- Tematica
Ao redor dun cento de rapaces e rapazas de primaria de Ames desfrutan este ano dos campamentos de verán que organizou a Aula de Medio Ambiente en varios espazos especializados neste tipo de actividades. A rapazada comparte experiencias na natureza, fai rutas de sendeirismo, visita lugares novos, practica deportes de auga, participa en xogos cooperativos e veladas nocturnas. Este ano os campamentos elixidos foron: “Corazón de Carballo” en Tomiño, “Naturmaz” en Mazaricos, “Alvarella” nas Fragas do Eume e “O Terrón”, en Vilanova de Arousa. Está pendente que 50 rapaces e rapazas viaxen a “El Kiriko” en Fornelos de Montes, un dos campamentos estrela aos que leva acudindo a rapazada de Ames desde hai anos. A estadía será do 31 de agosto ao 5 de setembro e poderán acudir rapaces e rapazas de 6 a 14 anos. Aínda quedan prazas dispoñibles. Quen queira apuntarse pode facelo até o día 31 de xullo, enviando un correo a auladanatureza@concellodeames.gal. Cómpre salientar que este verán extremáronse as medidas de seguridade e de prevención da COVID19.
Non foi un ano fácil tampouco para a actividade de campamentos que con tanto éxito leva desenvolvendo o Concello de Ames desde hai varios anos. A pandemia da COVID19 provocou que se programasen menos prazas para cada campamento e o receo de moitas familias a enviar os seus nenos e nenas lonxe da casa en medio dunha pandemia que aínda non está resolta. Ademais, a propia concellaría de Transición Ecolóxica que xestiona os campamentos a través da Aula da Natureza, decidiu reducir á terceira parte o número de prazas ofertadas en cada campamento, baixando aínda máis a ratio de campistas que esixía a normativa. Emporiso, preto de 50 rapaces e rapazas de Primaria gozaron xa do seu campamento de verán e cincuenta máis poderán facelo nos primeiros días de setembro no campamento Kirico de Fornelos de Montes.
Un ano difícil
“Este foi un verán complicado. Até o último momento no sabíamos moi ben que podía pasar. Moviámonos entre o temor a que non chegasen as prazas, posto que nos decidimos reducir á terceira parte o número de rapaces e rapazas que podían asistir, incrementando así as medidas de seguridade propostas pola Xunta que as establecía no cincuenta por cen, e o medo a que as familias non se animasen a inscribir aos seus fillos e fillas nun momento tan delicado. Notouse este medo no feito de que foron moitos menos os rapaces e as rapazas que se apuntaron este ano aos campamentos de verán, pero tamén se notou a confianza no bo facer do Concello nesas case 80 familias que ao final enviaron aos seus fillos e fillas aos campamentos”, manifesta o concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens, quen tamén fundamenta nestas circunstancias e nestes temores o incremento de demanda que tivo o campamento urbano este ano: “Está claro que fronte a elección de que os nenos e as nenas durman ou non durman na casa, este ano, moitas familias optaron por ter as fillos cerca, de aí a demanda moito maior que tivo o campamento Urbano da Aula da Natureza”.
Pequenos Minimundos en Corazón de Carballo
Era o primeiro verán que o Concello de Ames confiaba unha das súas quendas de campamentos á Granxa Escola Musical “Corazón de Carballo” e a experiencia, segundo a responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, “non puido ser mellor”. 20 rapazas e rapazas de 1º e 2º de Primaria partiron para ese espazo natural, situado no concello de Tomiño, o 16 de xullo e regresaron 18. Para moitos e moias delas era a súa primeira experiencia de campamentos nun ano no que a máscara e xel hidroalcólico conviven nas mochilas coas sandalias e os traxes de baño. No “Corazón de Carballo”, os rapaces e as rapazas aprenderon a facer queixo, coidaron da horta, alimentaron o gando, fixeron shows musicais e televisivos nos que tiveron a oportunidade de entrevistar a supostos pirómanos e turistas que sementaban lixo polos montes e crearon “Minimundos”, pequenos ecosistemas en botes de cristal que poden sobrevivir, xa na casa dos rapaces, durante décadas.
Unha manta raia xigante en Naturmaz
Ao campamento de Naturmaz, en Mazaricos, que se desenvolveu entre o 10 e o 13 de xullo, acudiron rapazas 3º e 4º de Primaria. Era tamén a primeira vez que o Concello de ames elixía este campamento e o resultado foi tamén excelente. A rapazada gozou da que din unha das maiores tirolinas de Galicia. Ademais fixeron tiro con arco, paintball, kayac e todo tipo de xogos de auga. Porén, a actividade que deixou máis abraiados aos 17 nenos e 3 nenas que participaron no campamento foi a manta raia xigante, arrastrada por unha zodiac, na que tiveron a oportunidade de navegar.
Construír e durmir en vivacs nas Fragas do Eume
O campamento da Alvarella, nas Fragas do Eume é un clásico para a rapazada de Ames. Este ano acudiron a este espazo natural protexido 20 nenos e nenas de 5º de Primaria. A ruta polas Fragas é unha excursión que ningún deles esquecerá. Tampouco a actividade de tiro con arco que fixeron no Castelo de Andrade, as rutas de kayac, os talleres de reciclaxe, a piscina, e sobre todo os refuxios, “vivacs”, que eles mesmo construíron para pasar a noite no monte. Cómpre salientar que o campamento da Alvarella é un ecoalbergue que está construído seguindo criterios de adaptación e mímese co entorno, fan o seu propio compost, posúen horta e serven os produtos que eles mesmo cultivan.
Durmir en tendas e aprender a orientarse no Terrón
Do 6 ao 11 de xulllo, estiveron no camping do Terrón, en Vilanova de Arousa, os rapaces e as rapazas de 6º de Primaria. O máis nomeado desta alternativa é que a rapazada ten a oportunidade de durmir en tendas xigantes. Neste campamento, a rapazada fixo moito deporte marítimo e ademais tivo a oportunidade de coñecer a fauna mariña e as algas. Natación, kayak, submarinismo, windsurf foron algunhas das actividades que tiveron ocasión de practicar.
Aínda hai prazas para o campamento de El Kirico
Está pendente que 50 rapaces e rapazas viaxen a “El Kiriko” en Fornelos de Montes, un dos campamentos estrela aos que leva acudindo a rapazada de Ames desde hai anos. A estadía será do 31 de agosto ao 5 de setembro e poderán acudir rapaces e rapazas de 6 a 14 anos. Aínda quedan prazas dispoñibles. Quen queira apuntarse pode facelo até o día 31 de xullo, enviando un correo a auladanatureza@concellodeames.gal.