Pestanas principais

Probas e obstáculos do “Humor Amarillo” no Trouleando do mes de abril

Sábado, 16 de abril de 2022

A Concellaría de Mocidade continúa co programa Trouleando coa súa cuarta proposta do ano, unha saída a un circuíto de actividades inspirado no programa “Humor Amarillo”. Será o próximo sábado 30 de abril, con servizo de autobús dende o Milladoiro e Bertamiráns. As persoas interesadas poden inscribirse enviando esta ficha de inscrición cumprimentada ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal, entre o martes 19 e o venres 22 de abril.  As prazas asignaranse por orde de chegada e están abertas á mocidade a partir dos 12 anos (nada no 2009).

O Trouleando desprázase en abril ata Feáns, na Coruña, para pasar unha mañá de retos nunha xincana inspirada no programa de televisión xaponés “Fūun! Takeshi-jō”, coñecido en España como “Humor Amarillo” e internacionalmente como “Takeshi’s Castle”. As instalacións do centro de actividades, que contan cun amplo terreo de máis de 6.000 metros cadrados, inclúen probas e obstáculos que replican aos do concurso televisivo.

As persoas que participen na xornada enfrontaranse a varios retos grupais e individuais, para demostrar que equipo ten máis axilidade, destreza e valentía. Algunhas das probas das que poderán gozar son a parede de puños, a pista inchable, a ponte colgante, os “rodillos” ou os loitadores de sumo, entre outras.

Ao tratarse dunha actividade que require movemento e certa actividade física, recoméndase a utilización de roupa deportiva, preferiblemente pantalóns longos e tenis de deporte. Ademais, pídese evitar levar pezas ou accesorios que poidan danar os elementos inchables que compoñen algunhas partes do circuíto.

Poderá participar nesta xornada de probas e obstáculos a mocidade empadroada no concello de Ames a partir dos 12 anos (persoas nadas no 2009). A proposta contará con servizo de autobús dende os dous núcleos urbanos principais do concello para desprazarse ata Feáns, na Coruña. O transporte sairá do Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:00 horas e volverá ás 15:15 horas. Pola súa banda, os horarios de ida e volta dende a Casa da Cultura do Milladoiro serán as 9:15 e as 15:00 horas.

Será preciso contar cun mínimo de 15 mozas e mozos para desenvolver a proposta. En caso contrario, o Concello de Ames poderá anular a actividade.

Para calquera dúbida, pódese contactar coa Oficina Municipal de Información Xuvenil, a OMIX, no correo electrónico omix@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Troula para a mocidade da man de ‘Humor Amarillo’"

Probas e obstáculos do “Humor Amarillo” no Trouleando do mes de abril

Multimedia

  • Probas e obstáculos do “Humor Amarillo” no Trouleando do mes de abril