[26-03-2018] Este luns, 26 de marzo, comezou o programa municipal de conciliación Primavera Lúdica. No total, participan neste programa 119 crianzas, 62 no Milladoiro e 57 en Bertamiráns. As actividades previstas, que se desenvolverán a partir do conto “Isto non é unha caixa” de Antoinette Portis, estarán centrada no potencial creativo das nenas e nenos. O obxectivo da Primavera Lúdica é facilitar ás familias a conciliación da vida laboral e familiar, nestes días de vacacións escolares. O servizo desenvolverase os días 26, 27 e 28 de marzo e o 2 de abril, en horario de 07:30h a 16:00 horas.
Baixo o título “Isto non é unha caixa”, a Primavera Lúdica 2018 tentará afondar na creatividade e na imaxinación das cativas e cativos, co fomento de diferentes habilidades como son a curiosidade, a escoita activa e a observación. Así, a partir do conto do mesmo título do autor Antoinette Portis, as nenas e nenos usuarios aprenderán a xerar ideas sobre o que facer con obxectos que a priori non parecen útiles, para a continuación realizar en grupo unha serie de pequenos “inventos” a partir de caixas.
Alén diso, as crianzas participantes tamén explorarán os seus propios sentimentos, coa realización de varias sesións de pintura-terapia con música. Esta actividade consistirá en pintar, cos ollos pechados e coas mans, un mural deixándose levar polas sensacións que lles transmitan as composicións musicais. Así mesmo, as nenas e nenos tamén deberán debuxar de maneira consciente as diversas imaxes que o seu cerebro xere en función dos diferentes estilos musicais que estean a escoitar.
A Primavera Lúdica desenvolverá, polo tanto, múltiples actividades que combinen o lúdico co educativo. Neste sentido ao longo dos catro días de duración do programa, tamén se levarán a cabo actividades cuxo obxectivo será o de favorecer a cohesión do grupo para favorecer o respecto ás demais compañeiras e compañeiros, a asimilación das normas, a empatía e a igualdade.
Este ano, o servizo conta con 119 usuarias e usuarios, 57 en Bertamiráns e 62 no Milladoiro. Na primeira localidade, as actividades teñen lugar no CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro estas realízanse, en función da idade, na Escola de Educación Infantil ou na Casa da Cultura. A Primavera Lúdica desenvolverase ao longo dos días 26, 27 e 28 de marzo e 2 de abril, en horario de 07:30h a 16:00 horas.
Contido relacionado
Ames Go: "Comeza a Primavera Lúdica"
Compostela 24 Horas: "La Primavera Lúdica empieza hoy centrada en el fomento de la creatividad"