Pestanas principais

A programación cultural continúa este venres 5 de marzo coa representación dos espectáculo teatrais “Mai Mai” e “Sofía e as Postsocráticas”

Martes, 02 de marzo de 2021

A programación cultural de teatro, música e danza de 2021 continúa este venres, 5 de marzo, co espectáculo Mai Mai, da compañía Baobab Teatro.  A obra de teatro está dirixida a nenos e nenas de máis de 5 anos de idade. Terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 18.00 horas. O mesmo día, 5 de marzo, retómase a actividade cultural dirixida a un público adulto. A obra Sofía e a Postsocráticas, da compañía Inversa Teatro, representarase no Milladoiro ás 20.30 horas. Preme nesta ligazón para ver a programación completa de teatro, música e danza.

Mai Mai conta a historia do último Oso Panda do planeta e a súa loita por sobrevivir, a falta de comida e os problemas ocasionados polo quentamento global fan difícil a supervivencia desta especie. Unha muller emprendedora e moi revolucionaria e un famoso fotógrafo comezan unha viaxe por separado para atopar o último Panda do planeta, toda unha aventura na que se atoparán unha chea de problemas que solucionar...

Unha historia tenra e moi divertida onde se mestura o amor, a codicia, o éxito e a concienciación medioambiental. A obra de teatro, da compañía Baobab Teatro, representarase este venres, 5 de marzo, ás 18.00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Entradas na billeteira electrónica
Xa se poden mercar as entradas na Billeteira electrónica. A entrada xeral ten un prezo de 4 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2 euros. As entradas para asistir a este espectáculo tamén se poden adquirir na Casa da Cultura de Bertamiráns o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo (de haber entradas dispoñibles).

Coa finalidade de facilitar a asistencia aos espectáculos e potenciar a participación establécese un prezo reducido do 50% do custo ordinario da entrada a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos, a persoas menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos e mozas co carné xove e a persoas demandantes de emprego (no control de accesos dos auditorios poderá solicitarse a documentación acreditativa da idade).

Sofía e a Postsocráticas
O mesmo día, 5 de marzo, retómase a actividade cultural dirixida a un público adulto. A obra Sofía e a Postsocráticas, da compañía Inversa Teatro, representarase no Milladoiro ás 20.30 horas. Versa sobre a violencia machista, afondando nas causas da estrutura do maltrato. A partires de tres personaxes en escena: Sócrates, Platón e Aristóteles (interpretados por mulleres) trataremos de buscar un novo logos, é dicir, un novo patrón interpretativo da realidade no que poidamos facer o cálculo do que é ou o que non é violencia machista. Para este espectáculo están practicamente todas as entradas vendidas.

Actividades en marzo
O 12 de marzo estará no Milladoiro o espectáculo Almanaque musical, da compañía Percubebés. Esta obra de música folk tradicional, e dirixida a nenos e nenas de cero a tres anos, mostra aos pequenos e pequenas o ciclo do ano con graciosas cantigas acompañadas por Pelán. Pelán ensinará o día que é, e todo o que abrangue o almanaque e a súa relación coa lúa, as mareas, o agro, as festas. A arpa de Bea e a voz de Marcelo do Bode completan o elenco facéndonos cantar e bailar sen deixar de aprender.

Os días 26 e 27 de marzo, a compañía Contraproducións estará en Bertamiráns coa obra Mocos. Trátase dunha comedia unipersonal inspirada nunha imaxe da pandemia: uns nenos no recreo, illados en cadanseu cadrado no patio dunha escola. Que memoria gardarán diso cando crezan? É como un moco que se espalla nace un fío de divertidas historias escolares vividas e lembradas polos adultos de hoxe e que, desde o humor e a emoción, xogan cos medos e esperanzas que herdamos e deixamos en herdanza.

A obra de teatro Don Gaiferos, de Os Monicreques de Kukas, estará no Milladoiro o día 26 de marzo ás 18.00 horas. Os actores, actrices, monicreques e músicos, a modo de opereta e partindo do romance popularizado por Don Faustino, irán incorporando cancións e músicas do folclore galego. Contarase un dos milagres atribuídos ao Apóstolo Santiago que narra a viaxe do peregrino francés Gaiferos de Monmarltan ata a súa morte aos pes do santo na Catedral compostelá.

Aforo do 30%
Todos os eventos se realizarán seguindo as normas hixiénico-sanitarias vixentes publicadas no DOG. Por este motivo, actualmente o aforo máximo permitido en cada función é do 30%. En canto ás funcións que estaban previstas para a última semana de xaneiro as tres primeiras de febreiro e non se puideron realizar, por mor da situación sanitaria, programáronse para novas datas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Venres teatral para os nenos cun oso panda e adultos con violencia machista"

Mai Mai.

Multimedia

  • Cartaz Mai Mai.
  • cartel Sofia e as postsocraticas