daranlle moita importancia ao aspecto psicolóxico e a que os nenos e nenas expresen as súas emocións, algo que indican que é moi importante despois do confinamento vivido durante o estado de alarma.
Novas relacionadas:
Compostela 24 horas: "Preto de 150 rapaces e rapazas participan na primeira quincena de xullo da Escola de Verán"
El Correo Gallego: "Preto de 150 amienses participan esta quincena na Escola de Verán local"