[26-09-2012] Durante o último trimestre do ano, o Concello de Ames desenvolverá un completo programa de actividades deseñado para ofertar unha gran variedade de alternativas de ocio para todo tipo de públicos. A programación cultura e deportiva Outono 2012 centrará a súa atención na celebración da VII Mostra de Teatro Afeccionado, do X Festival de Maxia, a celebración do Magosto, ou do Concurso de Cartas de Nadal, pero ofrece ademais unha ampla programación de actuacións musicais, proxección de filmes, itinerarios ambientais, representacións teatrais, excursións, obradoiros de elaboración de adornos de Nadal, e competicións deportivas, entre outras iniciativas.
O Concello de Ames ofrece a toda a veciñanza amiense unha ampla programación cultural e deportiva para todos os públicos. Todas as fins de semana organízanse numerosas actividades nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. A estas actividades tamén se suman en moitas ocasións varias exposicións de pintura ou outro tipo de artes, que normalmente se poden visitar no Pazo da Peregrina, e os obradoiros que se desenvolven na Aula da Natureza.
Seguindo esta liña de traballo o Concello acaba de presentar a programación do "Outono 2012", que se desenvolverá durante os tres próximos meses e onde destaca a sétima edición da Mostra de Teatro Afeccionado, que contempla catro representacións. Esta mostra comezará o venres 5 de outubro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, coa representación por parte do grupo municipal de teatro de Ames da obra O Médico a Paus.
O venres, 12 de outubro, será a quenda da Escola Municipal de Teatro de Negreira. A partir das 20:00 horas, interpretarán na Casa da Cultura do Milladoiro a obra ¡¡¡Vaia función!!!, recomendada a persoas que teñan a partir dos 12 anos. A mostra de teatro continuará o venres 19 de outubro en Bertamiráns. O grupo Aquelando Teatro de Muros porá en escena a obra Allan, que tamén está recomendada para persoas a partir dos 12 anos. A función terá lugar ás 21:00 horas. A mostra de teatro afeccionado pecharase o venres 26 de outubro coa representación da peza teatral Café interpretada polo grupo O Atruruxo de Melpómene. Esta representación terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro a partir das 21:00 horas.
Oferta teatral
A oferta de teatro en Ames continuará durante os meses de novembro e decembro. A primeira cita co teatro profesional terá lugar o día 9 de novembro. Nesta xornada, en horario de 11:00 h e 21:00 horas, o grupo Malasombra interpretará na Casa da Cultura de Bertamiráns a obra Smoke City. A primeira sesión, que se desenvolverá pola mañá, está dirixida ao público escolar, mentres que a da noite estará aberta a todos os públicos.
Ademais, os nenos e nenas amienses poderán gozar de teatro infantil o venres 16 de novembro. A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a representación do grupo Babaluva, que interpretará a obra Cama e conto. Neste caso tamén haberá dúas sesións: unha ás 11:00 horas da mañá, destinada ao público escolar, e outra ás 18:30, dirixida ao público familiar.
O mes de novembro rematará cunha nova obra de teatro destinada ao público adulto. Será o 30 de novembro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O grupo Obras Públicas representará a obra O fútbol é así.
Por último, xa no mes de decembro achegarase á Casa da Cultura de Bertamiráns o grupo Eme2, que interpretará a obra Sexo? Por que non? en dúas quendas. A primeira será ás 11:00 h e estará dirixida ao público escolar. A segunda está programada para as 21:00 horas e está destinada ao público adulto.
Celebración do Magosto
Para celebrar o Magosto o Concello de Ames preparou varias actividades que terán lugar o venres 9 e o sábado 10 de novembro. O venres haberá unha charla-coloquio de iniciación aos cogomelos. Esta charla celebrarase na Aula da Natureza das 19:00 h ás 21:00 horas e está dirixida a todos os públicos. As persoas que asistan a esta actividade coñecerán as diferentes variedades de cogomelos e a diferenciar os cogomelos comestibles, non comestibles e velenosos.
Para o sábado, 10 de novembro, está previsto realizar unha saída por diferentes zonas do municipio para recoller cogomelos. O punto de saída será a Praza do Concello, en Bertamiráns, ás 10:00 horas. Xa pola tarde, na festa do Magosto, identificaranse e expoñeranse os cogomelos recollidos pola mañá. Ademais, o Magosto estará amenizado pola charanga Oito nun piso. Para a celebración do Magosto elaborarase un programa específico.
Obradoiros, visitas guiadas e itinerarios ambientais
De xeito paralelo desenvolveranse varias actividades dirixidas a todos os públicos nos que se tratará de recuperar tradicións como as Muiñadas ou aprender a conservar os alimentos de xeito natural. O sábado 6 de outubro o lugar de Lamas, pertencente á parroquia de Ames, acollerá unha Muiñada, na que un veciño desta aldea explicaralle aos participantes o funcionamento dun muíño e as súas partes. Ademais, aprenderán a moer, recoller a fariña e peneirala. Tamén haberá tempo para elaborar un moneco con follas da planta do millo. Esta actividade está dirixida a todos os públicos.
Dúas semanas despois, o sábado 20 de novembro, comezará o obradoiro de conservación caseira e natural dos alimentos. Esta actividade estará divida en tres xornadas. Durante o primeiro día explicaranse distintas nocións sobre a conservación e o conxelado de alimentos. A segunda xornada dedicarase ao afumado e escabeche, mentres que na terceira xornada tratarase a salmoira e desecación de alimentos. Nesta actividade explicaráselle aos asistentes as causas que provocan o deterioro dos alimentos e o xeitos que existen para evitalo. Ademais de charlas explicativas haberá casos prácticos. Estes obradoiros desenvolveranse na Aula da Natureza, en horario de 11:00 h a 13:30 horas.
O sábado haberá unha visita guiada á Cidade da Cultura na que se poderá gozar do complexo arquitectónico e da exposición Galicia Petrea. Todas as persoas que desexen participar nesta actividade terán que facer a correspondente inscrición entre o 15 e o 22 de outubro, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e na Casa da Cultura do Milladoiro. Hai dispoñibles 50 prazas. Este visita ten un custo de 5 euros (os menores de 18 anos terán un desconto do 50%). As saídas para esta actividade establécense as 10:00 h en Bertamiráns e as 10:15 h no Milladoiro.
Para o día seguinte, o domingo 28 de outubro, organizouse un itinerario ambiental pola Ruta de Riamontes. Os amienses percorrerán sete quilómetros andando polos arredores do regato e dos muíños que hai no seu contorno. Na metade da andaina os camiñantes chegarán ao Alto de San de Marcos onde se pode gozar dunha panorámica do Val da Maía. Trátase dunha andaina aberta a todos os públicos que é circular, polo que arranca e remata no lugar do Vilar.
Actuacións musicais
A programación musical comezará o sábado 27 de outubro, ás 20:00 horas, coa actuación da coral polifónica de Padrón. Este evento está organizado pola Asociación Cultural Pedra do Fuso, en colaboración co Concello de Ames, e desenvolverase na Casa da Cultura de Bertamiráns.
A música continuará o venres 23 de novembro nun concerto de música folk tradicional a cargo do trío Vaamonde Lamas e Romero. O concerto terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns a partir das 21:00 horas. O día seguinte, sábado 24 de novembro ás 19:00 horas, haberá un concerto de corais na Casa da Cultura do Milladoiro no que actuarán a Coral Endesa das Pontes e a Coral Polifónica de Bugallido.
Programación deportiva
A programación deportiva estará composta pola décimo terceira edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames, que se desenvolverá o domingo 4 de novembro, a partira das 11:00 horas, no paseo fluvial e polas rúas de Bertamiráns. Trátase dun evento xa máis que consolidado no termo municipal de Ames e que reúne cada ano a moitos atletas de toda a contorna e doutras localidades de Galicia. Ademais, o sábado 1 de decembro, celebrarase a VII Gala do Deporte, na que se premia aos deportistas e clubs deportivos que destacaron ao longo deste ano. A gala terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro ás 20:00 horas.
Programación de Nadal
Durante o mes de decembro realizarase a actividade Chocolate de Nadal: obradoiro de decoración natural de Nadal, que está dirixido a todos os públicos. Este obradoiro desenvolverase na Aula da Natureza os sábados 1 e 15 de decembro, en horario de 11:00 h a 13:00 horas. Os participantes poderán aprender a elaborar adornos de Nadal con material natural e de refugallo. Como soe ser habitual neste tipo de obradoiros haberá un descanso para tomar un chocolate quente.
A programación de Nadal continua o venres 21 de decembro co Concerto de Nadal-Encontro de Corais, que se desenvolverá a partir das 21:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Este mesmo centro sociocultural acollerá o xoves 27 unha sesión de danza a cargo da compañía Traspediante, mentres que o venres 28 proxectarase unha película infantil na Casa da Cultura do Milladoiro.
Ademais, durante o mes de decembro desenvolverase a décima edición do Festival de Maxia. Este evento realizarase o sábado 15 e o domingo 16 nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, respectivamente. Para este festival desenvolverase un programa de actividades específico. Ademais, durante este mes organizarase o concurso de Cartas de Nadal. As cartas deberán depositarse ata o 18 de decembro nas caixas de correo real instaladas nos locais municipais. Todos os nenos/as que participen recibirán unha carta de contestación no seu domicilio e un pequeno agasallo de Nadal.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "O Outono 2012 amiense encherá A Maía de teatro"