Pestanas principais

A programación das bibliotecas municipais polo Mes do Libro inclúe once iniciativas de animación á lectura

Venres, 14 de abril de 2023

O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames prepara co gallo da celebración do Mes do Libro, abril, unha serie de obradoiros, sesións de narrativa oral, concursos, teatro e encontros literarios. As actividades, que xa están postas en marcha dende comezos de mes, estenderanse ata o xoves 27. 

Coma todos os anos dende o 1996, o 23 de abril conmemórase o Día Internacional do Libro, unha xornada que de xeito anual trae consigo un mes de programación especial nas bibliotecas do Concello de Ames. Nesta ocasión, o mes do libro incluirá obradoiros, sesións de contacontos, encontros literarios, concursos de debuxo e teatro.

A programación abriuse os pasados días 11, 12 e 13, coa narración de “Contos sobre contos”, unha sesión de contacontos para nenos e nenas de entre 3 e 8 anos que tivo lugar na biblioteca de Bertamiráns. Repetirase na biblioteca do Milladoiro, o martes 25, mércores 26 e xoves 27, sempre ás 17:30 horas. Para inscribirse é preciso enviar, entre o 17 e o 22 de abril, un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal indicando nome, apelidos e idade dos nenos/as que vaian a participar, así como un número de teléfono de contacto.

Por outra banda, esta tarde, ás 17:30 horas, representarase na biblioteca do Milladoiro a obra de teatro infantil “O valo”, con Carlos Labraña e Pablo Núñez. A obra, de Furabolos Teatro, recibiu o Premio Manuel Murguía de Teatro Infantil. “O valo” narra unha historia no medio do deserto. O Soldadiño de Chumbo, un neno soldado, chanta unha bandeira e coloca un valo de arame xusto no punto no que o mapa marca a fronteira. Do outro lado, Sáhara, unha rapaza que fuxe da guerra, trata de convencelo de que a deixe pasar, posto que está procurando un pozo no que saciar a súa sede. Novamente, haberá tamén unha sesión na biblioteca de Bertamiráns, o día 20 de abril, tamén ás 17:30 horas. A entrada é libre e de balde.

Así mesmo, as bibliotecas preparan tamén a visita do alumnado da EEI O Milladoiro, que terá lugar o martes 18 e o xoves 20.

Día do Libro
O Día do Libro, o sábado 22 de abril, organizaranse diversas iniciativas. Por unha banda, desenvolveranse obradoiros infantís que xirarán arredor da literatura. Será ás 16:00 horas, no vestíbulo da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Así mesmo, terá lugar a sesión de teatro “As palabras perdidas”, de Inventi Teatro, dirixida ao público familiar. A obra narra a historia da condesa Colorada e o seu axudante Leocadiof, dous viaxantes chegados dende moi lonxe. Ambos se dispoñen a contar o seu relato preferido cando se decatan de que o conto está cheo de buracos, e faltan palabras como “ganapán”, “vagalume” ou “verme”. As palabras fuxiron, borradas pola falta de uso, e só utilizándoas pronto volverán ao conto. O espectáculo ten unha duración de 45 minutos, e os convites para velo pódense descargar, de balde, a través da Billeteira electrónica do Concello, premendo nesta ligazón.

Ademais, o departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames súmase á programación polo Mes do Libro presentando o libro que recompila os textos gañadores do XIX Certame Literario do Concello de Ames. Será no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 19:30 horas.

Obradoiro “A máquina de facer debuxos animados”
As bibliotecas de Ames poñen tamén en marcha unha iniciativa de animación dirixida á rapazada a partir de terceiro curso de Educación Primaria. Trátase dun obradoiro de creación de debuxos animados, que se desenvolverá tanto no Milladoiro (o venres 21 de abril, ás 17:30 horas) como en Bertamiráns (o sábado 22, ás 11:30 horas). O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 20 de abril.

Para anotarse na actividade é preciso escribir un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal no se que indiquen nome, apelidos e idade dos nenos/as que vaian a participar, así como un número de teléfono de contacto.

Concurso de debuxo e campaña Superlectores
Doutra banda, vólvense a organizar, un ano máis, un certame de debuxo e a campaña Superlectores. Por un lado, co “II Concurso de debuxo”, as bibliotecas invitan a todos os rapaces e rapazas que cursan Educación Primaria ou Secundaria a realizar un debuxo cuxo tema verse sobre o Día do Libro ou a lectura en xeral. O debuxo debe presentarse en tamaño folio, e pode levarse a cabo coa técnica que os participantes prefiran (rotuladores, ceras, collages, acuarelas...). Neles, a rapazada poderá expresar, por exemplo, cal é o seu libro favorito ou o seu momento ideal para ler, por que animan a outros cativos e cativas a iniciarse na lectura, etc.

Os interesados en participar no concurso xa poden presentar, ata o vindeiro 23 de abril, os seus debuxos. Deben facelo de maneira presencial nas propias instalacións das bibliotecas ou ben enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal, no que ademais da obra do neno/a figuren tamén o seu nome e apelidos, unha foto e un teléfono de contacto. As bases e os premios pódense consultar ao completo premendo nesta ligazón.

Por outra banda, a campaña “Superlectores” diríxese tanto ao público infantil como aos adultos. Así, establécense tamén dúas categorías (unha para persoas menores de 14 anos e outra para maiores de 14 anos). Cada usuario e usuaria poderá conseguir unha tarxeta de Superlector ou Superlectora (de cor branca para a categoría infantil e de cor laranxa para a categoría de adultos), solicitándoa nas instalacións das bibliotecas ata o vindeiro 1 de outubro.

Os usuarios irán recibindo un selo por cada préstamo que soliciten nas bibliotecas amesás. Unha vez cheas, as tarxetas recolleranse para así entrar no sorteo dun lote de libros, que terá lugar o 20 de outubro. En total haberá 8 premios na categoría infantil e 6 na de adultos.

Encontros literarios con autores
As bibliotecas continúan tamén cos seus habituais encontros literarios. Á cita con Marilar Aleixandre, que presentou “As malas mulleres” este mércores, 12 de abril; e con Xelís de Toro, que estivo no Pazo da Peregrina falando de “Etceteramente” o xoves 13, súmase Charo Pita. A autora presentará “Del cacao al chocolate” o 26 de abril, ás 20:00 horas, tamén no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

Para rematar, a escritora e experta en protocolo Margarita Murillo protagonizará outro encontro co club de lectura, que terá lugar o 26 de abril ás 21:00 horas, na biblioteca do Milladoiro.

Cartaz das actividades do departamento de Bibliotecas polo mes do libro

Multimedia

  • A programación das bibliotecas municipais polo Mes do Libro inclúe once iniciativas de animación á lectura