Pestanas principais

Preto de 200 rapaces e rapazas participan nos cursos de natación de verán

Venres, 08 de xullo de 2011

[08-07-2011] Os cursos de natación de verán do Concello de Ames estanse a desenvolver cun resultado moi satisfactorio. O mal tempo durante os primeiros días do mes de xullo non fixo que os rapaces e rapazas renunciasen a asistir, tanto na piscina municipal de Bertamiráns como na do Milladoiro. O prazo para inscribirse no curso do mes de agosto comezará o vindeiro luns, día 11, e estará aberto ata o 22 de xullo. O programa está dedicado a ocupar o tempo libre de nenos e nenas durante as vacacións do verán aprendendo un deporte novo. O total de prazas cubertas é de 70 en Bertamiráns e 119 no Milladoiro. Esta actividade súmase ao curso de iniciación ao piragüismo que se puxo en marcha o pasado día 1 de xullo no que participan 18 nenos/as de entre 8 e 14 anos.

O mal tempo non bota para atrás aos nenos e nenas de Ames. Os cursos de natación, que comezaron o pasado 1 de xullo e que se imparten de luns a venres, están a desenvolverse dunha forma óptima, cunha grande aceptación por parte da veciñanza pois non faltaron nin os días de chuvia. Ademais de gozar da auga, os rapaces e rapazas aprenderán a nadar ou perfeccionarán a súa técnica.  No mes de xullo asisten a estes cursos 70 persoas en Bertamiráns e 119 no Milladoiro, repartidas ao longo da mañá e divididas por franxas de idade.

Das 10:30 h. ás 11:15 h. é a quenda dos nenos e nenas de 12 anos; das 11:15 h. ás 12:00 h. é a hora dos cativos e cativas de dez e once anos;  na terceira quenda, das 12:00 h. á 12:45 h., participan os rapaces  de oito a nove anos; das 12:45 h. a 13:30 h., os nenos e nenas de entre seis e sete anos e, na última quenda, de 13:30 h. a 14:15 h.,  tócalle a vez a grupo dos máis cativos, os e as que teñen entre tres e cinco anos.

Os cursos de natación desenvólvense en dous períodos. O primeiro curso realízase do 1 ao 29 de xullo e o segundo do 1 ao 31 de agosto. Ambos os dous son de luns a venres nas piscinas descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns. 

A inscrición para os cursos de agosto poderase facer a partir do luns día 11 e ata o 22 de xullo, na Casa da Cultura do Milladoiro e na Oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns (Pazo da Peregrina), das 9:00 h. ás 14:00 horas. O prezo é de 6 euros para o primeiro membro da unidade familiar que participe e de 3 euros a partir do segundo membro inscrito. Só poderán participar as persoas empadroadas no Concello de Ames e para anotarse terán que cubrir o impreso de solicitude e achegar a fotocopia da tarxeta sanitaria.

Esta actividade súmase ao curso de iniciación ao piragüismo que se puxo en marcha o pasado día 1 de xullo. A praia fluvial de Tapia acolle, dende o pasado venres, esta actividade que se vai desenvolver durante os meses de xullo e agosto e que conta, ata o de agora, coa participación de 18 rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos.