Pestanas principais

Preto de 300 persoas inscribíronse na XIV Milla Urbana que se celebrará este domingo na Travesía do Porto do Milladoiro

Venres, 13 de xuño de 2014

[13-06-2014] O prazo de inscrición aberto para participar na décimo cuarta edición da Milla Urbana, que se celebra na localidade do Milladoiro, pechouse este xoves, 12 de xuño, con 281 persoas inscritas e que teñen previsto participar nesta proba deportiva. Cómpre destacar que esta carreira segue espertando o interese dos afeccionados ao atletismo, xa que se rexistraron preto de 300 inscritos. Un ano máis, o Concello de Ames organiza esta carreira na que as persoas participantes, tanto atletas profesionais como afeccionados percorren unha milla, algo máis de 1.600 metros, excepto para as categorías inferiores (prebenxamín, benxamín e alevín). Nesta ocasión, a cita terá lugar este domingo, 15 de xuño, a partir das 11:00 horas na Travesía do Porto, situada no Milladoiro.


A Milla Urbana é unha carreira que ano tras ano segue espertando o interese de atletas pertencentes a clubs profesionais e de todas aquelas persoas que gozan correndo por entretemento e diversión. Os e as participantes deben percorrer unha milla, é dicir, máis dun quilómetro e medio, por algunhas rúas do Milladoiro fixadas nun circuíto que ten establecida a saída e a chegada na área deportiva do Milladoiro. Esta carreira pódese celebrar grazas á colaboración da Deputación da Coruña, da Policía Local de Ames, do Club Atletismo Sar, do Club Atlético Bertamiráns, do Club de Atletismo Milla Raio, de Coca Cola, de Súper Cor e da Federación Galega de Atletismo.

Non existe límite de participación en canto á idade. Para iso establécense diferentes categorías segundo o ano de nacemento dos deportistas: prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil-júnior, promesa-sénior e cinco grupos de veteranos. As tres primeiras categorías deberán completar un circuíto cunha distancia axeitada á súa idade, polo tanto menos dunha milla. Tampouco hai esixencias especiais en canto á súa cualificación deportiva, dado que non é necesario ter licenza federativa nin tampouco pertencer a ningún club. O que si é necesario é estar inscrito para poder correr.

Deste xeito, nesta edición rexistráronse un total de 281 inscricións. Repartidas por categorías hai 58 inscritos/as en prebenxamín, 27 en benxamín, 36 en alevín, 31 en infantil, 26 en cadetes, 5 na categoría de xuvenil-xúnior, 27 en promesa-sénior, 25 en veterán feminino e 46 en veterán masculino.

As probas contarán co control técnico da Federación Galega de Atletismo. O regulamento recolle algúns aspectos que cómpre destacar, como son o feito de que se poderán retirar os dorsais ata media hora antes do inicio da proba ou que os participantes deberán colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada carreira. Ademais, tamén se establece que os tres primeiros clasificados en cada categoría levarán cadanseu trofeo. Neste sentido, os vencedores terán que acreditar a súa idade presentando o carné de identidade ou ben o pasaporte. A entrega de premios realizarase ao final de todas as probas.