- Tematica
Coa chegada das vacacións de verán, a Concellaría de Educación de Ames puxo en marcha o programa de conciliación Xuño Lúdico, no que está a participar rapazada do segundo ciclo de infantil e de educación primaria entre o 24 e o 28 de xuño. En total, o Xuño Lúdico acolle a 196 nenas e nenos, que están repartidos do seguinte xeito: 116 no CEIP da Maía, de Bertamiráns; e 80 no CEP de Ventín. A iniciativa ofrece un amplo abano de actividades educativas e culturais pensadas para todos os rapaces e rapazas daquelas familias que precisen conciliar a súa vida familiar e laboral unha vez rematado o curso escolar. Nesta edición do programa, os cativos e cativas aprenden sobre o deporte e a igualdade para traballar aspectos como os beneficios que aportan o deporte ou a necesidade de poñer as gafas violetas en todos os aspectos da vida cotiá.
A concelleira de Educación, Carmen Porto, visitou esta mañá as instalacións do CEP de Ventín para comprobar como se está desenvolvendo o programa do Xuño Lúdico no Milladoiro. Estivo na Carballeira dos Trasgos, onde os nenos e nenas de educación infantil realizaron diversos xogos, e tamén visitou aos rapaces e rapazas de educación primaria que participaron en diversas actividades nas pistas deportivas do centro educativo.
Carmen Porto destacou a importancia que ten o Xuño Lúdico “porque lle permite ás familias conciliar dende o remate do curso escolar ata o comezo do mes de xullo no que algunhas familias dispoñen de vacacións. Ademais, a partir do vindeiro luns, 1 de xullo, ponse en marcha unha nova edición da Escola de Verán, que seguirá ofrecendo un servizo de conciliación para as familias que o necesiten”.
O programa Xuño Lúdico estase a desenvolver durante os días 24, 25, 26, 27 e 28 de xuño. Ofértanse os servizos de conciliación habituais nos programas do concello, como o Bos Días ou os comedores, co fin de adaptarse ás necesidades de cada familia. Deste xeito, os horarios de entrada dos nenos e nenas poden comezar ás 7:30 ou ás 9:00 horas, cun almorzo opcional para as crianzas máis madrugadoras, mentres que as horas de recollida son as 14:30 ou as 16:00 horas.
Fomento do deporte e da igualdade
Nesta ocasión, no Xuño Lúdico uniranse as temáticas do deporte e da igualdade para traballar aspectos fundamentais sobre os beneficios que aportan o deporte e sobre a necesidade de poñer as gafas violetas en todos os aspectos da vida cotiá. A que xogan nenos e nenas no recreo? Cales son os deportes que máis practicamos na nosa contorna? O deseño dos patios dos centros educativos promoven as relacións igualitarias? Os nenos e nenas participantes reflexionarán sobre estas cuestións e todas as que vaian xurdindo sobre esta temática.
Por outra banda, indagarán sobre diferentes mulleres deportistas actuais coñecidas para trasladarlles a importancia de ter referentes para abrir novos abanos de posibilidades. Así, por exemplo, a través de Onna Carbonell realizaranse actividades nas que estea presente o traballo en equipo tan necesario na natación sincronizada; pero tamén aspectos relacionados sobre a importancia do coidado do medio ambiente, e do coidado e preservación do medio mariño. Así, realizarán unha xincana baseada nesta temática.
Outras das figuras das que se falará é da tenista Paula Badosa: non só se realizarán diferentes obradoiros relacionados co tenis, como por exemplo a realización dunha raqueta con material de refugallo; senón que, xa que é unha muller que visibilizou a saúde mental, realizaranse unha práctica de ioga infantil que tratará de dar pequenas ferramentas aos nenos e nenas para relaxarse e concentrarse.
Tamén estará presente a médica e atleta paralímpica galega Susana Rodríguez. Neste caso, a rapazada participará nun xogo de probas nas que non poderán contar con todos os seus sentidos. Coñecerán máis referentes e realizaranse contos motores, bailes, xogos predeportivos e un longo etcétera co fin de aprender pero, sobre todo, de divertirse.
Plan Corresponsables
O programa Xuño Lúdico organízase co amparo do Plan Corresponsables, que ten como obxectivo regular a concesión de subvencións destinadas a desenvolver e financiar actuacións orientadas a facilitar a corresponsabilidade nas familias con fillas e fillos de ata 16 anos no ámbito galego; mellorando a vida cotiá das familias e equilibrando o tempo laboral, familiar e persoal.
En agosto de 2022, o Concello de Ames, a través do departamento de Educación, presentou unha solicitude para a súa participación no programa, posto que o Concello leva anos prestando servizos de conciliación da vida laboral e familiar que abarcan tanto períodos lectivos como non lectivos, para nenos en idades comprendidas entre os 3 anos e os 12 anos. Concretamente, solicitouse a concesión de subvencións ao abeiro deste plan para o servizo de Tardes Divertidas, os programas lúdicos e a Escola de verán. En outubro deste mesmo ano, a Secretaría de Igualdade de Xunta de Galicia resolveu conceder unha axuda por importe de 150.000 euros, o importe máximo ao que podía optar o Concello.