Pestanas principais

Preto de 300 nenos e nenas participarán na Escola de Verán durante o mes de xullo

Martes, 01 de xullo de 2014

[01-07-2014] O Concello de Ames puxo en marcha un ano máis a Escola de Verán, un xeito lúdico e educativo de pasar as vacacións que comezou este martes, 1 de xullo. Este servizo permite a conciliación da vida familiar e laboral e está destinado a nenos e nenas de segundo ciclo de infantil e educación primaria. Esta edición desenvolverase durante os meses de xullo e agosto en Bertamiráns e no Milladoiro, de luns a venres, excepto festivos, en horario de 7:30 a 16:00 horas. Os rapaces e rapazas asisten por quincenas (1ª quincena de xullo, 2ª quincena de xullo, 1ª quincena de agosto e 2ª quincena de agosto), un mes (xullo ou agosto) ou os dous meses (xullo e agosto). Durante o mes de xullo está previsto que asistan a este servizo arredor de 275 nenos/as, mentres que en agosto asistirán arredor de 145 rapaces e rapazas.

A Escola de Verán desenvólvese en Bertamiráns e no Milladoiro de luns a venres, excepto festivos, en horario de 7:30 a 16:00 horas. Os rapaces e rapazas asisten por quincenas (1ª quincena de xullo, 2ª quincena de xullo, 1ª quincena de agosto e 2ª quincena de agosto), un mes (xullo ou agosto) ou os dous meses (xullo e agosto). Durante o mes de xullo está previsto que asistan a este servizo arredor de 275 nenos/as, mentres que en agosto asistirán arredor de 145 rapaces e rapazas.

Un xeito diferente de pasar o verán. Ese é o obxectivo deste servizo que pretende ser unha alternativa para que os nenos/os pasen as súas vacacións dun xeito divertido e educativo. Ademais permítelles ás nais e aos pais conciliar a vida laboral e familiar. A Escola de verán está dirixida aos nenos e nenas que cursaron segundo ciclo de infantil e educación primaria. En Bertamiráns, as actividades serán para todos os rapaces e durante todos os horarios no CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro lévanse a cabo na Escola de Educación Infantil do Milladoiro e no pavillón polideportivo desta localidade.

Temática das actividades: Imaxinarte...
Este ano a temática deste programa lúdico xira arredor do tema Imaxinarte... O programa de Escola de Verán está dividido en catro grandes bloques que se corresponden coas quincenas de xullo e agosto. Deste xeito, durante a primeira quincena de xullo abordarase o tema titulado Imaxinarte... doutras cores. Durante esta quincena os nenos e nenas irán de excursión ao museo Granel de Santiago de Compostela, onde os menores participarán en obradoiros programados polo museo e en diferentes xogos exteriores.

A temática da segunda quincena de xullo será Imaxinarte... doutras formas. Durante este período os usuarios/as deste servizo participarán nunha excursión a área recreativa de Chaian. A través desta actividade preténdese que os rapaces e rapazas teñan contacto co medio natural. Neste caso os nenos/as participarán nunha xincana denominada Pontes que unen a natureza e noutras actividades de observación a través do debuxo creativo.

Para o mes de agosto hai outras dúas temáticas diferentes. Durante a primeira quincena de agosto o tema será Imaxinarte... coa música. Neste caso visitarán o museo interactivo da Domus da Coruña no que realizarán diferentes actividades relacionadas co corpo humano e outras actividades musicais relacionadas cos sons do corpo. Por último, na segunda quincena de agosto a temática será Imaxinarte... coa expresión. Nesta quincena está previsto que se realice unha excursión ao Zoolóxico de Vigo, para que os nenos e nenas se interesen pola expresión dos animais e na que, ademais, participarán en xogos de expresión e diferentes desafíos.