Pestanas principais

Principais medidas a ter en conta cara a nova normalidade en Galicia a partir deste lus 15 de xuño de 2020

Domingo, 14 de xuño de 2020

O Concello de Ames informa das novas medidas que rexerán a partir do vindeiro luns, 15 de xuño de 2020, contempladas na Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. Preme nesta ligazón para coñecer de xeito máis pormenorizado as medidas a ter en conta cara a nova normalidade en Galicia a partir deste lus 15 de xuño.

A partir deste luns, 15 de xuño de 2020, seguen manténdose activas as medidas da fase III como son a posibilidade de circular pola Comunidade Autónoma de Galicia e a eliminación de franxas horarias.

Ademais do cumprimento das medidas de hixiene e prevención indicadas para a prestación do servizo nos establecementos de hostalería e restauración, haberá que cumprir unha serie de medidas:

-Os establecementos de hostalaría e restauración non poderán superar o setenta e cinco por cento da súa capacidade para consumo no interior do local.

-O consumo dentro do local poderá realizarse en barra ou sentado en mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes ou, de ser o caso, grupos de clientes situados na barra ou entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas.

-As terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade ao oitenta por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso que a licenza sexa concedida por primeira vez.

Establecementos e locais comerciais minoristas
Ademais do cumprimento das  medidas de hixiene e prevención indicadas para a prestación do servizo nos establecementos e locais comerciais, estarase ao seguinte:

Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público que non formen parte de centros o parques comerciais non poderán superar o setenta e cinco por cento da súa capacidade total. No caso de establecementos ou locais distribuídos en varios andares, a presenza de clientes en cada unha delas deberá gardar esta mesma proporción.

Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nos locais e establecementos ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física con uso de máscara. Procurarase a atención con servizo preferente para maiores de 65 anos.

Mercadillos
No caso dos mercados que desenvolven a súa actividade na vía pública ao aire libre ou de venda non sedentaria, coñecidos como mercadillos, non poderán superar o setenta e cinco por cento dos postos habituais ou autorizados, limitando a afluencia de clientes de maneira que se asegure o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.

Durante todo o proceso de atención ao consumidor deberá manterse a distancia de seguridade interpersoal establecida entre o vendedor e o consumidor, que poderá ser dun metro cando se conte con elementos de protección ou barreira. Procurarase evitar a manipulación directa dos produtos por parte dos clientes.

Bibliotecas
As bibliotecas prestarán os servizos para as actividades de préstamo e devolución de obras, lectura en sala, información bibliográfica e bibliotecaria e préstamo interbibliotecario, así como o resto de actividades ordinarias propias do servizo bibliotecario, sen que na ocupación de salas podan superar o setenta e cinco por cento sobre a súa capacidade ou capacidade máxima permitida Este límite de ocupación será aplicable tamén á realización de actividades culturais nelas.

Poderase facer uso dos medios tecnolóxicos das bibliotecas destinados para o uso público, así como de catálogos de acceso público en liña, catálogos en fichas da biblioteca ou publicacións electrónicas.

Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal nas súas instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física con uso de máscara.

Deporte
A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de vinte e cinco persoas de forma simultánea.

A práctica da actividade deportiva federada de competencia autonómica poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de 25 persoas simultaneamente no caso dos adestramentos. Non se aplicará este límite nas competicións onde as regras federativas garantan espazos diferenciados para cada equipo. No caso de realizarse en instalacións deportivas, a práctica axustarase ademais aos termos establecidos para as mesmas.

Nas instalacións deportivas pechadas do Concello de Ames, os clubs poderán realizar actividade deportiva en grupos de ata vinte e cinco persoas, sen contacto físico, e sempre que non se superen os dous terzos da capacidade máxima permitidas.

A actividade deportiva nas instalacións municipais pechadas, requirirá a concertación de cita previa coa entidade co Concello de Ames. Para iso, organizaranse quendas horarias, fóra dos cales non se poderá permanecer na instalación.

Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física.

Piscina
As piscinas ao aire libre ou cubertas, para uso deportivo ou recreativo, deberán respectar o límite do setenta e cinco por cento da súa capacidade, tanto no relativo ao acceso como durante a propia práctica deportiva ou recreativa. Quedan exentas destas limitacións as piscinas unifamiliares de uso privado. Na utilización das piscinas procurarase manter as debidas medidas de seguridade e protección, especialmente na distancia de seguridade interpersoal entre os usuarios.

Restablecemento de actividades suspendidas a partir do 1 de xullo
Sempre que a evolución da situación epidemiolóxica así o aconselle, a Administración autonómica poderá permitir o restablecemento, a partir do 1 de xullo, das actividades que se indican a continuación, nas condicións que previamente ela estableza:

-Os establecementos que se destinen a ofrecer xogos e atraccións recreativas deseñados especificamente para público de idade igual ou inferior a 12 anos, espazos de xogo e entretemento, así como a celebración de festas infantís.

-Os locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, sen prexuízo da apertura das terrazas ao aire libre regulada no punto 3.34 do anexo.

-As festas, verbenas e outros eventos populares, así como as atraccións de feiras.

Cartel sobre as principais medidas a ter en conta cara a nova normalidade en Ames