[25-05-2018] A segunda xornada formativa sobre inclusión socioeducativa e transtorno do espectro autista terá lugar mañá, sábado 26 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Dirixida a todos os públicos, a xornada abordará os recursos e estratexias de intervención acaidas para a creación de espazos inclusivos para as persoas con algún trastorno do espectro autista. Hai inscritas nesta xornada unhas 170 persoas. Para obter máis información pódese consultar a páxina web www.culturizatea.es
Após a boa recepción acadada na primeira xornada formativa celebrada en Ames, esta segunda edición pretende afondar nos recursos e nas estratexias de intervención socioeducativa precisas á hora de crear espazos inclusivos para as persoas con algún trastorno do espectro autista (TEA). Desta maneira, a xornada busca achegarse ao trastorno desde unha perspectiva multidisciplinar, holística e diversificada.
A sensibilización acerca da importancia da inclusión das persoas con TEA ou a visibilización dos diferentes colectivos que traballan con elas son algúns dos obxectivos desta xornada. Así mesmo, tamén se atopan entre os seus propósitos a divulgación de materiais e estratexias que favorezan a inclusión das persoas con autismo, así como a creación dun espazo de intercambio de información sobre estratexias e recursos para a inserción na sociedade das persoas con TEA.
Nesta xornada, que organiza a Concellaría de Educación e Cultura, colaboran a Deputación da Coruña, a Universidades de Santiago, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, a Nova Escola Galega, a Federación Autismo Galicia, o Grupo de Investigación Stellae, a Rede de Investigación en Educación e Formación para a Cidadanía e a Sociedade do Coñecemento, a Asociación de Auxiliares Técnicos Educativos (ASATE), a Asociación de Pais de Persoas con Transtorno do Espectro Autista de Centros de Apoio Familiar (APACAF), ENKI, Pictoaplicaciones e Taller Abierto.
A xornada desenvolverase este sábado, 26 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Hai inscritas nesta xornada unhas 170 persoas. As persoas que estean interesadas neste tema, pero que non se inscribirán poden achegarse a dita xornada ata completar aforo. Para obter máis información pódese consultar a páxina web www.culturizatea.es
Programa de mañá da xornada
A xornada comezará ás 09:15 horas coa recepción e a entrega de material ás persoas participantes. Ás 09:45h terá lugar a inauguración da man do concelleiro de Educación e Cultura de Ames, David Santomil; da deputada de Benestar Social, Educación e Igualdade da Deputación da Coruña, Ánxela Franco; do investigador predoutoral da Universidade de Santiago e coordinador da xornada, Marcos Pinaque; do profesor da mesma universidade, Xesús Rodríguez; e da profesora da Universidade da Coruña, Montse Castro.
Ás 10:15 horas desenvolverase a primeira intervención, que adoptará a forma dunha entrevista. A protagonista desta primeira sesión, que se presenta baixo o nome “A miña experiencia”, será Paula Sánchez Barral. De seguido, ás 10:50 horas, abordarase o papel asociativo na colaboración de medidas de apoio ao alumnado con TEA. A psicóloga da Federación Autismo Galicia, Cristina Couto, será a poñente desta segunda sesión.
Entre as 11:45h e as 12:15 horas haberá un pequeno descanso para o café. A última das intervencións da mañá correrá a cargo de África Martínez, de Taller Abierto. Nela falarase da arte como un medio para a inclusión.
Programa de tarde da xornada
A programación da tarde comezará ás 16:00 horas coa Mesa de Propostas e Experiencias de Inclusión Socioeducativa. Nesta mesa participarán o coordinador de Emprego con Apoio de APACAF, Antonio Fariña Rey, que falará deste proxecto; a terapeuta ocupacional e autora do Traballo de Fin de Grao Fomentando a ocupación a través das Escolas Deportivas Inclusivas vinculadas ao clube ENKI, Iria Romero, que abordará o deporte como un medio inclusivo; a mediadora comunicativa, mestra de primaria e intérprete de lingua de signos, María Elvira Piñeiro Paz, que conversará acerca da figura da mediadora comunicativa; e dunha membro da asociación ASATE, que falará sobre a importancia da auxiliar técnica educativa.
A partir das 18:00 horas desenvolveranse simultaneamente catro talleres e seminarios que abordarán, respectivamente, as pictoaplicacións, a adaptación de materiais curriculares, a sensibilización e intervención na aula e un taller de familias. Ás 19:45 horas producirase o acto de clausura, que porá punto e final á xornada.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Bertamiráns acoge la jornada sobre inclusión de las personas autistas"
Compostela 24 horas: "Cerca de 200 personas participarán en la segunda jornada formativa sobre inclusión socioeducativa y trastorno del espectro autista"