[31-10-2015] O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames, a Deputación da Coruña, o corpo de Protección Civil do Concello de Santiago e o salón de beleza Paula de Bertamiráns, organiza este luns, 2 de novembro, a proba de supercross “Gran Premio Concello de Ames-Dagan Cup Supercross 2015”, que se desenvolverá no circuíto SX “Alex de Moure”, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda. Nesta proba participarán arredor de 80 pilotos de supercross de toda Galicia. A competición chega a Ames logo de ter que suspenderse o pasado 4 de outubro, debido ao forte vento e choivas rexistradas na data inicialmente prevista para o desenvolvemento da mesma. Desde o Motoclub Ameixenda piden desculpas pola cancelación da proba o pasado mes de outubro e animan aos amantes do motor a gozar deste evento deportivo, inclúido na Dagan Cup, este luns.
A Dagan Cup é a única competición de supercross que se organiza en Galicia actualmente. Trátase dun evento non oficial, interprovincial e non federado, de acordo coa actual normativa galega de deportes, e na que se dan cita os mellores pilotos galegos desta modalidade deportiva xa que actualmente non existe outra proba federada de supercross. A Dagan Cup 2015 está composta de nove probas, das cales dúas desenvólvense en Ames.
Esta é a segunda vez esta temporada que se organiza esta proba no novo circuíto SX “Alex de Moure”. Este recinto de máis de 17.000 metros cadrados conta cun amplo aparcadoiro, situado a escasos metros da pista de competición, e cunhas condicións óptimas tanto para a práctica do deporte como para contemplación desta modalidade deportiva.
Nesta proba inscribíronse arredor de 80 persoas, entre as que se atopan algúns dos mellores pilotos galegos como son Juan Manuel Outón, Óscar Barciela e Adrián Cruz, que compiten na categoría elite. Os participantes estarán divididos en seis categorías diferentes: elite, veteranos, promoción, 85 cc, alevín (50 cc e 65 cc) e hobby que son os que se inician neste deporte.
Pola mañá, entre as 11:00 e as 13:00 horas, desenvolveranse as verificacións técnicas e administrativas. De seguido, os pilotos farán adestramentos libres. Este é o momento no que os deportistas toman contacto coa pista na que van ter que competir e mostrar as súas habilidades. Ás 15:00 horas dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría. Ao remate da proba realizarase a entrega de trofeos.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "O Gran Premio Concello de Ames-Dagan Cup de Supercross, este luns 2"